Astrid Kirchherr

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Astrid Kirchherr
Astrid Kirchherr.jpg
Nacemento20 de maio de 1938 e 1938
 Hamburgo
Falecemento12 de maio de 2020
 Hamburgo
NacionalidadeAlemaña
Ocupaciónfotógrafa, pintora e produtor
Signature Astrid Kirchherr.svg
editar datos en Wikidata ]

Astrid Kirchherr, nada en Hamburgo, Alemaña, o 20 de maio de 1938 e finada na mesma cidade o 13 de maio de 2020, foi unha fotógrafa e artista alemá coñecida pola súa relación coa banda The Beatles (xunto cos seus amigos Klaus Voormann e Jürgen Vollmer) e as súas fotografías do grupo cando este se atopaba en Hamburgo.

Kirchherr coñeceu a Stuart Sutcliffe na discoteca Kaiserkeller de Hamburgo en 1960, onde el estaba a tocar o baixo cos Beatles, e máis tarde estivo comprometida con el antes da súa morte en 1962.

Aínda que Kirchherr admitiu realizar pouco traballo fotográfico desde 1967, a súa obra foi exhibida en Hamburgo, Bremen, Londres, Liverpool, Nova York, Washington D.C., Tokio, Viena e no Salón da Fama do Rock. Tamén publicou tres libros de edición limitada de fotografías.

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Astrid Kirchherr naceu en 1938 en Hamburgo (Alemaña), filla dun antigo executivo da sección alemá de Ford Motor Company. Durante a Segunda guerra mundial, a súa familia foi evacuada ao mar Báltico, onde lembra ver cadáveres na praia despois de que as naves Cap Arcona e SS Deutschland fosen bombardeadas e naufragasen. Tamén foi testemuña do ruinoso estado no que quedara a cidade de Hamburgo cando a súa familia regresou á cidade.[1] Trala morte do seu pai Astrid foi criada pola súa nai, Nielsa Kirchherr, no suburbio de Altona, en Hamburgo.

Despois da súa gradación, Kirchherr matriculouse no Meisterschule für Mode, Téxtil, Graphik und Werbung —unha escola de arte de Hamburgo— para estudar deseño de moda. Con todo, demostrou ter talento para a fotografía en branco e negro. Reinhard Wolf, o profesor principal de fotografía, convenceuna para que cambiase de carreira e prometeulle que a contrataría como a súa asistente cando se graduara.[2] Kirchherr traballou para Wolf desde 1959 até 1963.[3][4]

A finais dos anos 1950 e principios dos anos 1960, Kirchherr e os seus amigos da escola de arte estiveron envoltos no movemento existencialista europeo, cuxos seguidores foron alcumados Exis por John Lennon.[5] En 1995, ela declarou á BBC Radio Merseyside:  

A nosa filosofía entón —porque eramos só nenos pequenos— era vestirnos de negro e parecer deprimidos. Por suposto, nós sabíamos quen era Jean-Paul Sartre. Fomos inspirados por todos os escritores e artistas franceses porque era o máis preto que podiamos chegar. Inglaterra estaba tan lonxe e Estados Unidos estaba fóra do noso alcance, polo que Francia era o lugar máis achegado. Sacamos toda a información posible sobre Francia e tratamos de vestirnos como existencialistas franceses... Queriamos ser libres, queriamos ser diferentes e tratar de ser cool, como se chama agora.[6]

Os Beatles[editar | editar a fonte]

Kirchherr, Voormann e Vollmer asistiron xuntos ao Meisterschule e tiveron as mesmas ideas acerca da moda, a cultura e a música. En 1960, despois de que Kirchherr e Vollmer discutisen con Voormann, este vagou pola rúa Reeperbahn no distrito de St. Pauli e escoitou a música que saía da discoteca Kaiserkeller. Voormann entrou ao lugar e observou a presentación dun grupo chamado 'The Silver Beatles'.[7] Voormann pediu a Kirchherr e Vollmer que escoitasen esta nova música e, tras visitar o Kaiserkeller ao día seguinte, Kirchherr decidiu que quería estar tan preto dos Beatles como lle fose posible.[8] Eles descoñecían que ese xénero era chamado Rock and roll e con anterioridade só escoitaran Trad jazz mesturado cun pouco de Nat King Cole e The Platters.[5][9] O trío continuou visitando o Kaiserkeller case todas as noites, chegando ás 9 p. m. e sentándose en fronte do escenario.[10] Kirchherr dixo máis tarde:

Era como un carrusel na miña cabeza. Eles eran absolutamente impactantes... Toda a miña vida cambiou nun par de minutos. Todo o que quería era estar con eles e coñecelos.[11]

