Arco da Vella (publicación)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Arco da Vella (Pensamento Libertario Galego) foi unha publicación de carácter libertario editada polo Colectivo Libertario Arco da Vella en Santiago de Compostela.

Características[editar | editar a fonte]

Publicáronse catro números, a comezos da década de 1980. Estaba escrito integramente en lingua galega, e contou cunha tirada de 1000 exemplares, con depósito legal. Aparecía impreso con moitas ilustracións, presentado con follas de distintas cores e con formatos distintos, así como pegotes e obxectos engadidos (pedazos de espello, letras de sopa...).

Entre os seus colaboradores están Carmen Blanco, Ramiro Fonte, Manuel Forcadela, Claudio Rodríguez Fer, Margarita Ledo, Henrique Monteagudo, Dionisio Pereira, María Balteira (pseudónimo de Rosa Bassave Roibal), Alberto de Esteban Gracia, Susana Antón, Albino Prada, Manuel Xirimbao, César Rodríguez, Álvarez, Cide, Cobas, Llamazares, Miragaia, Prada, Díez, Rábade, Louxas, Alvite, Barba ou Vétula.

Tiña unha liña claramente anarcocomunista, libertaria, galeguista e pro-CNT. Máis que polo seu contido, destacou pola súa extraordinaria presentación e deseño, con pingas de vangardismo, que estaba a cargo do deseñador gráfico Pepe Barro.

No 1º número aparece o artigo "o Estado non é a patria", firmado pola Federación Anarcocomunista Galega. Falábase tamén de temas diversos como o parto natural, a loucura e os manicomios, a identidade galega, a enerxía nuclear, o antimilitarismo, a cociña natural ou os problemas urbanos. Inclúe un texto de Eva Forest. O número 2 apareceu no verán de 1981, con 30 páxinas máis cubertas e engadidos, e cun formato de 27x42 cm. Fala de temas como a homosexualidade, o caso Scala, a prisión de Herrera de la Mancha, a heterodoxia anarquista ou a protección animal. O número 3 editouse no verán de 1982, con 36 páxinas máis oito do anexo, cun formato de 21 x 27 cm e 13,5 x 27 cm no anexo. Trata temas como a lingua galega, o campo, a apicultura, a tecnoloxía alternativa ou a gastronomía.

Notas[editar | editar a fonte]