O Aviva Stadium (en irlandés: Staid Aviva, informalmente coñecido como Lansdowne Road ou Estadio de Irlanda)[1] é un estadio polideportico situado en Dublín, capital de Irlanda, con capacidade para 51.700 espectadores. Está situado no lugar do antigo Lansdowne Road (en irlandés: Bóthair Lansdúin), demolido en 2007, e substituíndo a este como como estadio local da selección irlandesa de rugby e de fútbol. O Grupo Aviva asinou en 2009 un acordo por 10 anos para ter os dereitos de nome do estadio.[2]
O estadio, que foi inaugurado oficialmente o 14 de maio de 2010, está situado ao carón da estación de ferrocarril de Lansdowne Road. É o primeiro e único estadio irlandés que está na categoría UEFA de Elite Stadium, albergando a final da UEFA League de 2011. Tamén albergou a Copa das Nacións, unha competición futbolística celebrada en 2011. Actualmente é a sede das seleccións irlandesas de rugby e fútbol, así como dalgúns encontros do Leinster Rugby. Mentres que o seu predecesor era propiedade exclusiva da Federación Irlandesa de Rugby (IRFU), o actual estadio está controlado por unha sociedade participada a partes iguais polas federacións irlandesas de Rugby e de Fútbol denominada Lansdowne Road Stadium Development Company (LRSDC). Esta sociedade ten os dereitos de explotación durante 60 anos, ao cabo dos que o estadio volverá ser propiedade exclusiva da IRFU.[3]