Argamasilla de Calatrava

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaArgamasilla de Calatrava
Imaxe

Localización
Mapa
 38°43′37″N 4°04′48″O / 38.726944444444, -4.08Coordenadas: 38°43′37″N 4°04′48″O / 38.726944444444, -4.08
EstadoEspaña
Comunidade autónomaCastela-A Mancha
Provinciaprovincia de Cidade Real Editar o valor em Wikidata
CapitalArgamasilla de Calatrava Editar o valor em Wikidata
Poboación
Poboación5.801 (2023) Editar o valor em Wikidata (34,95 hab./km²)
Xeografía
Superficie166 km² Editar o valor em Wikidata
Altitude676 m Editar o valor em Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Alcaldesa Editar o valor em WikidataJacinta Monroy Torrico Editar o valor em Wikidata
Identificador descritivo
Código postal13440 Editar o valor em Wikidata
Fuso horario
Código INE13020 Editar o valor em Wikidata

Páxina webargamasilladecalatrava.es Editar o valor em Wikidata

Argamasilla de Calatrava é un municipio español da provincia de Cidade Real, na comunidade autónoma de Castela-A Mancha. Ten unha superficie de 165,94 km² cunha poboación de 5.993 habitantes (INE 2021) e unha densidade de poboación de 36,24 hab/km².

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Descoñécese a orixe do topónimo. As Relacións Topográficas encargadas por Filipe II en 1574 recollen que o municipio recibe o nome «por haber nalgunhas partes do seu termo algunhas argamasas [lugares públicos] antigas».[1]

Outros autores como don Pedro de Gaona no seu discurso De la Villa de Argamasilla (1585), suxire unha posíbel orixe árabe, aínda que sen indicar razóns convincentes.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Integrado na comarca de Campo de Calatrava, sitúase a 38 quilómetros da capital provincial. O municipio está atravesado pola autovía Cidade Real-Puertollano A-41 e pola estrada nacional N-420  entre os km 162 e 171. A estrada autonómica CM-413 , comunica a vila con Aldea del Rey, e a estrada local CR-P-4116, con Villamayor de Calatrava.

O relevo do municipio é practicamente chan, con outeiros dispersos, agás a Sierra Gorda (829 m) ao norte e a Sierra Alta e a Sierra de Calatrava ao sur, que superan os 1000 m. As elevacións máis destacables son os picos Peñón del Fraile (960 m), Vallelargo (975 m) e Cerro Chaparral (1002 m). Existen numerosos afloramentos volcánicos debidos á zona xeolóxica en que se atopa, a Zona Volcánica Central de España. O río Tirteafuera nace no territorio, na Sierra de Calatrava, e percórreo de leste a oeste.[2]

A altitude oscila entre os 1002 m do Cerro Chaparral e os 650 m na beira do río Tirteafuera. A vila atópase a 675 m.

Noroeste: Villamayor de Calatrava Norte: Caracuel de Calatrava, Cañada de Calatrava e Ballesteros de Calatrava Nordés: Almagro
Oeste: Villamayor de Calatrava e Almodóvar del Campo Leste: Aldea del Rey
Suroeste: Almodóvar del Campo e Puertollano Sur: Puertollano Sueste: Aldea del Rey

Historia[editar | editar a fonte]

Reloxo da Praza do Concello

Esta área comezou a poboarse xa no Paleolítico, na paraxe denominada «Laguna Blanca». No val do Turruchel e na devandita lagoa tamén se atoparon restos da Idade de Ferro e construcións de argamasas romanas.

Na zona do Turruchel atópase unha tumba megalítica datada na Idade de Bronce, denominada Sala de los Moros.[3]

Tamén existen restos romanos e visigodos no centro urbano. Porén, a vila, orixinalmente un pequeno forte en cuxo abrigo se asentaron os primeiros poboadores, fundouse con posterioridade á Batalla das Navas de Tolosa (1212) ao redor dun torreón do que actualmente non quedan vestixios. Tras esta batalla a Orde de Calatrava asentouse na zona.

En 1216 trasladouse na mestría ao Sacro Convento, en Aldea del Rey, próximo a Argamasilla. Probabelmente fose entón cando se crease un núcleo de asentamento dentro da política xeral de poboamento levada a cabo pola Orde. Figura xa o seu nome como Encomenda e tamén incorporada á Obrería de Calatrava a principios do século XIV.

