Asasinato de María Soledad Morales

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
María Soledad Morales
Nome de nacementoMaría Soledad Morales
Alcume«Sole»
Nacemento12 de setembro de 1972
Lugar de nacementoValle Viejo, Arxentina
Falecemento8 de setembro de 1990
Lugar de falecementoSan Fernando del Valle de Catamarca, Arxentina
CausaAsasinato-Femicidio
Nacionalidadearxentina
OcupaciónEstudiante
editar datos en Wikidata ]

María Soledad Morales, nada en Valle Viejo (Catamarca, Arxentina) o 12 de setembro de 1972 e finada en San Fernando de Valle de Catamarca (Catamarca, Arxentina) o 8 de setembro de 1990, foi unha estudante arxentina asasinada con 17 anos na capital catamarqueña. Luis «El Flaco» Tula, o seu mozo, doce anos maior, foi acusado de entregala a Guillermo Luque —fillo do entón deputado nacional Ángel Luque—. Este levouna a unha festa en que participaron Diego Jalil (fillo do intendente da cidade nese momento), Arnoldito Saadi (curmán do gobernador de Catamarca) e Miguel Ferreyra (fillo do xefe da policía). A moza foi drogada con cocaína e violada por varios homes, todos eles «fillos do poder». En 1998, oito anos despois, Tula foi condenado a 9 anos de prisión por ser partícipe secundario da violación e asasinato. Guillermo Luque foi condenado a 21 anos de prisión como autor material do crime.

O resultado do asasinato causou unha crise política a nivel nacional na que mesmo chegou a intervir o entón presidente arxentino, Carlos Menem. Na actualidade non queda ninguén preso polo femicidio.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era filla de Elías Morales, empregado público, e de Ada Rizzardo. Gustáballe escribir poemas e era boa estudante. Dixéralle á súa nai que ao terminar a secundaria ía estudar para mestra xardineira, pois era unha carreira curta e co seu soldo axudaría nos gastos da casa.[1] Era a segunda de sete fillos dunha familia de clase media traballadora.

Asasinato[editar | editar a fonte]

A noite do venres 7 de setembro de 1990, María Soledad Morales, quen entón cursaba 5º ano da secundaria, asistiu á discoteca Le Feu Rouge. Alí organizábase unha festa co fin de recadar fondos para a súa viaxe de fin de curso no Colegio del Carmen y San José. Os pais déranlle permiso para quedar a durmir na casa dunha compañeira súa. María Soledad díxolles que volvería contra as 16 horas do día seguinte, mais non foi así.

A madrugada do 8 de setembro, entre as 03:00 e 03:30, Luis Tula, un adulto quen, segundo os compañeiros dela, era o seu mozo, recolleuna na discoteca onde se celebraba a festa. Convidouna a ir a outra discoteca, «Clivus», onde a presentou a outros individuos, fillos de funcionarios políticos e policiais da provincia. Entre eles atopábase Guillermo Luque e, segundo testemuños de empregados da discoteca, saíu de alí «obnubilada» e acompañada de varios homes que a subiron a un vehículo. Nunca máis sería vista con vida.

Ás 9:30 do luns 10 de setembro de 1990, nunha zona coñecida como Parque Daza (a 7 km da capital catamarqueña sobre a ruta 38), uns operarios de Vialidad Nacional atoparon o corpo de María Soledad Morales,[2] quen fora salvaxemente violada. A escena do achado foi manipulada por tres individuos vistos por un condutor de autobús. Máis tarde sóubose que morrera dunha parada cardiorrespiratoria por unha dose letal de cocaína que lle obrigaron a consumir os seus secuestradores violadores e asasinos. Foi recoñecida polo seu pai por unha pequena cicatriz nun dos seus pulsos, xa que o corpo estaba totalmente desfigurado. Tiña a mandíbula fracturada, queimaduras de cigarro, faltáballe coiro cabeludo, as orellas e un ollo.[3][4]

