Arquidiocese católica latina de Canterbury

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Arquidiocese de Canterbury
Archidioecesis Cantuariensis
—Perdida e suprimida—
Datos xerais
Erixida597
LocalizaciónInglaterra
Xerarquía
PapaGregorio I (erección)
Paulo IV (supresión)
ArcebispoAgostiño (erección)
Reginald Pole (supresión)

A arquidiocese metropolitana de Canterbury foi unha diocese católica latina en Inglaterra, suprimida en 1558.

Historia[editar | editar a fonte]

A chegada dos anglos, dos saxóns e dos xutos cara a metade do século V puxo fin á estrutura cristiá existente na Britania romana. Foi o papa Gregorio Magno a finais do século VI quen asumiu a tarefa de evanxelizar aos novos pobos aínda pagáns, co envío dun grupo de misioneiros beneditinos, guiados por Agostiño de Canterbury. Partiron de Roma na primavera de 596, e chegaron á costa da illa de Thanet un ano despois.

Thanet pertencía ao reino de Kent e, segundo sabía o papa Gregorio, na corte de Canterbury había a posibilidade e exercer unha acción misioneira eficaz, xa que o rei Aethelberht casara coa cristiá Berta, filla do rei franco Cariberto I; con Berta arribara á corte de Kent o bispo Liutardo que, para atender ás necesidades espirituais da raíña, adaptara a igrexa que restaba da Canterbury romana. As previsións do papa foron acertadas, e na Pascua de 601 Aethelberht recibiu o Bautismo, sendo o primeiro monarca anglosaxón convertido ao cristianismo.

Agostiño, que na súa viaxe a Inglaterra fora consagrado bispo na Galia, instituiu a sé episcopal de Canterbury (602); e coa axuda do rei iniciou a construción da catedral de Cristo Salvador e fundou na antiga igrexa de San Martiño un mosteiro, cuxa igrexa estaba destinada a acoller as tumbas dos bispos e da corte real de Canterbury.

Dende o punto de vista do papa Gregorio, a antiga Britania romana debía ser subdividida en dúas provincias eclesiásticas, con sés en Londres e York, que eran as antigas capitais das provincias romanas. Por este motivo no 601 o bispo Agostiño recibiu o palio co cometido de estabelecer a súa sé en Londres. Porén, en Roma non era coñecida con exactitude a situación política da rexión: Londres pertencía ao Reino de Essex, cuxo rei era aínda pagán. O proxecto inicial era por tanto impracticable, e a sé de Canterbury pasou por tanto a asumir unha preminencia entre as dioceses anglosaxoas, e esta preminencia foi sancionada en 624 polo papa Bonifacio V co envío do palio ao bispo Xusto de Canterbury.

Á morte de Agostiño (604 ou 605) non faltaron algúns episodios, mesmo cruentos, de retorno ao paganismo, mais no reino de Kent o cristianismo estaba xa solidamente asentado, especialmente grazas aos primeiros sucesores de Santo Agostiño, todos eles venerados como santos tanto no catolicismo como no anglicanismo. Entre eles sobresae a figura de Teodoro, un grego de Tarso. Durante o seu longo episcopado (669 - 690), Teodoro foi o primeiro bispo de Canterbury en ser recoñecido por toda a igrexa inglesa. Esforzouse en dar forma ás dioceses anglosaxoas, que á súa morte alcanzaban o número de 13. Fundou a importante escola de Canterbury, onde se formaban as personalidades máis importantes do mundo cultural inglés da época, entre os que salientan as figuras de Aldelmo de Malmesbury, Beda o Venerable e Alcuíno de York.

Non foi até o 735 cando se realizou o proxecto de Gregorio Magno, coa constitución da segunda provincia eclesiástica anglosaxoa, a de York, que deixou a Canterbury sen xurisidición sobre as sés de Northumbria, Lindisfarne, Hexham e Whithorn.

Cara ao final do século VIII, o poderoso rei de Mercia traballou para minar a supremacía de Canterbury sobre a Igrexa en Inglaterra. En 788 o rei Offa erixiu a provincia eclesiástica de Lichfield, mais foi unha metrópole de breve existencia (até o 802). Un dos seus sucesores, Cenwulf, tentou trasladar a sé metropolitana da Inglaterra meridional dende Canterbury a Londres, apelando á idea inicial do papa Gregorio, mais este proxecto tampouco tuvo éxito, dabido á tradición que xa tiña a sé de Agostiño e de Teodoro.

A partir do 834 comezaron as invasións dos viquingos, aínda pagáns, que devastaron a Inglaterra central e setentrional, chegando a estabelecer un reino autónomo (Danelaw). Grazas ás campañas militares dos reis de Wessex-Sussex-Kent Alfredo o Grande e o seu fillo Eduardo, púdose evitar o aniquilamiento total dos reinos anglosaxóns e, con eles, da presenza cristiá nas illas. Co nieto de Alfredo, Atelstano (925-939), completouse a tarefa de reconquista e de unificación dos antigos reinos anglosaxóns.