A Xustiza e Rexemento da Vila víñaos exercendo o Consello cos Alcaldes, un Hijosdalgo e outro de Pecheros, e varios Rexedores perpetuos. En 1556 Filipe II suprimiu a xurisdición civil e criminal en primeira instancia aos pobos e dividiu os partidos en Alcaldías Maiores. Argamasilla pasou a depender do Alcalde Maior de Almodóvar del Campo.

No século XIV Argamasilla está definitivamente formada como pobo dentro do Reino de Castela. Entre 1305 e 1313 aparece segregada a encomenda de Argamasilla de Almagro. Constituíu con Villamayor a chamada Obrería da Orde, por expreso mandato da Orde de Calatrava. A finais do século XIV e principios do XV constrúese a igrexa, anteriormente chamada de Santa María a Maior e actual Parroquia.

No século XVI a poboación foi crecendo notabelmente e alcanzou a cifra de 600 habitantes. Construíuse entón a ermida dos Santos Mártires; xa existía a ermida de San Sebastián (onde hoxe se atopa a da Virxe do Socorro) e as ermidas da nosa Señora da Esperanza e a de San Cristóbal, ambas fóra da vila. Argamasilla contaba entón con dous alcaldes nomeados por Filipe II: Pedro de Balbuena (quen gobernaba os viláns) e Juan Pérez (quen gobernaba os fidalgos).[1]

A antiga Casa da Inquisición

En 1564 creouse o partido de Almodóvar del Campo e Argamasilla incorpouse ao mesmo. Perdeu así a súa antiga independencia, mais recobrouna en 1588 tras pagar 5 200 ducados.

Durante o século XVII Argamasilla sufriu un período de crise debido a varias causas, entre elas a emigración a América, a escaseza de man de obra labrega, a expulsión dos mouriscos, os salarios dos oficios de xustiza, o pago de obrigacións urxentes ou a creación do Pósito (almacén municipal de cereal). O despoboamento foi tal que en 1652 a vila contaba con tan só 150 habitantes. Ese ano a igrexa parroquial tomou o nome da Nosa Señora da Visitación.

En 1746 Argamasilla tivo todos os seus bens concursados, pois non podía facer fronte aos réditos que sobre os seus bens gravaban. Para saír da situación viuse obrigada a pedir autorización para a creación de arbitrios (tributos municipais extraordinarios) por 10 anos co fin de atender os gastos básicos do Concello. Nos anos seguintes recobrou de novo o prestixio e recuperou a prosperidade perdida.

Don Francisco Gascón Bueno, historiador puertollanense, describe na súa obra La villa de Argamasilla de Calatrava a finales del siglo XVIII a situación do municipio en 1785. Baséase nos escritos do sacerdote da vila durante esa época, D. Pedro de Gaona. Comenta que é vila de señorío das Ordes e Campo de Calatrava, como Gran Maestre de todas as militares en virtude de bulas pontificias e que se compuña de 350 habitantes.

Don José de Hosta, autor de Crónica de la Provincia de Ciudad Real (1865), afirma que a vila tiña 2149 habitantes:

Ten 350 casas dun e dous pisos distribuídas nunha praza bastante espazosa e doce rúas empedradas e mal conservadas. A casa do concello foi reedificada en 1776 onde o antigo pósito servía de cárcere.[4] O terreo do municipio é chan, de miga e secaño, mais ten algunhas hortas regadas por medio de noras, e alcanzan parte da cordilleira de Puertollano. Os camiños entre aldeas son todos carreteiros mais descoidados. Entre os cultivos están o trigo candeal, cebada, centeo, garavanzos, feixóns verdes, legumes, viño e algo de aceite. Mantense nel gando lanar, cabrún, vacún e porcino, e a caza maior. A fauna silvestre inclúe animais carnívoros, víboras, alacráns e tarántulas. Na vila hai varias tendas, tafonas, dous muíños de aceite e outros estabelecementos e as mulleres dedícanse á elaboración de blondas para a fábrica de Almagro.[5]
Igrexa parroquial da Visitación da Nosa Señora

