Asemblea Xeral de Xeorxia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Asemblea Xeral de Xeorxia
Tipoparlamento de estado dos Estados Unidos de América e bicameralismo
Data de fundación1776
SedeCapitólio do Estado da Geórgia
PaísEstados Unidos de América
Na rede
http://www.legis.ga.gov
editar datos en Wikidata ]
Alzado do Capitolio Estatal de Xeorxia, sede da Asemblea Xeral, en Atlanta

A Asemblea Xeral de Xeorxia (en inglés, Georgia General Assembly) é o parlamento do estado de Xeorxia, nos Estados Unidos. Os 236 membros da Asemblea Xeral de Xeorxia son escollidos por sufraxio universal e exercen o poder lexislativo. A súa fundación remóntase a 1777 e ten a súa sede no Capitolio Estatal de Xeorxia, en Atlanta.

Composición[editar | editar a fonte]

O artigo 3º da Constitución de Xeorxia determina que a Asemblea Xeral está integrada por:[1]

  • O Senado: que non pode contar con máis de 56 membros (número que ten na actualidade). O tenente gobernador do estado é o presidente do Senado, aínda que só vota cando se produce un empate. Os senadores tamén escollen entre eles a un presidente para cando o tenente gobernador non asiste ás sesións. Os senadores deben ter, polo menos 25 anos, ser cidadáns dos Estados Unidos e levar dous anos de residencia en Xeorxia.
  • A Cámara de Representantes: que non pode contar con menos de 180 deputados (número que ten na actualidade). Os representantes son escollidos en distritos uninominais e deben ter, polo menos, 21 anos, ser cidadáns dos Estados Unidos, levar dous anos residindo en Xeorxia e un na circunscrición pola que concorre.

Ambas as dúas cámaras son colexisladoras pois teñen funcións similares, se ben o Senado debe ratificar ou rexeitar determinados nomeamentos feitos polo gobernador, e a Cámara de Representantes ten un papel destacado nas leis de tipo fiscal.[2]

A Asemblea Xeral renóvanse cada dous anos na súa totalidade e non existe límite de mandatos para os lexisladores.

Proceso lexislativo[editar | editar a fonte]

Cando un lexislador pretende facer unha proposta de lei, primeiramente debe dirixirse á Oficina de Consello Lexislativo, onde o orientarán sobre de que xeito redactala para ser precisa e adecuada. Unha vez feito, debe presentala nos rexistros da cámara á que pertenza. Logo, procédese á primeira lectura, é dicir, o título da lei é lido na cámara e remítese a un comité ou comisión parlamentaria. No comité a proposta é valorada e debatida, de non ser rexeita, o proceso lexislativo prosegue e chega ao pleno da cámara. Alí debátense as emendas e vótase a lei. É entón cando pasa á outra cámara e no caso de ser modificado o proxecto a outra debe votalo tamén. Unha vez votada na Asemblea Xeral, a lei é remitida ao gobernador para a súa entrada en vigor. Se o gobernador veta a lei, a Asemblea Xeral pode revogalo se así o votan dous terzos de cada cámara.[3]

Membros destacados[editar | editar a fonte]

O posterior Presidente Jimmy Carter foi senador estatal durante dous mandatos entre 1962 e 1966.

Ao longo da súa historia, as cámaras da Asemblea Xeral de Xeorxia contaron con destacados políticos como William Pierce, William Few e Abraham Baldwin, que tamén participaron na Convención Constitucional que redactou a Constitución dos Estados Unidos.[4]

En 1868, logo da Guerra Civil, foron electos os primeiros lexisladores afroamericanos que son chamados colectivamente "Original 33". Con todo, as manobras dos seus compañeiros de Asemblea lograron a expulsión destes 30 representantes e 3 senadores, en setembro de 1868. En 1870, o Tribunal Supremo de Xeorxia obrigaría a readmitilos.

As primeiras mulleres lexisladoras foron Bessie Kempton e Viola Ross Napier electas representantes no ano 1922.[5]

Ademais, entre 1962 e 1966 Jimmy Carter foi senador estatal de Xeorxia. Este foi o primeiro cargo electo gañado polo que sería Presidente dos Estados Unidos entre 1977 e 1981.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Art. III". Justia Law (en inglés). Consultado o 2022-08-27. 
  2. "Legislative Process". New Georgia Encyclopedia (en inglés). Consultado o 2022-08-27. 
  3. "The Life of a Law". Georgia.gov (en inglés). Consultado o 2022-08-27. 
  4. "The Founding Fathers: Georgia". National Archives (en inglés). 2015-11-06. Consultado o 2022-08-27. 
  5. "September 13, 1922: Viola Ross Napier and Bessie Kempton Crowell". Today in Georgia History. Consultado o 2022-08-27. 
  6. "Jimmy Carter: Life Before the Presidency". millercenter.org (en inglés). 2016-10-04. Consultado o 2022-08-27. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos:[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas:[editar | editar a fonte]