Kirchherr dixo que ela, Voormann e Vollmer sentíanse culpables de ser alemáns e da historia recente de Alemaña. Coñecer ós Beatles foi algo moi especial para ela, aínda que sabía que os ingleses pensarían que ela comía chucrut e que falarían do seu forte acento alemán.[12] Stuart Sutcliffe, o baixista do grupo, estaba fascinado co trío, especialmente Kirchherr, a pesar de que parecían «verdadeiros bohemios». Bill Harry comentou que cando Kirchherr entraba a algún lugar, todas as cabezas volvíanse cara a ela e que sempre cativaba a toda a habitación.[5] Sutcliffe escribiulle a un amigo que non podía quitarlle os ollos de encima e que tratara de falar con Kirchherr durante un receso, pero ela xa abandonara o club. Isto debeuse á estrita lei alemá que prohibía aos mozos frecuentar bares pasadas as 10 da noite.[10]

Sutcliffe argallou as cousas para coñecelos e descubriu que os tres asistiran ao Meisterschule, que era o mesmo tipo de escola de arte á que John Lennon e el asistiran en Liverpool.[5] Kirchherr preguntoulle ós Beatles se lles importaría que lles fixese unha sesión fotográfica, o que lles impresionou, xa que outros grupos só tiñan fotografías instantáneas tomadas por amigos. Á mañá seguinte, Kirchherr fotografounos nun parque municipal chamado "der Dom", preto da Reeperbahn, e pola tarde levounos a todos (excepto a Pete Best, quen decidiu non ir) a casa da súa nai en Altona. A habitación de Kirchherr (que era completamente negra, incluíndo os mobles, e con papel de aluminio nas paredes e a rama dunha árbore suspendida no ceo raso) estaba decorada especialmente por Voormann, con quen ela tiña unha relación, aínda que tralas súas visitas ao Kaiserkeller volveuse puramente platónica. Kirchherr empezou a saír con Sutcliffe, aínda que seguiu sendo amiga próxima de Voormann.[3][13]

Kirchherr deu a Sutcliffe e ao resto de Beatles Preludin, a cal, se se tomaba xunto con cervexa, facíaos sentir eufóricos e axudábaos a manterse espertos até a madrugada. Os Beatles usaran Preludin anteriormente, aínda que só era posible obtela cunha prescrición médica, polo que a nai de Kirchherr conseguiríaa dun farmacéutico local, que lla entregaba sen preguntarlle nada.[14] Despois de coñecer a Kirchherr, John Lennon enchía as súas cartas a Cynthia Powell con «Astrid dixo isto, Astrid fixo aquilo», o que fixo que Powell se sentise ciumenta ata que se deu conta de que Sutcliffe mantiña unha relación con Kirchherr.[15] Cando Powell visitou Hamburgo xunto a Dot Rhone (a noiva de Paul McCartney por aquel entón) en abril de 1961, quedaron en casa de Kirchherr.[16] En agosto de 1963, Kirchherr reuniuse con Lennon e Cynthia en París mentres eles estaban nunha lúa de mel tardía e Kirchherr viaxou alí cunha amiga durante unhas vacacións. Os catro foron de bar en bar e finalmente terminaron indo ao hotel onde Kirchherr se hospedaba e remataron durmindo todos xuntos na cama individual de Kirchherr.[17] Os Beatles atopáronse de novo con Kirchherr durante a rodaxe de A Hard Day's Night en 1964 e en Hamburgo en 1966, mentres realizaban unha xira por Alemaña. Kirchherr deulle a Lennon as cartas que el escribira a Sutcliffe durante 1961 e 1962, o cal foi considerado por Lennon como "o mellor agasallo que tiven en anos."[18]

Corte de cabelo dos Beatles[editar | editar a fonte]

Kirchherr foi acreditada como a inventora do corte de pelo moptop dos Beatles. Porén, ela negouno e é citada por Keith Badman en The Beatles Off The Record:

Toda esa tontería que a xente dixo, que eu creei o seu corte de pelo, Iso é lixo! Moitos rapaces alemáns tiñan o mesmo estilo. Stuart levouno por un tempo e os outros copiárono. Eu creo que a cousa máis importante coa que contribuín a eles foi a nosa amizade.[19][20]

En 1995, Kirchherr declarou á BBC Radio Merseyside:

Todos os meus amigos na escola de arte usaban este tipo de... o que vostedes chaman 'corte de pelo Beatle'. O meu mozo de entón, Klaus Voormann, tiña ese mesmo corte e a Stuart gustoulle moitísimo. El foi o primeiro que realmente tivo o valor de quitar a Brylcreem do pelo e pedirme que llo cortara.[6]

Stuart Sutcliffe[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Stuart Sutcliffe.