Desde o primeiro momento as investigacións foron demoradas e manipuladas. O mesmo xefe da Policía da Provincia, o comisario xeral Miguel Ángel Ferreyra (pai dun dos asasinos), ao atopar o cadáver ordenou que o lavasen e borrasen pegadas e sinais de modo irrecuperábel.[4]

Segundo os primeiros rumores, os responsábeis serían parentes de funcionarios, coloquialmente chamados «os fillos do poder». Os medios de comunicación difundiron como sospeitosos do crime os mozos Guillermo Luque (fillo do deputado nacional Ángel Luque), Pablo e Diego Jalil (sobriños do intendente José Jalil) e Miguel Ángel Ferreyra (fillo do xefe da policía provincial).[5]

Tardouse máis de dous meses en abrir a investigación xudicial. Cando a xustiza interveu, evidenciouse o favoritismo cara aos posíbeis involucrados.

Nesas condicións, Ángel Luque (deputado nacional por Catamarca e pai de Guillermo Luque), declarou que se o seu fillo fose o asasino, o cadáver non aparecería. O escándalo levou á expulsión do deputado do Congreso. En 1991 o goberno nacional, presidido por Carlos Menem, interveu, nesa orde, o poder xudicial da provincia, despois o poder lexislativo e finalmente o poder executivo. Destituíu amais a Ramón Saadi, continuador dunha longa tradición de gobernadores na súa familia e aliado de Menem.

O interventor federal enviado por Carlos Menem foi Luis Prol.

O presidente Menem ordenou a intervención federal da provincia. Para aclarar os feitos, enviou ao exsubcomisario da Policía da Provincia de Buenos Aires, Luis Patti (baixo cadea perpetua desde o 14 de abril de 2011 por crimes de lesa humanidade), quen tamén demostrou falta de vontade na resolución do caso e aberta complicidade cos acusados.[4]

Só dúas persoas foron condenadas por "violación seguida de morte agravada polo uso de estupefacientes", aínda que se estima que participaron máis homes no crime. Guillermo Luque foi condenado a 21 anos de prisión e Luis Tula a 9 anos.[4] Ambos están xa en liberdade.

Xuízo[editar | editar a fonte]

Nesas condicións, en 1996 iniciouse o xuízo oral polo asasinato de María Soledad. Os imputados eran Guillermo Luque e Luis Tula, exmozo da vítima. A televisión nacional transmitiu o xuízo en directo e rexistrou en detalle os xestos dos xuíces, quen evidenciaron unha actitude parcial. Os xestos do xuíz Juan Carlos Sampayo foron reiterados polo Canal 13 de Buenos Aires, responsábel da primicia, e polo resto da televisión nacional. Ditos xestos causaron un novo escándalo que levou á anulación do xuízo.[6]

En 1997 celebrouse un novo xuízo.[7] As condicións políticas no país e na provincia cambiaran considerabelmente. O 27 de setembro de 1998, Guillermo Luque foi condenado a 21 anos de prisión polo asasinato e violación de María Soledad Morales, mais só cumpriu 14. Pola súa parte, Luis Tula foi condenado a 9 anos de prisión, como partícipe secundario do delito de violación.[8]

O tribunal ordenou investigar o encubrimento, que podería alcanzar a cúpula da policía catamarqueña, o exgobernador Ramón Saadi, o subcomisario Luís Patti e o propio expresidente Carlos Menem.[9] Porén, dita investigación nunca se levou a cabo.

En 2019, Luis Tula, quen saíra do cárcere por bo comportamento, foi denunciado pola súa esposa. Ela asegurou que temía pola súa vida e a dos seus fillos.[10][11]

Relevancia[editar | editar a fonte]

Tras o asasinato, houbo multitudinarias «marchas do silencio» a xeito de protesta. Foron organizadas pola relixiosa Martha Pelloni, reitora do Colegio del Carmen y San José, centro relixioso onde estudaba a rapaza.[12][13]

