Asociación Cultural e Deportiva Dorna
Asociación Cultural e Deportiva Dorna Asociación Cultural Dorna | |
---|---|
'Nos ventos da tradición' (lema da Escola de Navegación Tradicional Dorna) | |
Acrónimo | ACD Dorna |
Tipo | Asociación cultural e deportiva |
Propósito | Promoción da cultura e deporte na Illa de Arousa |
Deporte | Baloncesto, Fútbol Gaélico, Piragüismo, entre outros |
Campo de traballo | Cultura e deporte |
Área de operación | Illa de Arousa, Galiza |
Data de fundación | 1978 |
Nomeado en referencia a | Dorna (embarcación tradicional das Rías Baixas) |
Presidente/a | Carlos Chaves |
Traballos destacados | Revista Dorna |
Eventos/Actividades | Travesía das Letras Galegas, colaboración co Encontro de Embarcacións Tradicionais, diversos campionatos e campus de baloncesto, xadrez etc. |
Sede | Escola de Pau, Arousa |
Enderezo | Paseo do Naval nº 1. CP 36626 |
País | Galiza |
Na rede | |
Sitio web oficial (obsoleto ou en desuso) |
A Asociación Cultural e Deportiva Dorna é unha institución emblemática da Illa de Arousa, con relevantes achegas á cultura galega en canto á promoción e conservación da literatura, tradición e cultura marítima e deporte. Dorna xogou un papel crucial na vida cultural da Illa de Arousa, abarcando diversas disciplinas culturais e deportivas que van da música e danza tradicional até a navegación tradicional (en dornas e outras embarcacións tradicionais da Ría de Arousa maiores) e seccións deportivas como o fútbol gaélico, baloncesto ou xadrez.
É a maior asociación da illa de Arousa, con cerca de 1000 socios incluíndo todas as súas seccións.
Historia
[editar | editar a fonte]A idea dunha entidade que preservase e promocionase a cultura arousá e galega materializouse coa fundación dunha asociación nos anos 70, impulsada polo activismo cultural e social da época.
O Club Scorpio 73, a asociación precursora que foi o xermolo de Dorna, naceu no ano 1973, fundada por unha xeración de rapaces que comezaban o ensino secundario, arredor dos quince anos. Esa mesma xeración de mozos da Arousa e algúns estudantes universitarios que entón eran os que se encargaron de facer a reconversión da que xurdiría a Asociación Cultural Dorna, aprobando os seus estatutos en 1978.[1]
Revistas
[editar | editar a fonte]Desde a década de 1970, a asociación publicou unha revista autoeditada, de carácter variado, sobre temas locais e culturais en xeral. En 1979 a chamada Revista Dorna dedicou na súa edición de xuño un artigo para a tratar a situación e as reivindicacións relativas á construción dunha ponte que conectase a Illa de Arousa co continente, propoñendo a creación de varias comisións con distintos obxectivos, dende a negociación oficial até accións de publicidade e mobilización, incluíndo a posibilidade de folgas e manifestacións. A coordinación entre estas comisións buscaría unir esforzos cara á consecución do estudo e construción da ponte, un obxectivo común e urxente. A revista tamén se fixo eco da Festa da Ponte, un evento coa participación dos membros da asociación, e destacados membros da música e a cultura galegas, como Milladoiro entre outros.[2] A ponte da illa de Arousa materializouse na década de 1980, sendo inaugurada o 14 de setembro de 1985, constituíndo o que até esa data era a segunda maior inversión do Goberno Galego despois das instalacións da CRTVG.[3]
No mes de maio de 1981 a Asociación Cultural fundou a revista Dorna, Expresión poética galega, que nos números seguintes pasou a mans da Cátedra de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela incluíndo composicións, críticas ou recensión de autores emerxentes ou consolidados.[4][5]
Desde 2005, volveuse editar unha Revista Dorna con contidos culturais, históricos e naturais maiormente vinculados á Arousa, dedicando o primeiro ao 20º aniversario da ponte.[2]
Aniversarios
[editar | editar a fonte]En novembro de 2008, realizouse o evento “30º Aniversario da A.C.D. Dorna”, incluíndo exposicións de fotografía, exhibición de embarcacións tradicionais e de baile moderno, partidos de baloncesto base da CB Dorna, proxección dos filmes Unha viaxe pola Arousa, Arousa 1969, Conflicto na ponte e Volta á Arousa en vela, un concerto do grupo Leixaprén, e un festival de música e baile galego coa participación de grupos de Moaña, Meis e Cambados, ademais dun serán promovido pola sección de música e baile da A.C.D. Dorna.[6]
Deporte
[editar | editar a fonte]A mediados dos anos 80, a asociación cultural pasa a incluír seccións deportivas como fútbol sala, piragüismo, baloncesto, xadrez etc.[7]
Seccións
[editar | editar a fonte]Club de Piragüismo
[editar | editar a fonte]O Club de Piragüismo Illa de Arousa foi fundado en 1982 baixo o nome de San Xulián (patrón da Illa). Nos seus primeiros anos, o club competiu sen adestrador en eventos provinciais, o que requiría viaxar en barco até a apertura da ponte en 1985. Ao integrarse na AC Dorna, o club mantivo autonomía pero colaborando estreitamente coa asociación para a captación de fondos e a organización de eventos. Esta etapa caracterizouse pola consolidación do club, que culminou no ano 1995 coa vitoria no Campionato de España de Clubs cadete e o subcampionato en júnior,[8] ademais de conseguir numerosas medallas en competicións galegas, españolas e europeas, chegando a formar parte das seleccións de Galiza e de España.[9]
Fútbol Gaélico: Dorna F.G.