Outro acontecemento desafortunado na historia da vila foi a queima dos arquivos municipais na noite do 7 ao 8 de maio de 1898. A subida do imposto de consumos foi mal recibida pola poboación, xa que se atravesaba un mal momento económico. Así, o pobo amotinouse (en especial as mulleres) e asaltou o Concello e o Xulgado co Rexistro Civil. Tiráronse polos balcóns á Praza Pública mobles, cadros, xanelas, cortinas e cantos documentos e libros alí había, co que se fixo unha gran fogueira. O alcalde, perseguido polo pobo, puido salvar a vida fuxindo por tellados e bardas. Amais, durante o inicio da Guerra Civil, destruíronse imaxes (entre elas a da patroa, a Virxe do Socorro), altares e ornamentos. Estes dous episodios deixaron a Argamasilla sen a maior parte do seu patrimonio histórico e artístico.

O secretario do Concello en 1898, D. Heliodoro Peñasco, mostrouse moi activo en recompor a marcha administrativa do arrasado Concello. En 1913, destituído do seu cargo, capitaneou un radicalismo feroz contra o conservadorismo local, que consideraba caciquismo, polo que foi brutalmente asasinado. O feito deu triste notoriedade a Argamasilla polo feito en si e polos dous xuízos celebrados, en que non se puido probar a culpabilidade da indución ao crime. Desde 1931 unha rúa da vila leva o seu nome.

Administración[editar | editar a fonte]

Concello de Argamasilla de Calatrava. No primeiro plano, o monumento ao alcalde José María Rodríguez Marín
Alcaldes desde as eleccións de 1979
Lexislatura Nome Partido
1979-1983 Antonio Rodríguez Daimiel † UCD
1983-1987 Antonio Rodríguez Daimiel † API
1987-1991 Rafael Rodríguez Pérez PSOE
1991-1995 Rafael Rodríguez Pérez PSOE
1995-1999 María Luisa Piedrabuena León PP
1999-2003 Fernando Calso Fernández PSOE
2003-2007 Fernando Calso Fernández PSOE
2007-2011 Fernando Calso Fernández PSOE
2011-2015 Jacinta Monroy Torrico PSOE
2015-2019 Jacinta Monroy Torrico PSOE
2019-2023 Jacinta Monroy Torrico PSOE
2023- n/d n/d

Demografía[editar | editar a fonte]

Gráfica de evolución demográfica de Argamasilla de Calatrava entre 1842 e 2021
     Poboación de dereito (1842 e 1877-2001) ou poboación de feito (1857-1860) segundo os censos de poboación do Instituto Nacional de Estatística de España.

     Poboación segundo os padróns de poboación do Instituto Nacional de Estatística de España.

Serie de poboación histórica de Argamasilla de Calatrava
Ano19861989199319962000200420082011201220132021
Poboación58195710551054725369537457725941601860135993

Festas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Paz, Ramón; Viñas, Carmelo (1971). "Argamasilla". Relaciones histórico-geográfico-estadísticas de los pueblos de España hechas por iniciativa de Felipe II: Ciudad Real. Madrid. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de febreiro de 2012. Consultado o 15 de agosto de 2013. 
  2. "Turismo e cultura en Cidade Real". 
  3. Corchado y Soriano, Manuel (1961). "Descripción de un edificio ciclópeo conocido por "La Sala de los Moros", en término de Argamasilla de Calatrava (Ciudad Real)" (PDF) (3). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de xullo de 2013. Consultado o 15 de agosto de 2013. 
  4. Hosta, José de (1865). "Parte segunda. Capítulo XXILI. Partido judicial de Almodóvar del Campo". Crónica de la provincia de Ciudad Real. pp. 58–59. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de setembro de 2013. Consultado o 21 de agosto de 2015. Argamasilla de Calatrava. Villa que, con cuatro habitantes del caserío del Rincón, tiene dos mil ciento cuarenta y nueve almas. 
  5. Hosta, José de (1865). "Parte tercera. Capítulo IX. Descripción y noticias históricas de los pueblos del partido judicial de Almodóvar del Campo". Crónica de la provincia de Ciudad Real. p. 89. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de setembro de 2013. Consultado o 21 de agosto de 2015.