Ascocarpo
| Ascocarpo | |||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||



Ascocarpo,[1] ou ascoma, é a designación que se dá en micoloxía ao corpo frutífero característico dos fungos pertencentes ao filo Ascomycota (ascomicetos),[2][3] no cal se inclúen diversas especies formadoras de liques.[4] Os esporocarpos destes fungos son estruturas reprodutivas complexas, compostas por hifas entrelazadas e firmemente compactadas, na superficie interior das cales se desenvolven millóns de ascos, un tipo específico de estrutura formada por células reprodutivas que cando maduran orixinan caracteristicamente oito ascósporas. En moitos ascomas, os ascos forman unha capa designada himenio ou capa himenial.[5]
En canto á morfoloxía, os ascomas poden ser abertos e coa forma aproximada dunha copa (apotecio), pechados e esféricos (cleistotecio), ou en forma de pera ou de botella, cun pequeno poro a través do cal se liberan as ascósporas (peritecio). A maioría dos ascomas son macroscópicos, podendo ser os apotecios relativamente grandes e carnosos, mentres que os restantes tipos son submicroscópicos ou microscópicos, raramente superando o tamaño dun gran de pementa moída.
Moitos autores abandonaron o uso do termo "ascocarpo" en favor do termo "ascoma", cuxo plural latino é ascomata.
Clasificación dos ascocarpos
[editar | editar a fonte]Unha forma de clasificación básica dos ascocarpos baséase na súa localización (aínda que esta característica teña pouco valor taxonómico), dividíndoos en dúas grandes categorías:
- Epixeos — os que crecen por riba do solo, como por exemplo as pantorras (Morchella);
- Hipoxeos — os que crecen por debaixo do solo, formando estruturas subterráneas, como por exemplo as trufas.
Moito máis significativa desde o punto de vista taxonómico é a clasificación en canto á súa morfoloxía, en particular respecto da forma e posición do himenio. A clasificación morfolóxica máis común divide os ascomas nos seguintes catro tipos morfolóxicos básicos:
- Apotecio — é a forma máis común de ascoma, consistindo nun corpo frutífero en forma de copa, por veces case discoidal, cunha abertura alargada, en xeral volta para riba; a estrutura é sésil e carnosa, podendo atinxir grandes dimensións, presentando tres partes distintas, que son o himenio na súa superficie cóncava superior, o hipotecio e o excípulo. Os ascos fórmanse na superficie do himenio, quedando expostos na capa superior cando maduran. Os exemplos máis típicos deste tipo de ascoma témolos nos fungos pertencentes á clase Pezizomycetes, nos cales a capa fértil do himenio está libre, permitindo a dispersión simultánea de millóns de esporas. Os fungos coñecidos como pantorras (xénero Morchella) producen masas de ascocarpos comestibles (que non son cogomelos) con elevado valor comercial dada apreciación gastronómica (as Morchella son masas de apotecios fundidos nunha estrutura común en forma de cogomelo invertido). Estruturas similares aparecen nos xéneros Helvella e Gyromitra.
- Cleistotecio — agrupa os ascomas con forma globosa, ou mesmo esferoidal, que forman corpos frutíferos co himenio pechado, sen ningunha abertura ao exterior. Nestas estruturas, a parede externa, xeralmente designada peridio, consiste xeralmente nunha capa de hifas frouxamente entrelazadas que forman un pseudoparénquima que contén no seu interior os ascos. Nalgúns casos os cleistotecios presentan masas de hifas que se proxectan a partir da súa superficie externa, formando estruturas en xeral designadas apéndices. Os ascos encóntranse dispersos polo interior dos ascocarpos (como no xénero Eurotium) ou agrupados na rexión basal do ascocarpo (como en Erysiphe). Na maioría dos casos, os ascos que hai neste tipo de ascoma son globosos e con forma de pera, sendo liberados na maduración pola desintegración irregular da parede do cleistotecio. Un subtipo, que aparece por exemplo en Gymnoascus, é por veces designado ximnotecio.[6] Como neste tipo de ascoma as esporas non se liberan automaticamente, os fungos con cleistotecios tiveron que desenvolver novas estratexias para a diseminación das súas esporas. As trufas, por exemplo, resolveron este problema atraendo animais, como os xabarís, que quebran os ascocarpos saborosos e espallan as esporas sobre unha vasta área. Os cleistotecios atópanse principalmente en fungos que teñen pouco espazo dispoñible para os seus ascocarpos, como aqueles que viven baixo a casca de árbores ou son subterráneos, como as trufas. Aparece tamén en fungos dermatófitos, como por exemplo os do xénero Arthroderma.
- Peritecio — son estruturas en forma de botella, que comunican co exterior por unha abertura, que forma um poro ou ostíolo (unha papila curta cun poro circular), a través da cal se liberan as ascósporas. A canle ostiolar pode estar revestida de estruturas con morfoloxía capilar designadas perífises. Os ascos unitunicados son xeralmente de forma cilíndrica, soportados por unha estipe (pedúnculo), baleirados por un poro desenvolvido na parede interior do peritecio e xorden a partir dunhas células basais (plecténquima-centro). Exemplos deste tipo de estrutura encóntranse nos membros das ordes Sphaeriales e Hypocreales. Tamén hai peritecios en Xylaria e Nectria.
- Pseudotecio — este tipo é semellante a un peritecio, mais os ascos non están organizados regularmente nunha capa himenial definida. A estrutura é bitunicada, cunha parede dobre que se expande cando absorbe auga, rebentando nun movemento súbito que expulsa as esporas e promove a súa dispersión. Entre as especies con este tipo de estrutura está Venturia inaequalis (que causa unha doenza na maceira) e Guignardia aesculi (que produce unha doenza na castaña).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definición de ascocarpo no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ "ascocarp (fruiting structure of fungi)". Encyclopædia Britannica. Consultado o 23 de novembro de 2020.
- ↑ Emil Müller, Wolfgang Loeffler: Mykologie. Grundriß für Naturwissenschaftler und Mediziner. 3., unveränderte Auflage. Thieme, Stuttgart 1977, ISBN 3-13-436803-X, p. 206.
- ↑ Ulrich Kirschbaum, Volkmar Wirth: Flechten erkennen. Luftgüte bestimmen. Ulmer, Stuttgart 1995, ISBN 3-8001-3477-2, p. 30.
- ↑ Roland Moberg, Ingmar Holmåsen: Flechten von Nord- und Mitteleuropa. Ein Bestimmungsbuch. Fischer, Stuttgart u. a. 1992, ISBN 3-437-20471-8.
- ↑ "Gymnothecium" na OnLine Encyclopedia.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Georg Masuch: Biologie der Flechten. (= Uni-Taschenbücher 1546 Biologie). Quelle & Meyer, Heidelberg u. a. 1993, ISBN 3-8252-1546-6.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ascocarpo En Infopédia [En liña]. Porto: Porto Editora, 2003-2012. Consultada o 8 de maio de 2012.
- Fungos Arquivado 14 de xuño de 2012 en Wayback Machine. Grupo de processos biotecnológicos. Universidade Federal de Santa Catarina. Consultada o 8 de maio de 2012.