Stuart Sutcliffe escribiu aos seus amigos que estaba namorado de Kirchherr e preguntoulle aos amigos dela que cores, películas, libros e pintores lle gustaban e quen lle gustaba. Pete Best comentou que ó inicio da relación foi como "un deses contos de fadas."[21] Kirchherr e Sutcliffe comprometéronse en novembro de 1960 e intercambiaron aneis seguindo a tradición alemá.[22] Sutcliffe escribiulles aos seus pais contándolles o seu compromiso, o cal lles impactou, xa que pensaban que el abandonaría a súa carreira como artista.[23] Kirchherr prestou diñeiro a Sutcliffe para que viaxase a Liverpool en febreiro de 1961, aínda que regresou a Hamburgo en marzo.[24][25]

A parella viaxou a Liverpool no verán de 1961, xa que Kirchherr quería coñecer a familia de Sutcliffe e a cidade antes do seu matrimonio. Todos esperaban unha estraña artista beatnik de Hamburgo, pero Kirchherr chegou á casa da familia en Aigburth levando unha orquídea como agasallo e vestida cun xersei de caxemira e unha saia de xastre.[26] En 1962, Sutcliffe tivo un colapso no medio dunha clase de arte en Hamburgo. El sufría de fortes dores de cabeza e a nai de Kirchherr fixo que varios doutores alemáns o examinaran, aínda que ningún foi capaz de determinar a causa das dores. Mentres vivía na casa dos Kirchherr, a súa condición empeorou. O 10 de abril de 1962, Sutcliffe foi levado ao hospital e Kirchherr acompañouno na ambulancia, pero morreu antes de chegar ao hospital.[27] Tres días máis tarde, Kirchherr recibiu ós Beatles no Aeroporto de Hamburgo onde lles dixo que Sutcliffe morrera dunha hemorraxia cerebral, noticia que devastou aos membros da banda, sobre todo a John Lennon xa que era o seu amigo íntimo.[28]

Fotografía[editar | editar a fonte]

Cámara Rolleicord (1955), como a que usaba Kirchherr.

En 1964 Kirchherr converteuse nunha fotógrafa freelance e xunto ao seu colega Max Scheler tomou fotografías dos Beatles durante a rodaxe de A Hard Day's Night como un encargo para a revista alemá Stern.[29] Máis tarde, George Harrison pediríalle a Kirchherr que realizase a cuberta do seu álbum Wonderwall Music en 1969.[30] Kirchherr e Scheler publicaron un aviso no Liverpool Echo en 1964 dicindo que a calquera grupo que quixese unha fotografía en fronte do St. George's Hall pagaríaselle unha libra esterlina por cada músico, pero máis de 200 grupos apareceron e Kirchherr e Scheler quedaron sen diñeiro rapidamente.[31]

Kirchherr publicou as súas fotografías en 1995, nun libro chamado Liverpool Days, é unha colección, edición limitada, de fotografías en branco e negro. En 1999, publicouse outro libro chamado Hamburg Days (dous volumes de edición limitada) con fotografías tomadas por Kirchherr e debuxos realizados por Voormann. Os debuxos son representacións de lugares e situacións que Voormann lembraba claramente, pero que nunca foran fotografados por Kirchherr ou cuxas fotografías se extraviaran.[32]

Kirchherr describiu o difícil que era ser aceptada como fotógrafa nos anos 1960:

Cada revista e xornal quería que fotografara ós Beatles de novo. Ou querían as miñas fotos vellas, sen importar se estaban fóra de foco ou se eran bonitas ou non. Eles non verían os meus outros traballos. Era moi difícil ser aceptada como rapaza fotógrafa nos sesentas. Ó final deixeino. Case non fixen máis fotos desde 1967.[30]

Kirchherr dixo que When We Was Fab, publicado por Genesis Publications en 2007, sería o seu último libro de fotografía:

Decidín que é tempo de crear un libro no cal estea totalmente envolta para que conteña as fotos que máis me gustan, impresas da maneira en que eu o faría, incluso o texto e deseño... Este libro son eu e é por iso que será o último.[33]

Kirchherr expresou a súa admiración por outros fotógrafos, tales como Annie Leibovitz, Irving Penn, Richard Avedon, Jim Rakete e Reinhard Wolf, e polos cineastas franceses François Truffaut e Jean Cocteau.[1] Kirchherr dixo que as súas fotografías favoritas son as que lle tomou a Sutcliffe no mar Báltico e as de Lennon e Harrison no seu ático no 45a Eimsbütteler Strasse. Ela expresou as súas reservas cara á fotografía dixital, dicindo que un fotógrafo debería concentrarse na arte da fotografía e non nos resultados técnicos, aínda que admitiu ter poucos coñecementos de computación e estar «asustada de Internet».

