Arngrímur Jónsson
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 1568 |
| Morte | 27 de xuño de 1648 Vestur-Húnavatnssýsla |
| Relixión | Luteranismo |
| Educación | Universidade de Copenhague |
| Actividade | |
| Ocupación | historiador rexional, tradutor, escritor |
Arngrímur Jónsson "o Sabio" (en islandés: Arngrímur Jónsson hinn lærði), nado en 1568 e finado o 27 de xuño de 1648, foi un erudito e apoloxista cristián islandés.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Arngrímur Jónsson naceu en 1568. O seu pai, Jón Jónsson, faleceu en 1591.[1] Arngrímur estudou en Copenhague, graduándose en 1589 para logo regresar a Islandia, onde traballou como reitor dunha escola de latín na sé episcopal de Hólar.[2]
En 1593 publicou o seu Brevis commentarius de Islandia (en galego: Un breve comentario sobre Islandia), no que criticou as obras de numerosos autores que escribiron sobre o país insular e as súas xentes. En especial, a súa atención centrouse nun poema de Gories Peerse, no que este mercador calumniou a xeografía e etnografía islandesas. Así mesmo, Arngrímur analizou obras máis substantivas, como a Cosmographia universalis do erudito alemán Sebastian Münster.
O Brevis commentarius de Islandia volveuse imprimir en 1598 como parte do Principal Navigations of the English Nation de Richard Hakluyt. Esta obra de Arngrímur e outras posteriores contribuíron á difusión, entre os eruditos europeos, da antiga literatura islandesa e a riqueza de manuscritos conservados no país. No contexto dos conflitos entre Dinamarca e Suecia, durante os cales ambas nacións tentaron xustificar as bases históricas dos seus nacentes imperios, xogou tamén un papel no desenvolvemento do nacionalismo europeo, ao participar no proceso de etnografía pexorativa co que os estados procuraban diferenciarse entre eles.[3]
Xa que logo, grazas aos seus libros, en especial a súa obra mestra, o Crymogæa (unha historia de Islandia en tres volumes), publicado en 1609, Arngrímur converteuse nunha figura influente no contexto escandinavo. Así, inspirou subseguintes xeracións de historiadores daneses e islandeses, entre os que destacou Ole Worm.[4]
Para a elaboración das súas pezas historiográficas, Arngrímur tivo acceso a textos hoxe perdidos, entre os que sobresaen grandes fragmentos da desaparecida Skjöldunga saga. Os seus traballos sobre os reis lendarios de Dinamarca e Suecia son a evidencia máis importante dos contidos desta saga. Así mesmo, estivo en posesión do manuscrito Hauksbók durante uns 40 anos, no cal se conserva a única versión completa da Völuspa.
Influencia
[editar | editar a fonte]Arngrímur apareceu representado nos antigos billetes de 10 coroas islandesas, na actualidade fóra de circulación.
Publicacións
[editar | editar a fonte]- Brevis commentarius de Islandia.
- Crymogæa, unha historia de Islandia en tres volumes.[5]
- Supplementum Historiæ Norvegicæ.
- Rerum Danicarum fragmenta.
- Ad Catalogum Regum Sveciæ, a quo danic: historiæ Norvegiæ, compendium incipit, annotanda.
- Anatome Blefkeniana.
- Eintal sálarinnar við sjálfa sig.
- Epistola pro patria defensoria.
- Apotribe virulentæ et atrocis calumniæ.
- Athanasia, publicado en lembranza de Guðbrandur Þorláksson.
- Specimen Islandiæ historicum.
- Gronlandia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Springborg 1977, p. 59.
- ↑ Springborg 1977, p. 58.
- ↑ Springborg 1977, pp. 59-60.
- ↑ Springborg 1977, pp. 60-63.
- ↑ Eggertsdóttir 2006, p. 189.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]- Benediktsson, Jakob, ed. (1950/1957). Arngrimi Jonae opera latine conscripta (en latín).
- Eggertsdóttir, Margrét (2006). "From Reformation to Enlightenment". En Neijmenn, Daisy. A History of Icelandic Literature (en inglés). University of Nebraska Press. ISBN 9780803233461.
- Springborg, Peter (1977). "Antiqvæ historiæ lepores--om renæssancen i den islandske håndskriftproduktion i 1600-tallet". Gardar: Årsbok för Samfundet Sverige-Island i Lund-Malmö (en islandés) 8: 53–89.