Avaliación ambiental estratéxica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Avaliación Ambiental Estratéxica, coñecida tamén polo acrónimo AAE, define un proceso asemellable ao enfoque de marco lóxico. Este enfoque de planeamento considera que a execución final dun proxecto é consecuencia dunha serie de decisións previas cunha relación causal interna.

Características[editar | editar a fonte]

Dende a perspectiva dos efectos ambientais, moitas das nosas opcións pasan pola actuación nas fases iniciais de planeamento que condicionarán os futuros proxectos con premisas que xa teñen incorporados os criterios de sustentabildade na súa definición.

As distintas normativas que regulan o procedemento de AAE coinciden en que o obxectivo é o de promover un desenvolvemento sustentable, acadar un elevado nivel de protección do medio e contribuír á integración dos aspectos ambientais na preparación e adopción de plans e programas, mediante a realización dunha avaliación ambiental estratéxica daqueles que poidan ter efectos significativos sobre o medio.

Tendo en conta as dúas consideracións precedentes, o proceso definido pola AAE obriga a ter en consideración os previsibles efectos ambientais dos plans e programas, ao mesmo nivel que os económicos e sociais. E, para que isto teña verdadeira utilidade o proceso de AAE debe ser iniciado nos primeiros momentos, cando todas as opcións de planeamento, incluída a de non levalo a cabo, están aínda abertas.

Procedemento de Avaliación Ambiental Estratéxica en Galicia[editar | editar a fonte]

Con base nunha documentación inicial entregada polo promotor, o órgano ambiental elabora un documento de referencia no que determina as variables e criterios de sustentabilidade que serán a base para a análise das alternativas propostas e para a avaliación dos efectos da alternativa finalmente seleccionada.

O Informe de Sustentabilidade Ambiental (ISA), deberá recoller o estudo das posibles alternativas mediante a súa confrontación cos criterios establecidos e xustificar a selección da alternativa que finalmente se consolide como proposta de planeamento.

A participación xoga un papel fundamental na AAE. O plan xunto co seu ISA correspondente serán sometidos ao proceso de participación e consultas establecido no documento de referencia. O resultado de dito proceso recollerase nun informe sobre a participación e consultas no que se describa o procedemento seguido e se xustifique como se toman en consideración as observacións e alegacións realizadas, así como os informes sectoriais recibidos.

Realizadas as consultas e con carácter previo á aprobación provisional, remitiranse ao órgano ambiental o documento proposta de planeamento, do que forma parte o ISA; o informe sobre a participación e as consultas, xunto coas copias dos informes sectoriais emitidos; e unha proposta de memoria ambiental.

Con esta información, o órgano ambiental redactará a memoria ambiental, a través da cal validará o procedemento de avaliación ambiental estratéxica, podendo establecer determinacións que deberán quedar recollidas no plan finalmente aprobado.

O plan ou programa aprobado porase a disposición do órgano ambiental, das administracións públicas consultadas e do público afectado, xunto coa documentación especificada no artigo 14 da Lei 9/2006.

Finalmente, o órgano promotor é responsable de realizar un seguimento dos efectos na sustentabilidade da aplicación do plan ou programa, no que poderá participar o órgano ambiental.