A obra de reconstrución política e militar de Inglaterra foi acompañada dunha obra análoga de reconstrución e de reforma da vida eclesiástica e relixiosa. Nestre proxecto salientan tres monxes da Orde de San Bieito, posteriormente canonizados, postos ao cargo das dioceses inglesas máis importantes: Oswald de York, Ethelwold de Winchester e Dunstan de Canterbury. A obra conxunta dos tres bispos trasladou aos mosteiros ingleses o modelo das abadías de Cluny e Fleury, e levou á predominancia do modelo monástico nas dioceses. Dunstan avogou polo celibato sacerdotal, procurou unha mellor formación dos cregos, reforzou o elemento monástico no episcopado inglés e compuxo un ordo para a coroación dos monarcas empregado durante moitos anos na corte inglesa: nestes traballos foi apoiado pola lexislación do rei Edgar, que regulamentaba os diferentes detalles da vida relixiosa e eclesiástica.

A sé de Canterbury viviu un momento de crise nos turbulentos anos do derradeiro rei anglosaxón Eduardo o Confesor, quen, tentando reconciliarse co partido pro-normando, promoveu a sé primacial inglesa ao francés Roberto. Isto provocou a reacción dos opositores, que perseguiron a Roberto e o substituiron co inglés Stigand de Winchester, quen chegou a obter o palio do antipapa Bieito X.

Os sucesivos acontecimientos políticos, que levaron á conquista normanda de Inglaterra e ao ascenso ao trono de Guillermo o Conquistador (1066), favoreceron a introdución da reforma gregoriana no reino anglo-normando.

O século XII caracterizouse polos feitos relacionados co rei Henrique II e o arcebispo Thomas Becket, os seus duros enfrontamentos, o primeiro en defensa do absolutismo político e o segundo en defensa da autonomía e dos privilexios da Igrexa, que levaron ao asasinato de Becket na catedral de Canterbury o 29 de decembro de 1170.

En 1534, Henrique VIII separou a Igrexa inglesa de Roma, logo de tentar que a Igrexa Católica aceptara a anulación do seu matrimonio con Catarina de Aragón para poder casar con Ana Bolena. O papa Clemente VII rexeitou a anulación, e Henrique VIII proclamouse gobernador da Igrexa de Inglaterra, sendo excomungado por Paulo III.

Nestes anos difíciles e turbulentos de Henrique VIII e do advimento progresivo do anglicanismo, os diferentes arcebispos de Canterbury posicionáronse a favor dunha ou doutra parte. Entre eles salientou especialmente Thomas Cranmer, elixido arcebispo o 21 de febreiro de 1533, con simpatía polas ideas luteranas. Nomeado arcebispo, sería quen declararía a nulo o matrimonio de Henrique VIII con Catarina de Aragón. Cando Henrique VIII publicou os Seis artigos(agosto 1539), de clara tendencia católica, Thomas Cranmer tivo que renunciar temporalmente a achegar á igrexa inglesa ao luteranismo.

Porén, baixo o reinado do seu fillo Eduardo VI, adoptáronse máis formas de influencia protestante. Baixo a guía de Cranmer, procedeuse a unha reforma progresiva. Sentouse un novo patrón de culto co Libro de Oración Común, con influencias protestantes. A confesión da Igrexa de Inglaterra reformada foi estabelecida nos 42 artigos. Porén, logo da morte de Eduardo VI (1553), chegou ao trono María I. Con ela houbo unha tentativa de restauración do catolicismo, cunha dura política persecutoria, que levou a condena á fogueira de 250 persoas, entre elas o mesmo Thomas Cranmer (1556). A raíña foi apoiada polo novo titular de Canterbury, o cardeal Reginald Pole. Ambos morreron en 1558.

Reginald Pole foi o derradeiro arcebispo de Canterbury en comuñón coa Santa Sé. A nova raíña, Isabel I, nomeou en 1559 á sé primacial inglesa a Matthew Parker, co que se inicia a serie dos arcebispos anglicanos.

No momento da ruptura da comuñón co Papa, a sé de Canterbury contaba con 20 dioceses sufragáneas: Bangor, Bath e Wells, Bristol, Chicester, Coventry e Lichfield, Ely, Exeter, Gloucester, Hereford, Llandaff, Lincoln, Londres, Norwich, Peterborough, Rochester, St Asaph, St David's, Salisbury, Worcester e Winchester.

Episcopoloxio[editar | editar a fonte]

  • Wighard (664, nomeado para o cargo, mais finado en Roma antes de ser consagrado bispo)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]