O intento das autoridades de Catamarca por encubrir o asasinato desencadeou históricas mobilizacións populares en todo o país, apoiadas por amplos sectores. Tras isto, logrouse o esclarecemento do homicidio, puxéronse de manifesto as condicións semifeudais do exercicio do poder en moitas provincias da Arxentina. Estes feitos conduciron a un considerábel cambio político na Provincia de Catamarca.[5][14]

En 2020 cumpríronse trinta anos do feminicidio de María Soledad. Porén, continúa sen esclarecerse a participación doutras persoas no asasinato.[4][15]

Película[editar | editar a fonte]

En 1993, o director de cine Héctor Olivera, autor de La Patagonia rebelde e La noche de los lápices, filmou El caso María Soledad, co fin de dar a coñecer o asasinato e a impunidade dos responsables do crime.[16]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "La madre del silencio". LA NACION (en castelán). 2010-10-10. Consultado o 2023-11-06. 
  2. Carrizo, Patricia (12 de abril de 2010). "Caso María Soledad Morales: Guillermo Luque quedó en libertad". La Nación. Consultado o 23 de agosto de 2020. 
  3. Sánchez Mariño, Joaquín (8 de setembro de 2018). "A 28 años del crimen de María Soledad Morales: qué pasó en la fiesta negra de los hijos del poder". Consultado o 18 de agosto de 2020. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Lewin, Miriam (19 de xaneiro de 2020). "Caso María Soledad Morales: a 30 años de un crimen que conmovió al país - TN.com.ar". Consultado o 18 de agosto de 2020. 
  5. 5,0 5,1 Cappiello, Hernán (4 de setembro de 2020). "María Soledad Morales. Un misterio y heridas abiertas a 30 años del asesinato". Consultado o 4 de setembro de 2020. 
  6. «Los dos jueces acusados de ser parciales decidieron seguir en el caso» Arquivado 12 de marzo de 2009 en Wayback Machine., artigo do 26 de marzo de 1996 no diario Clarín (Buenos Aires).
  7. Verdile, Laura (8 de setembro de 2017). "María Soledad Morales: a 27 años del femicidio en manos de los "hijos del poder"". Consultado o 23 de agosto de 2020. 
  8. «Condenaron a 21 años de prisión a Guillermo Luque y a 9 años a Luis Tula» Arquivado 12 de marzo de 2009 en Wayback Machine., artigo do 28 de febreiro de 1998 no diario Clarín (Buenos Aires).
  9. Mercado, Luis (27 de febreiro de 2000). "Diez años después empiezan a investigar el encubrimiento". Clarín. Archived from the original on 06 de agosto de 2018. Consultado o 23 de agosto de 2020. 
  10. Albornoz, Analía (18 de xuño de 2019). "Luis Tula, novio y entregador de María Soledad Morales fue denunciado por violencia de género". Consultado o 18 de agosto de 2020. [Ligazón morta]
  11. Ferrer, Ludmila (17 de xuño de 2019). "Otra denuncia, casi 30 años después | Condenado por el crimen de María Soledad, acusado por violento". Consultado o 18 de agosto de 2020. 
  12. Defoix, Bárbara (8 de setembro de 2015). "Crimen de María Soledad Martha Pelloni: "Se hizo justicia a medias"". Consultado o 18 de agosto de 2020. 
  13. García, María Paula (10 de setembro de 2015). "Los veinticinco años de Soledad". Consultado o 23 de agosto de 2020. 
  14. Tosello, Lisandro (8 de setembro de 2018). "María Soledad Morales, el crimen que volteó a un feudo". Consultado o 18 de agosto de 2020. 
  15. Rodríguez, Carlos (5 de setembro de 2020). "Se cumplen treinta años del femicidio de María Soledad Morales | La muerte de esta adolescente de 17 años a manos de un grupo de "hijos del poder" cambió la percepción de la violencia machista". Consultado o 5 de setembro de 2020. 
  16. García Olivieri, Ricardo (25 de marzo de 1993). "Una tragedia que cambió la historia". Clarín. Archived from the original on 15 de xuño de 2013. Consultado o 23 de agosto de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]