Avro Manchester
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Avro Manchester | |
---|---|
Manchester B Mk.IA | |
Tipo | bombardeiro pesado |
Fabricante | Avro |
Primeiro voo | 25 de xullo de 1939 |
Introducido | novembro de 1940 |
Retirado | 1942 |
Principais usuarios | Royal Air Force Real Forza Aérea do Canadá |
Produción | 1940 - 1941 |
Unidades construídas | 202 |
Variantes | Avro Lancaster |
O Avro Manchester foi un bombardeiro medio nocturno británico usado pola RAF durante a segunda guerra mundial e desenvolvido e fabricado por Avro. O seu prototipo voaría por primeira vez o 25 de xullo de 1939. Resultou ser un fracaso debido á súa falta de prestacións, xa que o motor foi instalado antes de estar a punto, pero a súa célula foi a base do famoso Lancaster, un dos bombardeiros pesados máis capaces do conflito
Avro deseñouno segundo o requirimento P.13/36 que solicitaba un bombardeiro medio bimotor que tamén tivese capacidade de bombardeo en picado e pudese realizar labores de recoñecemento. En xullo de 1937, antes de que o avión voase, a compañía asinaría un contrato co Ministerio do Aire británico para mercar 200 exemplares. Os seus motores Rolls-Royce Vulture deron problemas dende un principio debido a un erro de deseño que facía que fallasen rapidamente por fatiga. Ademais a fábrica de Rolls-Royce estaba saturada de traballo e non podían facer moito por arranxar o problema. O programa cancelaríase en 1942 despois de construír 209 avións (13 dos cales foron destruídos antes da súa entrega por un bombardeo alemán).
Bautizouse co nome de Manchester pola localidade onde residía a compañía Avro e entraría en servizo co 207º Escuadrón, con base en Waddington, en novembro de 1940. A súa primeira misión na guerra sería a noite do 24 ao 25 de febreiro de 1941 e derradeira misión de bombardeo na noite do 25 ao 26 de xuño de 1942.
Desenvolvemento
[editar | editar a fonte]Dúas compañía construíron modelos conforme ao Requirimento P.13/36, aparecido no mes de maio de 1936, A.V. Roe e Handley Page. O requirimento pedía un bombardeiro medio monoplano con dous motores, que fose capaz de realizar ataques de bombardeo en picado superficial (30°) e levar cargas de bombas pesadas (3 630 kg) ou dous torpedos de 457 mm.[1][2] O modelo de Handley Page, o H.P.56 estaba bastante avanzado cando os problemas co motor Rolls-Royce Vulture obrigaron a redeseñalo como H.P.57 con catro motores Rolls-Royce Merlin. O resultado sería o Halifax, construído en grandes cantidades.[3] O Avro 679, construído pola primeira compañía, quedou con dous motores Vulture e foi bautizado como Manchester.
O seu equipo de deseño adoitaba a facer pequenos avións con revestimento téxtil. O Manchester levaba un acabado metálico, tiña maiores pesos e tensións e unha velocidade superior. O resultado foi, a pesar dos seus problemas motrices, o mellor bombardeiro británico que voaría antes da segunda guerra mundial,realizando o seu voo de estrea o 25 de xullo de 1939.
A mediados de 1940 incrementóuselle a envergadura e foi preciso instalarlle unha terceira deriva para mellorar a súa estabilidade horizontal. Con esta configuración comezaríase a súa produción en serie como Manchester Mk I, comezando a entregarse en agosto de 1940. Posteriormente redeseñouse a cola con derivas máis altas e con temóns, desaparecendo a central. Tamén se lle incluíu unha torreta na metade da parte superior da fuselaxe, modificáronse os aleróns e os temóns de altura. Esta variante sería coñecida como Mk IA. Proxectouse a versión Mk II destinada a levar dous motores Napier Sabre ou Bristol Centaurus pero non se chegou a construír ningún.
O Manchester Mk III voou por ver primeira o 9 de xaneiro de 1941 con catro motores Rolls-Royce Merlin e maior envergadura. Este avión converteríase no prototipo do Avro Lancaster.
Características
[editar | editar a fonte]A tripulación do Manchester estaba formada por sete tripulantes: piloto, enxeñeiro de voo, telegrafista, bombardeiro e tres artilleiros. Os artilleiros encargábanse do armamento defensivo do avión, que para a época non era demasiado malo. Tratábase de torretas accionadas electricamente na proa, na cola e na parte superior da fuselaxe. A de proa e a da fuselaxe levaban dúas metralladoras de 7,7 mm, mentres que a da cola contaba con catro do mesmo calibre.
A súa bodega deseñouse para levar bombas de 1.814 quilos e foi esta característica a que lle deu posteriormente ao Lancaster a súa gran flexibilidade. En comparación, o Stirling e o Halifax tiñan bodegas de bombas divididas en seccións, o que limitaba o tamaño das armas que podían levar.
O Manchester estaba equipado con dous motores Rolls-Royce Vulture de 24 cilindros cunha potencia unitaria de 1.760 cabalos. Este converteuse no maior problema do avión e o motivo para que o programa fose abandonado. O motor non logrou desenvolver a potencia desexada, e ademais eran moi pouco seguros. Tiña un erro no deseño que afectaba aos cabezais dos eixos verticais de accionamento de levas, que fallaban rapidamente por fatiga. A sobrecargada fábrica de Rolls-Royce pouco podía facer por arranxar o problema, e o seu director xeral prefería cancelar todo o proxecto.
Variantes
[editar | editar a fonte]- Manchester L7246
- Primeiro prototipo.
- Manchester Mk I
- Primeira versión de produción; construíronse 20 exemplares.
- Manchester Mk IA
- Principal versión de produción con superficies de control máis grandes.
- Manchester Mk II
- Versión proxectada para equipar dous motores Napier Sabre ou Bristol Centaurus. Non se construíu ningún.
- Manchester Mk III BT308
- Esta versión levou catro motores Merlin e tiña máis envergadura. Sería o prototipo do Avro Lancaster.
Especificacións
[editar | editar a fonte]- Tipo: Bombardeiro medio nocturno de sete prazas Avro Manchester Mk IA
- Planta motriz: dous motores Rolls-Royce Vulture de 1.312 hp de potencia unitaria
- Envergadura: 27,46 m
- Lonxitude: 20,98 m
- Peso máximo na engalaxe: 25.402 kg
- Velocidade máxima: 265 millas/h a 17.000 pés
- Alcance operacional: 1.630 millas cunha carga de bombas de 3.629 kg
- Armamento: oito metralladoras de 7,7 mm, unha torreta de cola de catro armas e un máximo de 4.695 kg de bombas