Autorretrato de Dürer (Prado)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Autorretrato de Dürer
Selbstporträt, by Albrecht Dürer, from Prado in Google Earth.jpg
ArtistaAlbrecht Dürer
Data1498
Técnicaóleo sobre táboa
Dimensións52 cm × 41 cm
LocalizaciónMuseo do Prado (Madrid)

Este Autorretrato (en alemán: Selbstbildnis) é o segundo dos tres autorretratos creados polo pintor alemán Albrecht Dürer. É un óleo sobre táboa, pintado en 1498. Mide 52 cm de alto e 41 cm de ancho, sendo así o máis pequeno dos seus autorretratos. Exhíbese no Museo do Prado de Madrid. No catro Dürer elévase a si mesmo á clase social que el cría merecía un artista da súa habelencia. Dürer represéntase nun interior baixo un arco, de medio corpo e xirado cara ó espectador. Pintado despois da súa primeira viaxe a Italia, a presenza de Dürer domina o espazo pictórico, dende o seu sombreiro, que case chega até a parte superior do lenzo, até o seu brazo colocado no bordo inferior, onde repousan os seus dedos vestidos en finas luvas.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Albrecht Dürer, fillo dun ourive húngaro que se estabeleceu en Núremberg, é o máximo representante do Renacemento en Alemaña. Este Autorretrato pintouno en 1498, un ano trascendente para a súa carreira: é o mesmo ano no que publicou a súa famosa serie de gravados do Apocalipse, entallada en xilografía. Regresara da súa primeira viaxe a Italia, o cal se nota no estilo deste cuadro: obsérvase a influencia da escola veneciana e lombarda, en particular, de Giovanni Bellini.

En 1636, este cadro foi o agasallo do concello de Núremberg a Carlos I de Inglaterra,[2] xunto cun retrato do pai do artista ós 70 anos de idade, que xeralmente se lle atribúe (National Gallery de Londres). Contra o 1648, o gravador Wenzel Hollar reproduciu o Autorretrato con augaforte; esta copia amosa a efixie en posición invertida.

Cando Carlos I foi xulgado e decapitado en 1649, os seus bens vendéronse en poxa e o autorretrato de Dürer foi adquirido (mediante intermediarios) por Filipe IV de España. Permaneceu na colección real española até a apertura do Museo do Prado.

Cultura popular[editar | editar a fonte]

En 2012, a oficina de turismo de Nürnberg encargou un xoguete de Playmobil baseado na pintura para ser vendido como suvenir.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Bailey, 60
  2. Wieseman, Marjorie E. "'The Painter's Father', 1497". National Gallery, Londres, 30 de xuño de 2010. Consultado o 13 de agosto de 2011.
  3. "Tourismus Nürnberg: PLAYMOBIL - Dürer as Ambassador for Nuremberg Arquivado 11 de decembro de 2016 en Wayback Machine.". Consultado o 17 de abril de 2016.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]