Arquitectura de Estonia
Unha característica distintiva da arquitectura de Estonia primitiva son os numerosos baluartes e fortes en outeiros que se atopan por todo o país, como os de Varbola e Valjala. O máis salientables, que podían abranguer até 1000 metros cadrados e se atopaban en cruzamentos de camiños estratéxicos, acabaron converténdose en centros comerciais, como Talín, Tartu e Otepää.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]
Arquitectura gótica
[editar | editar a fonte]O cristianismo chegou a Estonia a través das cruzadas do norte, o que provocou profundas mudanzas na sociedade, a cultura e a arquitectura do país. As influencias proviñeron principalmente das rexións xermano falantes e de Escandinavia. A partir do século XIII, a nova relixión impulsou a construción de igrexas por todo o territorio da actual Estonia. As primeiras igrexas foron probablemente de madeira, aínda que non se conserva ningunha.[2] As máis antigas que chegaron até os nosos días foron construídas de xeito robusto e cun carácter defensivo; a igrexa de Valjala, na illa de Saaremaa, é un exemplo disto. Os mestres construtores e escultores que desempeñaron un papel salientable nesta arquitectura eclesiástica inicial procedían principalmente de Gotland.[2]
Co arraigo progresivo do cristianismo, erixíronse igrexas meirandes e ornamentadas, especialmente no norte do país durante o século XV. As igrexas medievais do casco antigo de Talín, como a catedral, a igrexa de Santo Olavo (que foi o edificio máis alto de Europa no século XVI) ou a igrexa do Espírito Santo, dan testemuño do desenvolvemento dun estilo gótico moi elaborado.[3] Fóra de Talín, moitas igrexas foron danadas durante as frecuentes guerras, como a guerra de Livonia ou a Gran Guerra do Norte, e o abandono durante a ocupación soviética provocou gran destrución entre as igrexas estonianas.[4] Porén, en anos posteriores levouse a cabo unha intensa labor de restauración, e especialmente en Saaremaa e no norte do país aínda se conservan interesantes exemplos de igrexas medievais relativamente ben preservadas.[1]
Os cruzados tamén deixaron a súa pegada no territorio mediante a construción de numerosos castelos para exercer control militar e administrativo. Erixíronse tanto grandes complexos coñecidos como «castelos da orde» (polas ordes cruzadas como os teutóns), como fortificacións locais máis pequenas non pensadas para grandes accións militares, coñecidas localmente como «castelos de vasalos». Entre os grandes castelos que aínda se conservan salientan o castelo de Hermann en Narva, o castelo de Toompea en Talín e o castelo de Kuressaare en Saaremaa. Entre os castelos menores, aínda existen o castelo de Purtse, a torre de Kiiu e a torre de Vao. Moitos castelos medievais foron destruídos en guerras posteriores, e Estonia é rica en ruínas de castelos.[1]
A expansión de cidades como Talín e Narva como urbes hanseáticas durante a Idade Media tamén impulsou o desenvolvemento da arquitectura civil. As casas burguesas con fachadas a dúas augas, unha gran sala principal con cheminea e unha sala de estar máis pequena ao fondo fixéronse populares; este estilo, coñecido como «gótico de Talín», foi adoptado tamén por construtores en Finlandia, Suecia e Novgorod. Outros edificios civís medievais aínda existentes reflicten a importancia de Talín como cidade comercial: o Concello, a farmacia municipal Raeapteek e os edificios dos antigos gremios, como o Gran Gremio (1410), o Gremio de Santo Olavo (1422) e, máis tarde, a Irmandade dos Cabezas Negras (c. 1597).[4] A muralla da cidade, extraordinariamente ben conservada, tamén data deste período. En conxunto, o centro antigo de Talín é un dos conxuntos arquitectónicos medievais mellor preservados do mundo e está incluído na lista de Patrimonio da Humanidade da UNESCO dende 1997.[5]
Barroco e Rococó
[editar | editar a fonte]A arquitectura barroca e rococó en Estonia está representada principalmente por edificacións erixidas pola administración imperial rusa e a aristocracia local.[4] O exemplo máis salientable que se conserva é o palacio de Kadriorg, construído en estilo barroco petrino. Antes da segunda guerra mundial, o castelo de Põltsamaa constituía un exemplo excepcional de arquitectura rococó en Estonia; porén, foi destruído durante o conflito bélico e só quedan as súas ruínas.[6]
