Arqueamebas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As arqueamebas (Archamoebae) é un grupo de microorgnismos ameboides pertencentes aos Amoebozoa [1] que se caracteriza pola ausencia de mitocondrias [2]. Dous dos xéneros, Entamoeba e Endolimax son parasitos ou comensais internos dos animais. Algunhas especies son patóxenas para os seres humanos, causando doenzas tales como a disentería amebiana. Os outros xéneros de archamoebae viven en hábitats de auga doce e son infrecuentes entre as amebas polos flaxelos que posúen. A maioría teñen un só núcleo e un flaxelo, mais a ameba xigante Pelomyxa é multinucleada e multiflaxelada.

As primeiras árbores moleculares baseadas no ARNr estableceron que os xéneros parasitos ou comensais (entamébidos) e os xéneros flaxelados (pelobiontes) se clasificasen en grupos separados que diverxiron doutros Eukarya moi cedo, o que suxire que a ausencia de mitocondrias era unha característica primitiva. A ausencia de aparato de Golgi en Pelomyxa tamén se considerou un caráctrer primitivo, o que a separaría de Entamoeba, que ten aparato de Golgi.

O nome de Archamoebae, do grego αρχη, primeiro, fai referencia a esta suposta antigüidade. Porén, estudos baseados noutros xenes demostraron que esta colocación é un artefacto da análise filoxenética (que se denomina atracción das ramas longas). Agora considérase que Archamoebae é un grupo de Amoebozoa relacionado con Myxomycota, cuxos membros perderon as mitocondrias. Tamén parece que os pelobiontes e os entamébidos non son grupos separados, é dicir, que Entamoeba e Endolimax se desenvolveron a partir dun devanceiro común de vida libre.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cavalier-Smith T (1998). "A revised six-kingdom system of life". Biol Rev Camb Philos Soc 73 (3): 203–66. PMID 9809012. doi:10.1111/j.1469-185X.1998.tb00030.x. 
  2. Cavalier-Smith T (1991). "Archamoebae: the ancestral eukaryotes?". BioSystems 25 (1-2): 25–38. PMID 1854912. doi:10.1016/0303-2647(91)90010-I.