BBC One
BBC One é a máis antiga estación de televisión do Reino Unido e do mundo. É a principal canle da BBC, e comezou a emitir como BBC Television Service o 2 de novembro de 1936, aínda que a BBC emitira experimentalmente en gran variedade de formatos dende que o 30 de setembro de 1929 Baird Televisión emitise utilizando os medios da BBC. O 1 de setembro de 1939 as emisións foron interrompidas ata que de novo o 7 de xuño de 1946 volveu transmitir. A estación tivo o monopolio das transmisións de televisión no Reino Unido ata a aparición da ITV en 1955. En 1964 coa aparición de BBC Two pasou a se denominar BBC One.
Historia
[editar | editar a fonte]Inicios de BBC Television
[editar | editar a fonte]O 30 de setembro de 1929 comezou, desde o seu estudio de Long Acre (Londres), as súas primeiras transmisións experimentais de televisión. Para iso a BBC adoptou o sistema para transmisión de imaxes desenvolvido por John Logie Baird, consistente nun sistema de varrido da imaxe de 30 liñas. A retransmisión simultánea de son e imaxe comezou o 30 de marzo de 1930 a través dun novo transmisor, e aos poucos días comezaron a desenvolverse probas de emisión continuada.
A BBC comezaría a desenvolver transmisións cos seus propios medios a partir do 22 de agosto de 1932, creando para iso un novo estudio na capital e novas infraestruturas como o sistema de emisión electrónica. As emisións regulares de BBC inauguráronse oficialmente, desde a banda VHF, o 2 de novembro de 1936,[1] con discursos do Postmaster General (Director Xeral de Correos), do presidente da BBC e do presidente do Consello Asesor da Televisión, o barón Selsdon. A cadea adoptou en 1937 o sistema Marconi de 405 liñas, o cal mostrouse superior ao de Baird en canto a calidade de imaxe. Nun principio, o radio de emisións era de 40 quilómetros ao redor do transmisor situado en Alexandra Palace, pero aos poucos o sinal foi en aumento.
A BBC viuse obrigada a interromper abruptamente o servizo de televisión o 1 de setembro de 1939, ao pouco tempo de estalar a segunda guerra mundial. O último programa emitido foi unha película de animación de Mickey Mouse, Mickey's Gala Premier (1933).
Desenvolvemento da televisión no Reino Unido
[editar | editar a fonte]BBC retomou os servizos de televisión o 7 de xuño de 1946, coa aparición dunha das presentadoras da cadea durante os anos 30, Jasmine Bligh. A Corporación apresurouse en desenvolver o sistema de televisión a través de todo o país, aumentando a cobertura a Birmingham en 1949 coa apertura dun transmisor. A comezos dos anos 50 a cobertura da canle era total en todo o país. A sede da canle de televisión foi Alexandra Palace ata que a cadea mudouse aos estudios de Lime Grove nos 50, e ao BBC Television Centre en 1960, sitio no que permanece desde entón ata 2012, cando, tras desprenderse das instalacións, desprázanse á Broadcasting House no centro de Londres.[2]
Un importante paso para a consolidación de BBC Television foi o comezo regular dos servizos informativos, BBC News, o 5 de xullo de 1954, así como a transmisión de emisións en directo tales como a coroación de Isabel II do Reino Unido, unha das maiores coberturas na historia da canle.
Aparición de cadeas privadas e competencia
[editar | editar a fonte]BBC Television mantivo o monopolio das emisións de televisión ata 1955, ano en que aparece a Independent Television (ITV) en virtude dunha Lei Audiovisual que pretendía desenvolver o servizo de TV a través da competencia. Isto obrigou á BBC a cambiar a súa estratexia, identidade e prioridades, obrigándoa a competir para evitar unha perda de audiencia. Así comezou a implantar programación popular con series, concursos e producións nacionais.
Coa aparición de BBC2, esta cadea pasa a chamarse BBC1 e consolida a súa oferta de programación xeral, relegando á segunda canle unha programación de carácter máis cultural e arriscada. A cadea pasou a emitir no sistema de 625 Liñas do UHF en 1969 e comezou a emitir programación en cor, cesando as emisións en 405 liñas nos anos 80. Ademais ampliou o seu horario de emisións.
BBC na actualidade
[editar | editar a fonte]A canle actualmente mantén a súa oferta de contidos xerais, cunha especial atención á produción propia e aos seus servizos informativos, dentro dunha ampla oferta na BBC que inclúen as novas canles dixitais (BBC Three e BBC Four) e a competencia contra o resto de operadores privados (ITV1, Channel 4, Five). A cadea ha ir perdendo audiencia como parte do proceso de diversificación da oferta televisiva, aínda que recuperou nos anos 90 a condición de cadea máis vista do Reino Unido.
Programación
[editar | editar a fonte]A oferta da cadea é de contidos xerais, pero debe manter uns valores de servizo público, dentro do estipulado pola Corporación. Destaca na produción de programas informativos (2.500 horas anuais), documentais e entretemento. Dentro dos seus programas informativos BBC News inclúe BBC Breakfast, os informativos das 13:00, 18:00 e as 22:00 (o informativo máis visto no Reino Unido), así como a retransmisión meteorolóxica, programas de política e acontecementos especiais ou de última hora. Os seus informativos conectan simultaneamente coa canle de BBC News desde 1997.
A canle destaca tamén na súa produción de documentais, que abarca unha importante parte da grella, e do drama enfocado especialmente na produción propia. A serie máis vista da canle é a novela EastEnders, en emisión desde 1985, e tamén realizou outras series vendidas internacionalmente como Life on Mars, Monty Python's Flying Circus, Little Britain ou Doutor Who entre outras. Dentro do entretemento, BBC exportou a outros países formatos de programas como Strictly come dancing ou Have I Got News for You.
Destacan tamén as emisións deportivas de BBC Sport e a programación infantil de CBBC. Tamén é a canle que emite anualmente no Reino Unido a final do Festival de Eurovisión, certame que organizou en oito ocasións, en 1960, 1963, 1968, 1972, 1974, 1977, 1982 e 1998, o que constitúe o récord entre todas as emisoras participantes no festival.
Programación territorial
[editar | editar a fonte]Para reflectir as distintas nacións que forman o Reino Unido, BBC One ten desconexións rexionais para Escocia, Gales e Irlanda do Norte. A programación varía segundo a rexión e cada centro territorial colabora na programación e cobertura de acontecementos para a Corporación.
Ata a chegada en 2002 da televisión dixital terrestre, a cal permite a recepción da programación rexional en distintos puntos, BBC emitía un informativo xenérico chamado UK Today que recollía as principais noticias de todos os distintos centros territoriais.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ BBC. "The contest". The BBC Story (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de xaneiro de 2013. Consultado o 1 de outubro de 2013.
- ↑ BBC sells Television Centre for £200m
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio oficial (en inglés)