O Banato de Bosnia (en serbocroata: Banovina Bosna / Бановина Босна ), ou BanatoBosníaco ( Bosanska Banovina / Босанска бановина ) foi un estado medieval situado no que hoxe é Bosnia e Hercegovina. Inda que os reis húngaros consideraban Bosnia como parte das terras da Coroa Húngara, o Banato de Bosnia foi un estado independente de facto durante a maior parte da súa existencia.[1][2] Foi fundado a mediados do século XII e existiu ata 1377 con interrupcións baixo o reinado da familia Šubić entre 1299 e 1324. En 1377, foi elevado a reino. A maior parte da súa historia estivo marcada por unha controversia política e relixiosa que xiraba arredor da Igrexa cristiá bosníaca nativa, condenada como herética polas igrexas cristiás calcedonias dominantes, é dicir, as igrexas católica e ortodoxa oriental, sendo a Igrexa católica particularmente antagónica e perseguindo os seus membros a través dos húngaros.[3][4]