Asemblea Xeral de Vermont

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Asemblea Xeral de Vermont
Tipoparlamento de estado dos Estados Unidos de América e bicameralismo
SedeCapitólio Estadual de Vermont
PaísEstados Unidos de América
Na rede
https://legislature.vermont.gov/
editar datos en Wikidata ]
Escudo de Vermont

A Asemblea Xeral de Vermont (en inglés, Vermont General Assembly) é o parlamento de Vermont, nos Estados Unidos. Ten un total de 180 lexisladores, dos que 30 son senadores (membros da cámara alta) e 150 son representantes (membros da cámara baixa), que son elixidos cada dous anos por sufraxio universal. A Casa Estatal de Vermont, na capital do estado, Montpelier, é a súa sede.

Composición[editar | editar a fonte]

A Asemblea Xeral de Vermont ten unha estrutura bicameral estando formado por:

  • O Senado: creado mediante unha emenda constitucional en 1836 e conta con 30 membros.[1] Son electos por circunscricións segundo a poboación, deste xeito, hai tres distritos uninominais, seis binominais, tres que escollen tres senadores e un que escolle seis. O tenente gobernador do estado é o presidente do Senado, mais só vota en caso de empate. Os senadores escollen entre eles a un para que ocupe a presidencia no caso de ausencia do tenente gobernador, é o chamado presidente pro tempore.
  • A Cámara de Representantes: remóntase a 1777 cando a primeira constitución de Vermont lle outorgou o poder lexislativo.[2] Está integrado por 150 membros electos en distritos uninominais.

Competencias[editar | editar a fonte]

A sala de sesións da Cámara de Representantes de Vermont.

A actual Constitución de Vermont, aprobada en 1793, confire á Asemblea Xeral o poder lexislativo do estado. A súa tarefa esencial é, polo tanto, elaborar as leis. Ambas cámaras comparten a iniciativa lexislativa e calquera membro delas pode presentar ante á que pertenza unha proposta de lei.[3] O proceso lexislativo comeza na cámara onde se rexistra e tras unha primeira lectura ante o pleno, o presidente derívaa ao comité ou comisión parlamentaria que lle corresponda segundo a temática que trate. Alí a proposta é valorada en audiencias públicas e, logo, o comité ou comisión pode fusionala con outras iniciativas, trasladar a proposta ao plenario, emendala ou rexeitala. Se se supera esta fase, a proposta pasa a ser debatida e votada polo pleno. Unha vez completa o trámite nunha cámara, remítese a proposta á outra onde segue idéntico percorrido. Se o texto que aproba a segunda cámara difere do da primeira, vólvese a votar na orixinal. De non haber acordo entre as cámaras, fórmase un comité conxunto de membros da Asemblea Xeral para pactar un texto que conte co apoio de ambas as dúas cámaras.[4]

Unha vez aprobada na Asemblea Xeral, a lei é remitida ao gobernador para que sancione e entre en vigor. O gobernador pode vetala, mais a Asemblea Xeral pode revogalo co voto de dous terzos dos membros de ambas as dúas cámaras.[5]

Aínda que ambas as dúas cámaras son colexisladoras, a constitución reserva algunhas funcións específicas ao Senado de Vermont, como participar na designación de xuíces do Tribunal Supremo estatal ratificando a proposta do gobernador.[6][1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Vermont Constitution". Justia Law (en inglés). Consultado o 2022-09-24. 
  2. "Constitution of Vermont - July 8, 1777 Chapter II: plan or frame of government; section II". The Avalon project. Yale School of Law. 
  3. "How a Bill Becomes a Law - Vermont General Assembly - Vermont Legislature". legislature.vermont.gov. Consultado o 2022-09-24. 
  4. "Vermont's legislative process" (PDF). legislatire.vermont.gov. 
  5. "What Happens To A Bill Once Vermont Lawmakers Approve It?". Vermont Public (en inglés). 2017-05-18. Consultado o 2022-09-24. 
  6. "Supreme Court - Supreme Court Justices". www.vermontjudiciary.org. Consultado o 2022-09-24. 


Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]