Kirchherr admite que non é boa nos negocios e que non é abondo organizada, xa que nunca se preocupou dos negativos das súas fotografías para poder probar a súa autoría.[30] O seu socio Ulf Krüger, un compositor e produtor discográfico, atopou exitosamente moitos dos negativos de Astrid así como varias fotografías, ás cales reservou os dereitos de autor, aínda que el cre que Kirchherr perdeu 500 000 libras esterlinas debido á xente que usou as súas fotografías sen permiso. En xullo de 2001, Kirchherr visitou Liverpool para a inauguración dunha exposición do seu traballo na galería de arte de Mathew Street, preto da antiga localización do Cavern Club. Tamén apareceu como convidada na Semana do Festival dos Beatles da cidade durante o bank holiday de agosto.[34] O traballo de Kirchherr foi exhibido internacionalmente en lugares como Hamburgo, Bremen, Londres, Liverpool, Nova York, Washington D.C., Tokio, Viena e no Salón da Fama do Rock.[4]

Últimos anos[editar | editar a fonte]

En 1967, Kirchherr casou co batería inglés Gibson Kemp, quen substituíra a Ringo Starr no grupo Rory Storm and the Hurricanes. O matrimonio rematou en divorcio sete anos máis tarde.[5] Kirchherr uniuse en segundas nupcias a un home de negocios alemán, pero volveu divorciarse en 1985.

Kirchherr traballou como conselleira no filme Backbeat, o cal mostraba a Kirchherr, Sutcliffe e os Beatles cando estiveron en Hamburgo. O actor Stephen Dorff (quen interpretou a Sutcliffe na película) impresionou a Kirchherr, quen comentou que el tiña a idade axeitada (19 anos daquela) e a maneira en que fumaba, falaba e se movía eran tan similares ás de Sutcliffe que lle puxeron a pel de galiña. O papel de Kirchherr foi interpretado por Sheryl Le.[30]

Desde mediados dos anos 1990, Kirchherr e Krüger rexentaron a tenda fotográfica K&K en Hamburgo, a cal ofrece fotografías personalizadas, libros e obras de arte. K&K axuda a organizar, nalgunhas ocasións, convencións dos Beatles e outros eventos relacionados coa banda na área de Hamburgo.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "An interview with Astrid Kirchherr". Retro Sellers. Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2012. Consultado o 12 de abril de 2008. 
  2. Harry, Bill. The Encyclopedia of Beatles People. Londres: Blandford Press. ISBN 978-0713726060. 
  3. 3,0 3,1 Miles, p. 64.
  4. 4,0 4,1 4,2 "Astrid Kirchherr". K & K. Arquivado dende o orixinal o 07 de maio de 2007. Consultado o 5 de maio de 2007. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Spitz, p. 222.
  6. 6,0 6,1 Leigh, Spencer (6 de agosto de 1995). "Spencer Leigh interviews Astrid Kirchherr" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de xaneiro de 2008. Consultado o 11 de abril de 2008. 
  7. "Klaus Voormann Biography". The Beatlemania Shoppe. Arquivado dende o orixinal o 11 de xuño de 2008. Consultado o 12 de abril de 2008. 
  8. Miles, p. 61.
  9. Miles, p. 62.
  10. 10,0 10,1 Spitz, p. 221.
  11. Spitz, p. 223.
  12. "Astrid Kirchherr". Consultado o 12 de abril de 2008. 
  13. Spitz, p. 224.
  14. Miles, p. 66.
  15. Lennon, p. 78.
  16. Lennon, p. 91.
  17. Lennon, pp. 162-163.
  18. Spitz, p. 614.
  19. Badman, p. 61.
  20. Spitz, p. 245.
  21. Spitz, p. 225.
  22. Miles, p. 65.
  23. Spitz, p. 235.
  24. Spitz, p. 230.
  25. Spitz, p. 242.
  26. Spitz, p. 278.
  27. Lennon, p. 110.
  28. Spitz, p. 305.
  29. "Astrid Kirchherr". Rockstore. Arquivado dende o orixinal o 24 de abril de 2008. Consultado o 14 de abril de 2008. 
  30. 30,0 30,1 30,2 30,3 "Astrd Kirchherr". Geocities. xaneiro de 2001. Arquivado dende o orixinal o 07 de outubro de 1999. Consultado o 14 de abril de 2008. 
  31. "Liverpool Days: The Photographs of Max Scheler and Astrid Kirchherr". Genesis Publications. Consultado o 14 de abril de 2008. 
  32. "Hamburg Days". Genesis Publications. Consultado o 14 de abril de 2008. 
  33. "When We Was Fab" (en inglés). Genesis Publications. Consultado o 14 de abril de 2008. 
  34. "Fab Four photographer's display". BBC News. Consultado o 15 de abril de 2008. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]