Balamuthia mandrillaris

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Balamuthia mandrillaris
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Amoebozoa
Clase: Lobosea
Orde: Acanthopodida
Familia: Balamuthiidae
Xénero: ''Balamuthia''
Especie: B. mandrillaris
Nome binomial
''Balamuthia mandrillaris''
Ciclo de vida das amebas "de vida libre" causantes de infeccións, entre as que está B. mandrillaris.

Balamuthia mandrillaris é unha especie de amebozoo de vida libre, que causa un tipo de amebíase en humanos,[1] especialmente a afección neurolóxica mortal chamada encefalite amébica granulomatosa. B. mandrillaris pode infectar o organismo humano a través de feridas na pel ou ao inhalar po que a conteña.[2] Balamuthia non foi illada definitivamente na natureza, pero crese que está distribuída nos medio ambientes de todas as rexións temperadas do mundo. Esta suposición está apoiada pola presenza con certa frecuencia de anticorpos contra Balamuthia en individuos sans. O nome do xénero Balamuthia déuselle en honor de William Balamuth (1914-1981) polas súas grandes conribucións aos estudos das amebas parasitas e de vida libre. A especie B. mandrillaris foi descuberta en 1986 no cerebro dun babuíno (ou mandril, de aí o nome mandrillaris), que morreu no Wild Animal Park de San Diego, California.

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Balamuthia mandrillaris é unha ameba, heterotrófa de vida libre, que contén o conxunto normal de orgánulos e está rodeada por unha parede celular de tres capas, e ten un núcleo vesicular anormalmente grande. Como media, un trofozoíto de Balamuthia ten aproximadamente 30–120 µm de diámetro. Os quistes que forma son de aproximadamente ese mesmo tamaño.[3] Ver imaxes en [4] de quistes e trofozoítos en cultivo.

Ciclo de vida[editar | editar a fonte]

O ciclo de vida de Balamuthia, como o de Acanthamoeba, consta dun estadio de quiste e un estadio de trofozoíto, ambos os dous infecciosos, e ambos identificados como inclusións no tecido cerebral no exame microscópico de biopsias cerebrais de individuos infectados. O trofozoíto é pleomórfico e uninucleado, pero ás veces poden verse formas binucleadas. Os quistes son tamén uninucleados e posúen tres paredes: a máis externa e irregular denomínase exoquiste, a máis interna endoquiste, e a intermedia é amorfa e fibrilar e chámase mesoquiste. [5]

Patoloxía[editar | editar a fonte]

Balamuthia mandrillaris pode entrar no corpo a través do tracto respiratorio inferior ou de feridas abertas na pel. Unha vez que se introducen no corpo, estas amebas poden orixinar unha lesión cutánea, ou migrar ao cerebro. Unha vez no cerebro, Balamuthia causa unha encefalite denominada encefalite amébica granulomatosa, que xeralmente é mortal. Os síntomas da infección por Balamuthia non son moi claros, xa que ata agora só se describiron uns poucos casos de infección por Balamuthia, xa que é pouco frecuente. A encefalite amébica granulomatosa inducida por Balamuthia pode causar parálise focal, convulsións, e síntomas do tronco cerebral como parálise facial, dificultade para tragar, e visión dobre.

Balamuthia tamén causa varios síntomas non neurolóxicos, e a miúdo lesións na pel, desde as cales pode migrar despois ao cerebro por vía sanguínea. Moitos pacientes que presentan esta síndrome teñen lesións cutáneas (ás veces similares ás causadas por Staphylococcus aureus ou outras bacterias), que non responden ben aos tratamentos dermatolóxicos. A lesión é xeralmente localizada e tarda en curar ou non cura, e nalgúns casos pode ser confundida con certos tipos de cancro de pel. As lesións causadas por Balamuthia na pel da face poden orixinar queratite amébica, e causar un inchamento facial.

A encefalite causada por Balamuthia presenta unha mortalidade extremadamente alta, e os poucos que sobreviven adoitan quedar con lesións cerebrais.[6][7] [8] [9] Hai algúns casos de tratamentos exitosos cando a infección se colle nos inicios.[10]

Non obstante, a infección por Balamuthia é extremadamente rara, e esta ameba non se considera un perigo para a saúde pública, a pesar da súa ampla distribución xeográfica, xa que só os individuos inmunocomprometidos teñen un risco significativo de contraer a encefalite causada por Balamuthia.

Cultivo e identificación[editar | editar a fonte]

Balamuthia identifícase máis facilmente nas biopsias cerebrais realizadas en individuos que presentan meningoencefalite por Balamuthia. Esta ameba non se pode cultivar en placa de ágar cuberta con bacterias Gram negativas porque, a diferenza doutras amebas, non se alimenta de bacterias. Debe cultivarse en células hepáticas de primate ou en células endoteliais microvasculares do cerebro, ou nas células que forman a barreira hematoencefálica ou HBMECs.[11]

Transmisión en transplantes de órganos[editar | editar a fonte]

Hai uns poucos casos confirmados de transmisión deste parasito por medio dun transplante de órganos (riles, corazón, fígado), que causou nos receptores encefalites, que en varios casos foron mortais.[12][13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Recavarren-Arce S, Velarde C, Gotuzzo E, Cabrera J (March 1999). «Amoeba angeitic lesions of the central nervous system in Balamuthia mandrilaris amoebiasis». Hum. Pathol. 30 (3): 269–73. doi:10.1016/S0046-8177(99)90004-7. PMID 10088544. 
  2. http://www.cdc.gov/Features/organsafety/
  3. Dunnebacke TH, Schuster FL, Yagi S, Booton GC (September 2004). «Balamuthia mandrillaris from soil samples». Microbiology (Reading, Engl.) 150 (Pt 9): 2837–42. doi:10.1099/mic.0.27218-0. PMID 15347743. 
  4. Crédito: DPDX [1]
  5. http://studfier.com/docs/books/Biology/Microbio/Guerrant%20TIDs/Guerrant%20TIDs%20095.pdf
  6. Balamuthia
  7. CBS 13 AP News Report
  8. http://azstarnet.com/news/local/article_b9d95caa-c1db-11df-8394-001cc4c002e0.html?mode=story
  9. http://au.news.yahoo.com/thewest/a/-/wa/8263180/dad-rows-in-memory-of-smiling-isla/
  10. http://cid.oxfordjournals.org/content/37/10/1304.full
  11. Martínez AJ, Visvesvara GS (March 2001). «Balamuthia mandrillaris infection». J. Med. Microbiol. 50 (3): 205–7. PMID 11232763. 
  12. «Balamuthia mandrillaris transmitted through organ transplantation — Mississippi, 2009». MMWR Morb. Mortal. Wkly. Rep. 59 (36): 1165–70. September 2010. PMID 20847719. 
    «Notes from the field: transplant-transmitted Balamuthia mandrillaris — Arizona, 2010». MMWR Morb. Mortal. Wkly. Rep. 59 (36): 1182. September 2010. PMID 20847722. 
  13. Grady, Denise (December 19, 2009). «2 Kidney Recipients Contract Brain Disease From Donor». The New York Times. Consultado o April 26, 2010. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]