Saltar ao contido

Aratinga de cabeza negra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aratinga de cabeza negra

En Estrasburgo, Parc de l'Orangerie
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Psittaciformes
Familia: Psittacidae
Xénero: Aratinga
Especie: Aratinga nenday
(Vieillot, 1823)

Sinonimia

Nandayus nenday (Vieillot 1823)

A aratinga de cabeza negra[2] (Aratinga nenday) é un papagaio neotropical de medio tamaño principalmente verde nativo da América do Sur continental. Estableceu poboacións en Tenerife e América do Norte.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Esta especie foi previamente considerada membro do xénero monotípico Nandayus Bonaparte, 1854, un dos aproximadamente 16 xéneros de catorras neotropicais da tribo Arini, que inclúe tamén os guacamaios. Porén, os datos filoxenéticos mostraron que está situado nun dos catro grupos do xénero Aratinga. Cando se revisou o xénero Aratinga e se dividiu en catro xéneros separados, esta especie foi incluída no actual xénero Aratinga.[3] Esta revisión estivo baseada en estudos anteriores. Segundo unha análise filoxenética baseada no ADNmt do xénero Aratinga feita por Ribas e Miyaki (2004), a cotorra nanday forma un grupo monofilético con A. solstitialis, A. jandaya e A. auricapillus. Tavares et al. (2005) nunha análise de ADN mitocondrial e nuclear de 29 especies que representaban 25 dos 30 xéneros de catorras neotropicais atoparon que o parente máis próximo desta especie era Aratinga solstitialis e o momento da diverxencia entre eles debeu ser hai entre 0,5 e 1,3 millóns de anos.

Coñécense híbridos de aratinga de cabeza negra con A. solstitialis, A. jandaya e Thectocercus acuticaudatus.

Un parente prehistórico foi Aratinga vorohuensis, descrito a partir de fósiles do Plioceno tardío atopados na Arxentina.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Mide 27-30 cm de longo, pesa uns 140 g, e é principalmente de cor verde. A súa característica máis distintiva, que lle dá o seu nome, é a máscara facial e peteiro negros. Tamén ten plumas de voo traseiras negras nas ás e unha longa cola beireada de azul no extremo. A parte superior do peito é verde azulada e a parte inferior do peito, verde clara. As plumas que cobren as coxas son vermellas.

Distribución

[editar | editar a fonte]

A especie é nativa de América do Sur desde o sueste de Bolivia ao suroeste do Brasil, parte central de Paraguai e norte da Arxentina, desde a rexión coñecida como o Pantanal. Aves que se liberaron de gaiolas en determinadas áreas conseguiron establecer poboacións que se automanteñen en Tenerife, Los Angeles (California), San Antonio, Texas, e varias áreas da Florida (como nos condados de Pasco, Sarasota, Pinellas, Manatee, Broward, Palm Beach e Miami-Dade) nos Estados Unidos.[4]

Comportamento

[editar | editar a fonte]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

Esta ave aliméntase de sementes, bagas e outros froitos carnosos, noces de palma, flores e gromos. As aves ferais (procedentes de mascotas escapadas que se fixeron silvestres) tamén acoden aos comedeiros para aves. As aves verdadeiramente salvaxes prefiren principalmente os bosques con fraguiza e claros dos bosques arredor de poboacións humanas. Frecuentan as sabanas abertas, pasteiros e currais en América do sur, onde son considerados unha praga nalgunhas áreas.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Para nidificaren normalmente usan buratos nas árbores. As femias poñen tres ou catro ovos. Despois de rematar a crianza dos polos, todas as aves forman grupos en pousadeiros comunais bastante grandes ata a seguinte estación reprodutora.

Animal de compañía

[editar | editar a fonte]

Esta especie ás veces tense como animal de compañía. É unha ave con moita enerxía e ruidosa á que para prosperar lle cómpre moita estimulación mental e social e pasar un tempo significativo fóra da súa gaiola. Pode non ser un animal de compañía axeitado para nenos pequnos debido ao seu poderoso peteiro. Cando se ten en catividade, pode aprender a "falar" e tamén pode aprender trucos.[5] O World Parrot Trust recomenda que esta ave se teña nun aviario de 2–3 metros de lonxitude.[6] A duración da vida máis longa verificada desta specie é de 18,7 anos; porén, hai tamén informes de que algunhas viviron 30 anos en catividade.[7]

  1. BirdLife International (2018). "Aratinga nenday" 2018: e.T22685752A131917909. doi:10.2305/IUCN.UK.2018-2.RLTS.T22685752A131917909.en. 
  2. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05. 
  3. DNA-sequence data require revision of the parrot genus Aratinga (Aves: Psittacidae) J.V. Remsen, Jr., Erin E. Schirtzinger, Anna Ferraroni, Luís Fábio Silveira & Timothy F. Wright
  4. "Nanday Parakeet - Distribution | Neotropical Birds Online". neotropical.birds.cornell.edu (en inglés). Consultado o 2018-03-13. 
  5. Kalhagen, Alyson. "Black-hooded parakeet (Nanday conure)". The Spruce Pets. Bird species profile. Consultado o 15 de xaneiro de 2021. 
  6. "Nanday conure (Aratinga nenday)". World Parrot Trust. Consultado o 15 de xaneiro de 2021. 
  7. "Nandayus nenday". The Animal Ageing and Longevity Database. Anage entry. Consultado o 15 de xaneiro de 2021. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • "National Geographic" Field Guide to the Birds of North America ISBN 0-7922-6877-6
  • Handbook of the Birds of the World Vol 4, Josep del Hoyo editor, ISBN 84-87334-22-9
  • "National Audubon Society" The Sibley Guide to Birds, de David Allen Sibley, ISBN 0-679-45122-6

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]