Armand Jean Le Bouthillier de Rancé

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Armand Jean Le Bouthillier de Rancé
Armand jean le bouthillier de rancé.jpg
Nacemento9 de xaneiro de 1626
Lugar de nacementoParís
Falecemento27 de outubro de 1700
Lugar de falecementoLa Trappe Abbey
SoterradoLa Trappe Abbey
NacionalidadeFrancia
RelixiónIgrexa católica
Ocupacióncóengo, teólogo e Trappist Cistercian monk
editar datos en Wikidata ]
Retrato do abade Armand Jean le Bouthillier de Rancé

Armand Jean Le Bouthillier de Rancé, da orde do Císter, nado o 9 de xaneiro de 1626 en París e falecido o 27 de outubro de 1700 na Abadía de La Trappe (Soligny-la-Trappe, Francia), é un dos precursores da Orde Cisterciense da Estrita Observancia (chamados trapistas, fundada en 1892). É unha figura destacada na espiritualidade do Grand Siècle francés. Chateaubriand dedicaralle o seu último traballo, La Vie de Rancé .

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Mocidade[editar | editar a fonte]

Armand Jean Le Bouthillier de Rancé procedía dunha familia da nobreza de toga, ben relacionada coa corte. Nado o 9 de xaneiro de 1626, o primeiro nome de Armand foille dado polo seu padriño, o cardeal Armand Jean de Richelieu. Foi o segundo fillo de Denis Le Bouthillier de Rance, conselleiro de Estado, e da súa esposa Charlotte Joly, quen era secretaria particular da raíña María de Médicis.

Aínda que estaba destinado a unha carreira militar, logo da morte do seu irmán máis vello, Denis-François, quen debía tomar os votos eclesiásticos, a familia orientou a Armand Jean cara a Igrexa. Desde os once anos, en 1637, foi cóengo da catedral de Notre-Dame de París e abade comendador de cinco mosteiros, incluído o de La Trappe, en Normandía. Destas abadías cobraba rendas malia a non ter obrigas monásticas. En 1638, a súa nai morreu e a súa irmá entrou no convento. Licenciouse como mestre en artes no ano 1643 . En 1650, o seu pai tamén morreu, quen lle legou unha importante fortuna.

Ese ano coñeceu a Marie d'Avaugour, duquesa de Montbazon, catorce anos maior ca el, quen o presentou á alta sociedade parisina.

Foi ordenado sacerdote en 1651 despois de brillantes estudos en París, onde tivo a Bossuet como compañeiro de estudos. En 1654 obtivo o doutoramento na Sorbona. O mesmo ano, foi posto á fronte dunha das arquidiaconías do seu tío, Victor Le Bouthillier (1596-1670), arcebispo de Tours. Foi capelán do duque de Orleáns, Gastón de Borbón, irmán do rei Luís XIII.

En 1657, o seu tío quixo nomealo coadxutor con dereito de sucesión, pero Mazarino negouse, unha decisión relativamente normal dada a idade do candidato, pero sobre todo Rancé é partidario do cardeal de Retz, inimigo de Mazarino.[1]

Durante os seus primeiros anos como sacerdote foi relaxado no cumprimento dos votos tomados. Aínda que cara finais da década de 1650 e principios de 1660, dúas experiencias achégano á observancia relixiosa.

O 28 de abril de 1658 morreu a duquesa de Montbazon. A dor de perder a quen amaba marca un punto de inflexión na súa vida. Durante tres anos mantivo un retiro e reflexión na propiedade familiar de Véretz, preto de Tours. Aproveitou para estudar e traducir a certos Pais da Igrexa ou doutores da vida monástica, como Basilio de Cesarea e Evagrio o Póntico, que deixaron unha pegada duradeira no seu pensamento. En 1660, o pasamento do duque de Orleáns tamén causou un fondo impacto en De Rancé.

Promotor da reforma trapista[editar | editar a fonte]

Abadía de La Trappe, a fachada actual da igrexa é de estilo neogótico e feita no século XIX

En 1660, visitou La Trappe, que estaba caendo en ruína, tanto patrimonialmente como na súa observancia monástica. Entón asume que como abade comendador ten a responsabilidade de buscar solucións.