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Dorna FG.
Establecido en 2014...
Baloncesto
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: CB Dorna.
Fundado en 1985...
Xadrez
[editar | editar a fonte]Fundado na década de 1980, o club mantivo unha escola e equipos de distintas idades e categorías, participou en eventos de partidas simultáneas, xadrez na rúa[10] etc.
Escola de Navegación Tradicional Dorna
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Escola de Navegación Tradicional Dorna.
Aínda que a ACD Dorna levaba a cabo desde o seu nacemento na década de 1970 actividades relacionadas coa navegación e o coñecemento das embarcacións tradicionais, a Escola de Navegación Tradicional (ENT) foi inaugurada oficialmente en xuño de 2001. Desde entón levou adiante numerosos eventos, entre eles a colaboración para a organización do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Culturmar, no ano 2003.[11] Promoveu tamén iniciativas destinadas a facer modificacións normativas e lexislativas para a protección efectiva da navegación tradicional, as embarcacións e a carpintería de ribeira arousá.
Conta con máis de 50 embarcacións, incluíndo dornas, galeóns e outros barcos tradicionais, que son restauradas e empregadas en réxime de 'apadriñamento'.[12][13] En 2023 acusaron a Portos de ter nula sensibilidade pola conservación do patrimonio marítimo, e mesmo de exercer o "terrorismo patrimonial" e "acoso institucional".[14]
Música e danza
[editar | editar a fonte]Entre as actividades levadas a cabo por esta sección están a escola e grupo de gaitas, acordeóns, pandeireta e percusión tradicional galega, baile tradicional e baile moderno.
Audiovisual
[editar | editar a fonte]A ACD Dorna levou adiante diversas actividades audiovisuais, como cursos de edición, e proxeccións de cine e documentais. A asociación colaborou na elaboración de videofilmes, elaborando, baixo a dirección de Daniel Otero, a peza documental Unha viaxe pola Arousa. A gravación de imaxes durante a catástrofe do Prestige deu lugar a outro documental, e esas imaxes foron difundidas no filme Carcamáns de Marcos Nine, e nun programa especial de El escarabajo verde de TVE.[15]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Vazquez, Sito (luns, 12 de maio de 2008). "REVISTA DORNA - ASOCIACIÓN CULTURAL DORNA". AROUSA A DEBATE. Consultado o 2024-04-13.
- ↑ 2,0 2,1 "Nova Revista Dorna (Nº 1, 2005)" (PDF). ailladearousa.com/pdf/revista-dorna. Consultado o 12 de abril de 2024.
- ↑ Palmeiro, Xose Maria (1985-09-15). "Inaugurado el puente de la isla de Arosa". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2024-04-13.
- ↑ Diario, Nós (2018-01-05). "Dorna para voces novas e consagradas". Nós Diario. Consultado o 2024-04-13.
- ↑ Diario, Nós (2020-01-19). "'Dorna', campo de probas da poesía". Nós Diario. Consultado o 2024-04-13.
- ↑ "30 Aniversario da A.C.D. Dorna". Culturmar. 2008-11-20. Consultado o 2024-04-13.
- ↑ "Asociación Cultural Dorna ... esencia de A Illa de Arousa". AIlladeArousa.com (en castelán). 2010-04-09. Consultado o 2024-04-13.
- ↑ "A Illa inicia un nuevo ciclo alcista". La Voz de Galicia (en castelán). 2014-06-15. Consultado o 2024-04-13.
- ↑ "Historia". Club Piragüismo Illa de Arousa. Consultado o 2024-04-13.
- ↑ "FESTIVAL DE XADREZ NA RÚA". www.AIlladeArousa.es. Consultado o 2024-04-14.
- ↑ "Arousa 2003". Culturmar. 2017-02-07. Consultado o 2024-04-19.
- ↑ Farangulha (xoves, 20 de febreiro de 2014). "dornas coma a area: Isto é a ENT Dorna 1". dornas coma a area. Consultado o 2024-04-13.
- ↑ G, A. (2022-11-02). "A Illa, unha terra de galeóns". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2024-04-13.
- ↑ "Navegación Tradicional de Dorna acusa a Portos de “terrorismo patrimonial” y “acoso institucional”". Diario de Arousa (en castelán). Consultado o 2024-04-13.
- ↑ "Nº 8" (PDF). Revista Dorna. Consultado o 13 de abril de 2024.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Escola de Navegación Tradicional Dorna en Facebook
- C. B. Dorna en Facebook
- Blog de Sito Vázquez, un dos fundadores de Dorna
Este artigo sobre cultura é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |