Astroturfing

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Céspede artificial producido por AstroTurf, que inspirou o nome "astroturfing" para crear unha falsa impresión de apoio popular

Astroturfing é un termo referido ás campañas de relacións públicas no ámbito da propaganda electoral e a publicidade comercial que buscan dar unha impresión de espontaneidade, como se nacese dunha forte relación co medio social.

Termo[editar | editar a fonte]

O nome provén dun dobre xogo de palabras en inglés, baseado no concepto de grassroots, termo en lingua inglesa para designar os movementos de base, formado por herba (grass) e raíces (roots)[1]. Este concepto serve para cualificar os movementos “con base social”, que xorden “de abaixo”, da interacción dos membros dunha comunidade. Por outra banda, AstroTurf é unha coñecida marca estadounidense de herba artificial, cuxos produtos están deseñados para parecer herba natural. Así, o astroturfing fai referencia a esa artificialidade, a esa falsa base social de determinadas campañas comerciais.[2] [3]

Orixe[editar | editar a fonte]

A primeira vez en aparecer con ese significado foi en 1985[4] cando o senador do Partido Demócrata de Texas, Lloyd Bensten, comentaba numerosas cartas que recibira, de presuntos cidadáns, que defendían a mesma posición que as compañías de seguros mentres Lloyd estaba involucrado nun debate sobre as prestacións do seguro de vida; dixo que «un texano coñece a diferenza entre a grassroots ou herba natural e AstroTurf»[4]. Así, afirmou que as cartas que recibira, con contido similar, foran creadas para simular o apoio popular, casualmente, ás mesmas reclamacións por parte das aseguradoras.

Con posterioridade, a propia compañía fabricante de AstroTurf, Monsanto, foi acusada de facer astroturfing para apoiar o glifosato, composto principal do seu produto RoundUp.[5]

Procedemento e obxectivos[editar | editar a fonte]

Astroturfing é unha estratexia de manipulación da opinión pública por parte de partidos e outras entidades simulando o apoio público espontáneo, por exemplo nas redes sociais, a unha idea. O obxectivo dunha campaña deste estilo é disfrazar a actuación dunha entidade política ou comercial como a reacción pública espontánea e independente contra outra entidade, produto, servizo, etc.[6]

Os astroturfers ou astroturfistas[7] (intoxicadores) tentan orquestrar accións levadas a cabo por uns poucos individuos aparentemente diversos e distribuídos xeograficamente, tanto mediante accións explícitas como máis subliminais e mesmo ocultas, e que dan a impresión de entusiastas masivos dunha causa.

O astroturfing pode ser posto en marcha por unha persoa con interese persoal nun tema ou por grupos profesionais organizados e financiados por grandes empresas ou organizacións sen ánimo de lucro ou activistas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Contenidos, Javier Echeverría DN (2022-02-17). "Astroturfing: qué es, en qué consiste y ejemplos". diariodenavarra.es (en castelán). Consultado o 2022-06-26. 
  2. Howard, Philip N. (2003). "Digitizing the Social Contract: Producing American Political Culture in the Age of New Media" 6 (3): 213–45. doi:10.1080/10714420390226270. 
  3. New Media Campaigns and the Managed Citizen. New York, NY: Cambridge University Press. 2005. pp. 93, 144. ISBN 9780521612272. 
  4. 4,0 4,1 Quotes, Wise Famous. "Lloyd Bentsen Quotes: Fellow from Texas can tell the difference between grass-roots and AstroTurf. ...". www.wisefamousquotes.com (en inglés). Consultado o 2022-06-26. 
  5. "Astroturfing: o que é e alguns exemplos". Astroturfing. Consultado o 2022-06-26. 
  6. Cho, Charles H.; Martens, Martin L.; Kim, Hakkyun; Rodrigue, Michelle (2011). "Astroturfing Global Warming: It Isn't Always Greener on the Other Side of the Fence" 104 (4): 571–587. ISSN 0167-4544. doi:10.1007/s10551-011-0950-6. 
  7. "Cortando os astroturfistas". pt.scienceaq.com. Consultado o 2022-06-26. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]