Dende as cruzadas do norte e o estabelecemento da nobreza báltica xermanofalante como clase terratenente, o campo estoniano caracterizouse polo sistema señorial imposto polas clases altas. A partir do período barroco, moitas casas señoriais perduraron e forman parte do patrimonio arquitectónico de Estonia. A paisaxe rural do país conserva arredor de 2000 mansións históricas, moitas delas en estilos barroco e rococó, como as de Saue, Palmse ou Vääna, aínda que tamén se encontran representacións de estilos como o neobarroco, neoclásico e mesmo Tudor.[7]
Clasicismo
[editar | editar a fonte]O centro da arquitectura neoclásica preservada en Estonia é Tartu, saliendo o concello e os edificios circundantes do século XVIII. O edificio principal da Universidade de Tartu (1803–1809) é un exemplo do clasicismo elevado. A arquitectura das casas señoriais continuou dominando o campo, con mansións como as de Saku, Kuremaa e Suure-Kõpu que representan claramente este estilo. Tamén se construíron algunhas residencias notables en Talín, como a Casa Stenbock e o edificio da rúa Kohtu 8 (obra do arquitecto Carl Ludvig Engel, que actualmente contén a oficina do Chanceler de Xustiza de Estonia), ambas situadas no outeiro de Toompea.[8][9]
Arquitectura de finais do século XIX
[editar | editar a fonte]Coma no resto de Europa, o remate do século XIX foi en Estonia unha época de experimentación arquitectónica con diversos estilos. Fixéronse comúns distintos tipos de historicismo e eclecticismo. O neogótico volveuse especialmente popular, en particular entre as casas señoriais, como o demostran os exemplos dos palacios de Alatskivi e Sangaste.[4] Contra o final deste período, as influencias do modernismo (Art Nouveau) chegaron a Estonia. As principais fontes de inspiración foron, por unha banda, a vibrante escena modernista de Riga e, por outra banda, o romanticismo nacional finés. Se cadra o arquitecto máis coñecido que traballou en estilo Art Nouveau en Estonia foi Jacques Rosenbaum.[10]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Igrexa de Santa Catarina de Muhu (século XIII).
-
Castelo de Koluvere (comezos do século XIII).
-
Raeapteek (comezos do século XV).
-
Casa dos Cabezas Negras de Talín (fachada de Arent Passer) (1597).
-
Palacio de Kadriorg (arquitectos Nicola Michetti, Gaetano Chiaveri e Mikhail Zemtsov) (comenzado en 1718).
-
A igrexa ortodoxa de Santa Catarina de Võru é un exemplo temperán de clasicismo (1804).
-
Edificio principal da Universidade de Tartu (arquitecto Johann Wilhelm Krause, 1803-1809).
-
Edificio Art Nouveau en Talín (arquitecto Jacques Rosenbaum, rematado en 1910).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Miljan, Toivo (2004). Historical Dictionary of Estonia (en inglés). Scarecrow Press. p. 104. ISBN 0-8108-4904-6.
- ↑ 2,0 2,1 Viirand, Tiiu (2004). Estonia. Cultural Tourism. Kunst Publishers. p. 9. ISBN 9949-407-18-4.
- ↑ Shorter, Laurence (2004). A Hedonist's Guide to Tallinn (en inglés). A Hedonist's guide to... ISBN 978-0-9547878-4-4. Consultado o 2025-04-07.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Miljan, Toivo (2004). Historical Dictionary of Estonia. Scarecrow Press. pp. 104–105. ISBN 0-8108-4904-6.
- ↑ "Historic Centre (Old Town) of Tallinn". Unesco (en inglés). Consultado o 2025-04-07.
- ↑ Viirand, Tiiu (2004). Estonia. Cultural Tourism. Kunst Publishers. pp. 82–84. ISBN 9949-407-18-4.
- ↑ O'Connor, Kevin (2006-03-30). Culture and Customs of the Baltic States (en inglés). Bloomsbury Publishing. ISBN 978-0-313-01484-0. Consultado o 2025-04-07.
- ↑ "Estonian Manors Portal - your guide to the world of manors". Mois (en estoniano). Consultado o 2025-04-07.
- ↑ Priimägi, Linnar (2010). What is and what is not Classicism. Handbook (en estoniano). Eesti Kunstiakadeemia arhitektuuriteaduskond. ISBN 978-9985-9946-9-6.
- ↑ Hallas-Murula, Karin (2010). Tallinna Juugedarhitektuur: Jacques Rosenbaum (1878-1944). Eesti Arhitektuurimuuseum. ISBN 978-9985-9828-7-7.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
A Galipedia ten un portal sobre: Estonia |
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Arquitectura de Estonia ![]() |