Arquitectura longobarda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca

A arquitectura longobarda, tamén chamada arquitectura lombarda, constitúe un conxunto de obras arquitectónicas realizadas na península Itálica durante o reinado dos xermánicos longobardos –tamén chamados lombardos– (568-774), cunha permanencia residual na parte meridional da península, a parte chamada Langobardia Minor gobernada por reis e duques longobardos, até os séculos X-XI.

Baptisterio de Lomello (Pavía).

A actividade arquitectónica desenvolvida na Langobardia Maior, a parte setentrional da actual Italia (citada en diante como Italia), chegou até os nosos días moi fragmentada, especialmente por mor das sucesivas reconstrucións dos edificios sacros e profanos feitas durante os séculos VII e VIII. Agás o Tempietto Longobardo de Cividale del Friuli, conservado intacto en grande parte, as edificacións lombardas civís e relixiosas de Pavía, Monza e outras localidades foron refeitas nos séculos vindeiros. Poucos edificios ficaron íntegros, ora por quedaren incluídos en ampliacións, como a igrexa de San Salvatore en Brescia, ora por seren periféricos e de modestas dimensións, como a igrexa de Santa Maria foris portas en Castelseprio.

Porén, é posíbel atopar testemuños fieis ás formas orixinais en Langobardia Minor. En Benevento consérvase a igrexa de Santa Sofia, boa parte dun treito da Muralla e a Roca dei Rettori, único exemplo íntegro de arquitectura militar longobarda, mentres restan outros testemuños menores noutros lugares do Ducado de Benevento e en Spoleto.

As principais mostras arquitectónicas superviventes da época longobarda foron reunidas recentmente nun itinerario. O conxunto forma parte da «Italia Langobardorum. Centri di potere e di culto (568-774)», que comprende sete lugares cheos de restos arquitectónicos, pictóricos e escultóricos da arte longobarda[1], e cuxa candidatura a Patrimonio da Humanidade da UNESCO foi aceptada en marzo de 2008 e foi inscrita o 26 de xuño de 2011.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Italia Langobardorum, ed. (2010). "The Longobards in Italy. Places of the power (568-774 A.D.)". Candidature Unesco (en inglés). Consultado o 31/05/2011. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Anónimo (2006). "Origo gentis Langobardorum". Historia Langobardorum (en latín). Consultado o 3 de setembro de 2011.  Texto orixinal do século VII (completo).
  • Diacono, Paolo (2008). "Historia Langobardorum". Historia Langobardorum (en latín). Consultado o 3 de setembro de 2011.  Texto completo