Renunciou a tres abadías e dous priorados, que tiña por herdo, e preparouse para ingresar na vida monacal de La Trappe. Feito o noviciado na abadía de Perseigne, fixo a súa profesión de fe e tomou os hábitos de monxe o 6 de xuño de 1664, unhas semanas máis tarde é xa o abade do mosteiro de La Trappe.

Entón comeza a súa reforma da abadía: aos monxes que estaban dalles opción de sumarse ou de machar cunha pensión. A súa idea é volver á cumprir con fidelidade, ou con estreita observancia, a Regra de San Bieito seguida polos fundadores do Císter, insistindo na abstinencia de carne e o traballo manual diario. A súa prosposta de estrita observancia reuniu unhas sesenta abadías (como Perseigne, Sept-Fons, Tamié, Val-Richer, Orval, Clairmarais, Val-des-Choux, entre outras) pero sen deixaron a orde do Císter, nin formar, sequera, unha congregación separada.

A súa concepción da Estrita Observancia recolleuna en Declarationes in regulam beati Benedicti ad usum Domus Dei Beatae Mariae de Trappa. Esta nunca foi impresa e só se coñece por un manuscrito en latín, unha tradución francesa así coma por algunhas citas, e, sobre todo, pola famosa obra De la sainteté et des devoirs de la vie monastique (1683), que vai ter unha ampla distribución e que provocará controversias con outras grandes ordes como cartuxos e mauristas.

A reforma de La Trappe foi aprobada pola Santa Sede mediante dous escritos do 2 de agosto de 1677 e do 23 de maio de 1678 que establecen que La Trappe e as súas seguidoras seguen formando parte do Císter mais cunha normativa específica. O que marcou a Rancé nos seus esforzos de reforma foi un profundo sentido da continuidade da vida monástica desde os Pais do Deserto ata os Cistercienses: de aí a súa insistencia nos temas clásicos monásticos da necesidade do arrepentimento, a abnegación, a humildade e o ascetismo. Tamén por iso a insistencia no silencio, no traballo manual duro, sobre todo na agricultura, e da abstinencia.[2] Foi este afán de humildade o que lle fixo rexeitar calquera estudo científico no mosteiro: Rancé, que fora un teólogo brillante e admirado, quixo evitar aos seus monxes a tentación do orgullo intelectual, pero ao mesmo tempo caeu nun antiintelectualismo que lle será reprochado, en particular polo beneditino Mabillon. O seu énfase na penitencia levou a que fose acusado, falsamente, de xansenista.[3][4]

En 1695 solicitou deixar de ser o abade do mosteiro de La Trappe, onde permaneceu como monxe ata o seu falecemento en 1700.

A reforma ranceana tivo, porén, un grande éxito nun momento no que todos os mosteiros non brillaban co seu fervor: La Trappe acolleu postulantes por ducias e mesmo por centos, que ás veces xa eran sacerdotes ou relixiosos.

Un herdeiro de Rancé, dom Augustin de Lestrange, permitiu que a comunidade de La Trappe non fose destruída pola Revolución Francesa: exiliada en Suíza, daría a luz en 1892 á Orde dos Cistercienses Reformados da Nosa Señora de La Trappe, que pouco despois se renomeou como Orde Cisterciense de Estrita Observancia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "CATHOLIC ENCYCLOPEDIA: Jean-Armand Le Bouthillier de Rance". www.newadvent.org. Consultado o 2021-11-07. 
  2. "Historia institucional cisterciense - La guerra de las Observancias". www.cistercensi.info. Consultado o 2021-11-09. 
  3. Bell, David N. (2018-09-06). Everyday Life at La Trappe under Armand-Jean de Rancé (en inglés). Liturgical Press. ISBN 978-0-87907-174-5. 
  4. "Jean-Armand le Bouthillier de Rancé - Enciclopedia Católica". ec.aciprensa.com. Consultado o 2021-11-09. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos:[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas:[editar | editar a fonte]