Asirioloxía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Detalle da Inscrición de Behistún

A asirioloxía é o estudo arqueolóxico, histórico e lingüístico da antiga Mesopotamia [1]

Historia[editar | editar a fonte]

Aínda que houbo viaxeiros que se interesaron polo pasado remoto das terras mesopotámicas percorrendo o que quedaba das súas ruínas, non foi ata o século XVIII cando o interese se fai máis sistemático, organízanse expedicións desde Europa cara a eses lugares como as de Carsten Niebuhr, que copia inscricións en Persépolis, ou de André Michaux quen levou a Europa a primeiro documento epigráfico cuneiforme, concretamente un kudduru (pedra gravada).[2] Todo o cal fixo aumentar a curiosidade por aquela civilización perdida entre a clase intelectual europea. Un destes eruditos, Georg Friedrich Grotefend conseguiu en 1802[3] identificar, nas copias que realizara Niebuhr das inscricións cuneiformes de Persépolis, o título de rei e os nomes de Darío, Xerxes e Histaspes [4]por medio da súa comparación co avéstico xa que pensaba que estaban escritas nesa lingua. Nos anos seguintes conseguiu identificar algunha palabra máis e recoñecer 300 signos diferentes.

Pero os alicerces da asirioloxía púxoos Henry Rawlinson, un oficial enviado a Persia para organizar o exército do xa, interesouse polas vellas inscricións e en particular pola Inscrición de Behistún, trilingüe, en escrita cuneiforme, en persa antigo, elamita e babilónico e en 1837 descifrou a metade do texto en persa antigo completando o seu desciframento en 1839[5] o que abriu a porta a que se descifrasen outras linguas de escrita cuneiforme, así o propio Rawlinson comparando os textos babilonio e persa antigo conseguiu ler 80 nomes babilonios, o que equivalían a 100 signos, descubrindo que cada un destes signos podía ter varios valores silábicos.

Ao tempo destes descubrimentos epigráficos comezan a se desenvolver as escavacións, as primeiras realizounas Paul Emile Botta[6] en Nínive en 1843 e tiñan como único obxecto a procura de obxectos para exhibilos nos museos europeos e que levou mesmo á destrución de sectores enteiros de moitos xacementos. Con todo, estas escavacións puxeron ao alcance dos investigadores unha gran cantidade de material que fixo avanzar os coñecementos sobre a rexión e a súa cultura. Julius Oppert deduciu que a escrita cuneiforme tivera que ser inventada por un pobo non semita[7] xa que o seu carácter silábico a facía estraña para unha lingua semita. A súa teoría non a compartiron a maioría dos investigadores pero o descubrimento por Ernest de Sarzec en 1877 dos primeiros documentos sumerios veulle dar a razón.

A comezos do século XX as escavacións en Mesopotamia comezan a se realizar segundo o método arqueolóxico, foi fundamental para o paso das escavacións de afeccionados a outra profesional a chegada dos alemáns: Robert Koldewey nas súas escavacións en Babilonia revolucionou a arqueoloxía mesopotámica[8], desenvolvendo técnicas para recoñecer e escavar restos arquitectónicos e Walter Andrae continuou o seu labor, desenvolvendo o estudo da estratigrafía.

Asiriólogos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Jim Grant, Sam Gorin, Neil Fleming The Archaeology Coursebook: An Introduction to Study Skills, Topics and Methods, Londres, 2001, páx. 57
  2. Pierre Pinta, L'Irak, París, 2002, páx. 239
  3. Stephen Bertman Handbook To Life In Ancient Mesopotamia, Oxford, 2005, páx. 139
  4. Josef Wiesehöfer, Azizeh Azodi Ancient Persia: From 550 BC to 650 AD, Londres, 2001, páx 236-238
  5. Barbara Ann Kipfer Encyclopedic Dictionary of Archaeology, Nova York 2000, páx 698
  6. Erich Zehren, The Crescent and the Bull: A Survey of Archaeology in the Near East, Whitefish, 2006, páx. 25
  7. Samuel Noah Kramer, Sumerian Mythology, University of Pennsylvania, 1998, páx 5
  8. Jane McIntosh Ancient Mesopotamia: New Perspectives, Santa Bárbara, 2005, páx 33

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Paul Garelli, L'Assyriologie, PUF, col. « Qua sais-je ? », 1990 (en francés)
  • Jean Bottéro e M.-J. Stève, Il était une fois la Mésopotamie, Gallimard, col. « Découvertes », 1993 (en francés)
  • M. Van De Mieroop, Cuneiform Texts and the Writing of History, Routledge, 1999 (en inglés)
  • R. Matthews, The archaeology of Mesopotamia : Theories and approaches, Routledge, 2003 (en inglés)
  • Stephanie Dalley e Marion Cox The Legacy of Mesopotamia, Oxford University Press, 1998 (en inglés)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]