Aubin Louis Millin de Grandmaison
| Nome orixinal | Aubin Louis Eleuthérophile Millin de Grandmaison |
|---|---|
| Biografía | |
| Nacemento | 19 de xullo de 1759. |
| Morte | 14 de abril de 1818 (58 anos) |
| Lugar de sepultura | Cemiterio do Père-Lachaise, París. |
| Cargos | |
| Presidente da Biblioteca Nacional de Francia | |
| Período | 1799-1800 |
| Antecesor | Adrien-Jacques Joly |
| Sucesor | Jean-Augustin Capperonnier. |
| Director do Gabinete de Medallas e Moedas de Francia | |
| Período | 1799-1818 |
| Antecesor | André Barthélemy de Courcay. |
| Sucesor | Désiré Raoul Rochette. |
| Datos persoais | |
| Outros nomes | Eleuthérophile Moulin |
| Residencia | París |
| País de nacionalidade | |
| Actividade | |
| Campo de traballo | botánica, biblioteconomía, numismática, arqueoloxía, antigüidades. |
| Lugar de traballo | París |
| Ocupación | botánico, historiador, coleccionista de arte, coleccionista de libros, xornalista, editor, xornalista de opinión, entomólogo, Le père de mes enfants, anticuario, profesor universitario, bibliotecario, mineraloxista, historiador da arte, arqueólogo clásico, escritor, numismático, Conservador-restaurador, arqueólogo |
| Empregador | Biblioteca Nacional de Francia. |
| Membro de | Société linnéenne de Paris. Académie des inscriptions et belles-lettres. Academia Prusiana das Ciencias. Academia das Ciencias de Turín. Academia Leopoldina. Real Academia das Artes e as Ciencias dos Países Baixos. Academia das Ciencias de Gotinga. |
| Compañeiro profesional | Marie-François Drouhin |
| Familia | |
| Cónxuxe | Marie-François Drouhin. |
| Pais | Alexandre Millin de Grandmaison |
| Premios | |
| Cabaleiro da Lexión de Honra (1806). | |
| Descrito pola fonte | Biblioteca dixital BEIC Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Lista
Lista
| |
Aubin-Louis Millin de Grandmaison, nado en París o 19 de xullo de 1759 e finado na mesma cidade o 14 de abril de 1818, foi un naturalista e bibliotecario francés, erudito en varios campos, sinaladamente a arqueoloxía, a numismática e a historia da arte medieval e clásica. Foi presidente da Biblioteca Nacional de Francia e director do Gabinete de Medallas desta institución.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Orixe familiar
[editar | editar a fonte]Aubin Louis Millin de Grandmaison naceu en París en xullo de 1759,[1] fillo de Noëlle Geslin e de Alexandre Millin de Grandmaison,[2] unha familia da vella burguesía francesa, oriúnda da rexión de Nivernais, que desde o século XVII exercera cargos xudiciais e na bailía.[3]
Carreira como erudito
[editar | editar a fonte]A súa traxectoria profesional transcorreu case por completo na Biblioteca Nacional de Francia, á que se incorporou en 1778 como empregado temporal.[4]
Inicialmente, centrou o seu interese nas ciencias naturais, e en 1787 foi un dos fundadores da Société linnéenne de Paris, mais o estoupido da Revolución Francesa, cuxas ideas compartía nun principio, fixo que a súa carreira tomase unha nova dirección. Consciente do valor histórico do patrimonio arquitectónico, na década de 1790 emprendeu a publicación de diversos artigos e traballos monográficos sobre esta temática, entre as que cómpre salientar Antiquités nationales,[4] publicada en cinco volumes entre 1790 e 1799.[5]
Millin foi encarcerado en setembro de 1793,[6] por mor da súa hostilidade cara aos xacobinos, mais a caída de Robespierre permitiulle fuxir da guillotina e foi liberado logo dun ano na cadea.[4]
Entre 1795 e 1816 exerceu como editor de Magasin encyclopédique ou journal des sciences, des lettres et des arts, unha revista en cuxa fundación el mesmo contribuíra en 1792,[4] e que en 1817 foi sucedida polos Annales encyclopédiques, creados polo propio Millin. O Magasin serviulle para manter lazos coas comunidades científicas, literarias e artísticas de toda Europa.[7] De feito, Millin mantivo estreito contacto epistolar con persoeiros como o naturalista Alexander von Humboldt e o seu irmán, o filósofo Wilhelm von Humboldt, así como August Wilhelm von Schlegel, figuras fundadoras do movemento romántico alemán.[8]

Na Biblioteca Nacional, logo dunha ausencia de arredor dunha década, sucedeu o 10 de xuño de 1795 a Barthélemy de Courcay como profesor de Arqueoloxía e conservador do Gabinete de Medallas, Moedas e Antigüidades,[6][9] cargo que ocupou ata o seu falecemento.[4] Paralelamente o 27 de outubro de 1795 foi elixido secretario, e o 18 de outubro de 1799 presidente da Biblioteca.[1][10]
Millin emprendeu dúas viaxes longas, a primeira entre 1804 e 1806 ao Sur de Francia (a rexión de Midi), e a segunda a Italia de 1811 a 1813. En ambos os casos, estas experiencias ficaron reflectidas en varias monografías.[1][11]
Ao longo da súa traxectoria como erudito, formou parte de numerosas academias e sociedades eruditas, entre elas a Académie des inscriptions et belles-lettres, de París,a Academia Prusiana das Ciencias, a Academia das Ciencias de Turín, a Academia Leopoldina, a Real Academia das Artes e as Ciencias dos Países Baixos ou a Academia das Ciencias de Gotinga.[1] Ademais, por decreto do 25 de abril de 1806, Millin de Grandmaison foi nomeado Cabaleiro da Lexión de Honra.[12]
Aubin Louis Millin finou en París o 14 de abril de 1818,[1] aos 58 anos, e foi soterrado no cemiterio de Père-Lachaise.[13]
Publicacións
[editar | editar a fonte]Esta é unha escolma da abundante produción bibliográfica de Millin de Grandmaison:
- (1790-1799). Antiquités nationales ou Recueil de monumens pour servir à l'histoire générale et particulière de l'empire françois, tels que tombeaux, inscriptions, statues [...]. Tomo I (1790); Tomo II (1791); Tomo III (1791); Tomo IV (1792); Tomo V (1799). Marie-François Drouhin, París.
- (1794). Annuaire du républicain ou légende physico-économique : avec l'explication des trois cents soixante-douze noms imposés aux mois et aux jours [...]. M. F. Drouhin, París.
- (1802-1806). Monumens antiques, inédits ou nouvellement expliqués. Tomo I (1802); Tomo II (1806). Laroche, París.
- (1806). Histoire métallique de la Révolution française, ou description des médailles et des monnoies qui ont été frappées depuis la convocation des États-Généraux jusqu'aux premières campagnes de l'Armée d'Italie. Imprimerie Impériale, París.
- (1807-1811). Voyage dans les départements du midi de la France. Tomo I (1807); Tomo II (1807); Tomo III (1808); Tomo IV 1ª (1811); Tomo IV 2ª (1811). Imprimerie nationale, París.
- (1808). Comparaison des hippocentaures et des taurocatapsies de la Thessalie avec les bouviers et les ferrades de la Camargue. J. B. Sajou, París.
- (1808-1810). Peintures de vases antiques, vulgairement appelés étrusques. Vol. I (1808); Vol. II (1810). P. Didot, París.
- (1811). Galerie mythologique, recueil de monuments pour servir à l'étude de la mythologie, de l'histoire de l'art, de l'antiquité figurée et du langage allégorique des anciens. Tomo I; Tomo II. Soyer, París.
- (1812). Description des tombeaux qui ont été découverts à Pompeï dans l'année 1812. Imprimerie Royale, Nápoles.
