Arquíloco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Busto que adoita atribuírse a Arquíloco.

Arquíloco (Ἀρχίλοχος en grego antigo), nado en Paros, actual Grecia, en -712 e finado no mesmo lugar en -664[1] foi un poeta lírico grego arcaico orixinario da illa de Paros.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi fillo dun nobre chamado Telesicles e dunha escrava chamada Enipo. Poeta e mercenario, os seus escritos chegáronnos de forma fragmentada, e non existe consenso respecto das datas exactas nas que viviu e a autoría dalgunhas das obras que se lle atribúen. A súa vida desenvólvese ao longo da primeira metade do século -VII. Naceu en Paros, unha pequena illa xonia do mar Exeo, famosa polo seu mármore, e onde o culto a Deméter, relacionado coa poesía iámbica, era moi importante. Arquíloco, ademais de cantar ao deus Dioniso, está ligado á introdución do seu culto na súa illa. Participou na colonización de Tasos, en busca de territorio agrícola, unha localización moi próxima ás minas auríferas do litoral de Tracia.

Arquíloco preséntasenos como poeta soldado, alguén que vivía da guerra mentres cultivaba a poesía.

Son un servidor do soberano Enialio
coñecedor do amable don das Musas.
Da miña lanza depende o pan que como, da miña lanza
o viño de Ismaro. Apoiado na miña lanza bebo.

Pasou a súa vida entre as loitas políticas e as rivalidades de Paros. Segundo Critias por ese motivo arruinouse economicamente, contraeu numerosas inimizades, e empobrecido marchou a Tasos. Terminou os seus días durante a defensa de Paros na guerra contra Naxos, illa próxima.

Trala súa morte gozou en Paros de gran popularidade e erixiron no seu honor un monumento funerario (ou unha especie de templo, o Archilocheion) no que se atopou unha longa inscrición pertencente ao século -IV na que, a modo de conto popular, se explica a iniciación do poeta nos ritos dionisiacos, e a profecía que presenciou o seu pai anunciando a posterior fama do seu fillo.

Fíxose famoso na Antigüidade e pasou á posteridade como personaxe polémico a través de Plutarco. As súas obras foron igualmente polémicas, tanto polos seus ataques virulentos contra variados personaxes e a súa habilidade para crearse inimizades, como por contradicir con algúns dos seus versos os valores bélicos da época. Nietzsche cítao como o primeiro artista "subxectivo", cuxos versos, segundo este filósofo, non outorgan coñecemento, polo cal podería ser "o auténtico non artista" [2].

Un saio ostenta hoxe o brillante escudo

que abandonei a pesar meu xunto a un florecido arbusto.
Pero salvei a vida. Que me interesa ese escudo?

Peor para el. Hei conseguir un mellor[3].

Prometido con Neobula, o pai daquela, Licambes, outorgou á súa filla a alguén que supoñía un mellor partido, ao que Arquíloco respondeu con composicións ofensivas que se recollen no chamado Papiro de Colonia, no que acusaba a Neobula de ser unha muller sen moral e relataba con detalles un encontro sexual coa súa irmá menor. Os versos resultarían tan ferintes que, segundo a lenda, levaron ao suicidio a Licambes e ás súas fillas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Unha biografía de Arquíloco. (en castelán)
  2. "O Nacemento da Traxedia" Cap. 5)
  3. Na táctica hoplítica o escudo servía para protexer o flanco do compañeiro máis próximo e, por honor, non debía perderse.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Lesky, Albin (2009). Historia de la literatura griega I (1ª ed.). Madrid: Gredos. ISBN 978-84-249-0178-3. 
  • García Gual, Carlos (2004). "Arquíloco de Paros". Antología de la poesía lírica griega. Madrid: Alianza. ISBN 84-206-7228-9. 
  • Adrados, Francisco R.: Líricos griegos elegiacos y yambógrafos arcaicos. Edición bilingüe. Alma Máter. (en castelán)
  • Bonifaz Nuño, Rubén: Antología de la lírica griega. Edición bilingüe. UNAM. México. 1988. (en castelán)
  • Ferraté, Joan: Líricos griegos. El Acantilado. Barcelona. (en castelán)
  • García Gual, Carlos: Antología de la poesía lírica griega. Alianza Editorial. Madrid. (en castelán)
  • Rodríguez Tobal, Juan Manuel: El ala y la cigarra. Fragmentos de la poesía arcaica griega no épica. Edición bilingüe. Hiperión. Madrid. 2005. (en castelán)
  • Suárez de la Torre, Emilio: Antología de la lírica griega arcaica. Cátedra. Madrid. (en castelán)
  • Suárez de la Torre, Emilio: Yambógrafos griegos. Gredos. Madrid. (en castelán)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Textos de Arquíloco: