Sauna castrexa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Balneario castrexo»)
Sauna da citania de Sanfins (Paços de Ferreira, Portugal).

A sauna castrexa (ou monumento con forno) é unha construción megalítica propia da cultura castrexa (territorio da antiga Gallaecia: Galicia, occidente de Asturias e Norte de Portugal) que consistía nunha sauna de uso ritual (rituais do baño de vapor).

Nun principio pensouse que a orixe destas saunas galaicas era romana, porén hoxe sábese que xa existían nos castros varios séculos antes. Comezan a construírse a fins do século V a.C. ou comezos do século IV a.C.. Algunhas saunas continuaron a ser empregadas en tempos romanos, polo que sufriron reformas e engadidos na súa estrutura para se adaptaren a novos usos termais. Son edificios rectangulares diferentes ás outras construcións dos castros, cunha gran pedra decorada no medio do edificio (pedra formosa) que facía de separación e cun buraco na parte baixa coma porta de acceso á cámara da terma e evitaba a perda do vapor e da calor.[1]

Téñense identificado oito saunas castrexas en Asturias e Galicia, existen ademais outros casos de discutible identificación.

Xa Estrabón falaba deste costume dos galaicos:

“Disque algúns dos pobos das marxes do río Douro viven á maneira dos Laconio (Esparta). Úntanse con óleo dúas veces (por día) en lugares especiais e toman baños de vapor, feito con pedras aquecidas no lume e (despois) báñanse en auga fría.” [2]

Descrición[editar | editar a fonte]

Vista da sauna do castro de Castañoso (A Fonsagrada).

Todas as saunas castrexas de Galicia, Asturias e Norte de Portugal teñen características comúns. A maior parte delas áchanse fóra do poboado, preto de regos con calidades terapéuticas. Porén, mentres as saunas lucenses e ástures adoitan estar no mesmo poboado, as bracarenses áchanse vinculadas coas vías de acceso aos grandes oppida. Constan dun forno e dunha sala de vapores á que hai que entrar arrastrándose a través dun pequeno burato.

Dentro das sinxelas edificacións dos castros, as saunas son edificios senlleiros con relativa monumentalidade e complexidade. Son construcións subterráneas. A planta é rectangular cunha cabeceira polo xeral en ábsida e unha cuberta a dúas augas sostiña nunha falsa bóveda. Internamente aparecen distintos cuartos sucesivos. Poden ademais identificarse depósitos de auga, canos e zonas de combustión. O acceso á estancia central e cabeceira realizábase a través de paneis de madeira ou, no caso das saunas bracarenses, a través da pedra formosa, gran monólito a través do cal accedíase á cámara de vapor e evitaba a perda de calor e vapor na cámara. A primeira pedra formosa áchase cando non se coñecía a existencia das saunas no século XVIII na citania de Briteiros, no Norte de Portugal. Ten un talle monumental polo que espertou o interese de eruditos como Silva, Sarmento ou Hübner. En 1930 achouse outra pedra en Briteiros que conservaba a súa posición orixinal no edificio polo que o misterio quedou resolto. As pedras formosas máis decoradas con motivos xeométricos celtas son as bracarenses: como a de Briteiros, Alto das Eiras ou Alto das Quintas.

Función[editar | editar a fonte]

Non se coñece exactamente o significado da construción das saunas. Sábese que servían coma baños de vapor non lúdicos, mais o que non se sabe é o ritual en si. Algúns investigadores cren que eran ritos de paso practicados por sociedades guerreiras protocélticas mentres que outros cren que era un xeito de loar as divindades indíxenas como Nabia e outras divindades de natureza acuática[3].

Outros expertos, coma Felipe Arias, opinan que podería ter un valor iniciático para a xente nova, como un tránsito cara a vida adulta. García Quintela interpreta que as saunas son unha ferramenta que consiste en acumular as catro potencias da física antiga: lume, auga, terra e ar.

Pedra formosa[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Pedra formosa.

Unha pedra formosa é un monólito de grandes dimensións da arquitectura do período da cultura castrexa localizado no interior das saunas castrexas dos castros, e permitía o acceso ao compartimento dos baños e vapores quentes a través dunha pequena abertura.

Exemplos[editar | editar a fonte]

As saunas castrexas aparecen en toda a zona de cultura castrexa, especialmente no que hoxe é Portugal e no norte (Norte da Coruña, Lugo e Asturias).

Galicia[editar | editar a fonte]

Pedra formosa, no Castro de Borneiro (Cabana de Bergantiños)
  • Sauna de Castelón de Castañoso, un castro fortificado nun outeiro. Existe unha sauna castrexa nun souto de difícil acceso coñecido por Campo do Castro no Castelón de Castañoso en Maderne, A Fonsagrada (Lugo), sendo un dos poucos exemplos desta construción no actual territorio galego. A pedra formosa atopouse fracturada e a construción, cunha gran falsa bóveda, corría perigo de derrubamento. No verán de 2015 comezaron os traballos de restauración da sauna polo Museo da Fonsagrada por mor do seu perigo de derrubamento. A construción consta dunha cámara de combustión (forno), unha sala de valores e unha vivenda compartimentada, máis alta e complexa do habitual. Unha canle traballada na pedra e por unha ponte de madeira achegaba a auga a unha pía[4]. Ademais da pedra formosa atopáronse unha fíbula de bronce e cerámica. Crese que estas construcións, de orixe prerromana, eran de uso ritual e non lúdico ou hixiénico[5].
  • Sauna do Castro da Atalaia. Outra sauna castrexa descuberta en 1974 é a de Cervo, un achado arqueolóxico importante preto do castro da Atalaia. Foi escavada e volta a soterrar.[3]
  • Sauna do Castro de Borneiro, en Borneiro, Cabana de Bergantiños, na Coruña.
  • Sauna do Castro de Armeá en Augas Santas, Allariz, en Ourense.
  • En 2017 na península do Sarridal, no coñecido por Campo do Castro, no Concello de Cedeira foi atopada nunha construción dun monumento con forno.[6]

Norte de Portugal[editar | editar a fonte]

Pedra formosa na Citania de Briteiros (Guimarães, Portugal).

As saunas castrexas da provincia Bracarense destacan pola beleza das súas pedras formosas. Algúns exemplos son:

Ávila[editar | editar a fonte]

  • No Castro de Ulaca en Villaviciosa, Ávila atopouse unha sauna semellante ás galaicas. Está formada por unha especie de semihipoxeo, tallado parcialmente sobre unha grande pedreira granítica e por muros de pedra na parte norte e tamén nos costados leste e oeste. Hai tempo identificouse como forno ou fragua, mais recentemente atribúeselle un uso termal, comparándoa coas saunas e pedras formosas da cultura castrexa do noroeste. O seu sentido sería ritual, ligado con cerimonias iniciáticas guerreiras suxeridas nalgunhas referencias clásicas[9].

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]