- (1814). Extrait de quelques lettres adressées à la classe de la littérature ancienne de l’Institut impérial par A.-L. Millin pendant son voyage d’Italie. J. B. Sajou, París.
- (1816). Description des tombeaux de Canosa : ainsi que des bas-reliefs, des armures, et des vases peints qui y ont été découverts en MDCCCXIII. P. Didot, París.
- (1816). Voyage en Savoie, en Piémont, à Nice et à Gênes. Tomo I; Tomo II. Wassermann, París.
- (1817). Voyage dans le Milanais, à Plaisance, Parme, Modène, Mantoue, Crémone, et dans plusieurs autres villes de l'ancienne Lombardie. Tomo I; Tomo II. Wassermann, París.
- (1817). Pierres gravées inédites tirées des plus célèbres cabinets de l'Europe. Bureau des annales encyclopédiques, Parós.
- (1819). Medallic history of Napoleon. Londres.
- (1837). Abrégé des antiquités nationales ou Recueil de monuments pour servir à l'histoire de France. J. N. Barba, París.
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 4 5 "Millin de Grandmaison, Aubin Louis Eleuthérophile ". Comité des travaux historiques et scientifiques (CTHS.fr).
- ↑ "Aubin Millin de Grandmaison dit Eleuthérophile Millin". Geneanet.org
- ↑ Dioudonnat, P. M. (2012). Le Simili-Nobiliaire-Français. Sedopols. Páxina 575. ISBN 978-2904177231
- 1 2 3 4 5 Dupuy-Vachey, M. A. (2014). Páxina 173.
- ↑ Véxase "(1790-1799)" en "Publicacións".
- 1 2 Waquet, D. (2026).
- ↑ Dupuy-Vachey, M. A. (2014). Páxina 174.
- ↑ Dupuy-Vachey, M. A. (2014). Páxinas 175-176.
- ↑ Lehoux, E. (2017). "L’enseignement de l’archéologie au 19e siècle: Aubin Louis Millin à la Bibliothèque nationale". L'Antiquité à la BnF (antiquitebnf.hypotheses.org).
- ↑ "Aubin-Louis Millin de Grandmaison". En Amandry, M. (2005). "Les directeurs du département des Monnaies, Médailles et Antiques depuis 1719". Bibliothèque nationale de France. Comité d'histoire.
- ↑ D'Achille, A. M. (2012).
- ↑ "Millin, Aubin Louis". Base de données Léonore. Archives nationales (leonore.archives-nationales.culture.gouv.fr).
- ↑ Marchant de Beaumont, F. M. et al. (1822). Vues pittoresques, historiques et morales du cimetière du P. La Chaise. Vol. I. Páxina 423.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Aubin Louis Millin de Grandmaison |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- D'Achille, A. M. (2012). Voyages et conscience patrimoniale: Aubin-Louis Millin (1759-1818) entre France et Italie. Campisano, Roma.
- Dupuy-Vachey, M. A. (2014). "1985-2014 - La redécouverte d’Aubin-Louis Millin". En Studiolo. 10. Páxinas 172-183.
- Waquet, D. (2026). "Millin [de Grandmaison], Aubin Louis". En Dictionnaire des habitants, occupants, propriétaires et lieux remarquables de la rue et du cloître Saint-Honoré pendant la Révolution et l'Empire. Société d'études robespierristes, París. Páxina 395.
| Predecesor: André Barthélemy de Courcay |
Director do Gabinete de Medallas de París 1799 - 1818 |
Sucesor: Jean-Antoine Letronne |
- Nados en 1759
- Finados en 1818
- Nados en París
- Numismáticos de Francia
- Historiadores de Francia
- Arqueólogos de Francia
- Botánicos de Francia
- Bibliotecarios
- Naturalistas
- Persoas relacionadas coa Biblioteca Nacional de Francia
- Cabaleiros da Lexión de Honra
- Membros da Académie des inscriptions et belles-lettres
- Directores de museos