Arantxa Tapia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Arantxa Tapia
Arantxa Tapia 2020.jpg
Nome completoMaría Aránzazu Tapia Otaegi
Nacemento24 de setembro de 1963
Lugar de nacementoAstigarraga
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Navarra
Ocupaciónpolítica, profesora universitaria e enxeñeira
editar datos en Wikidata ]

Arantxa Tapia Otaegi nada en Astigarraga, Guipúscoa o 24 de setembro de 1963, é unha enxeñeira industrial e profesora vasca. Iniciou a súa carreira política en 2005 e é membro do PNV.[1] Dende 2020, é Conselleira de Desenvolvemento Económico, Sustentabilidade e Medio Ambiente no Goberno Vasco.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formación e carreira profesional[editar | editar a fonte]

María Arantxa Tapia Otaegi naceu en 1963 na localidade de Astigarraga, Guipúscoa[2]. É doutora en enxeñaría industrial pola Universidade de Navarra e entregou a maior parte da súa vida profesional á docencia e a investigación no seo da universidade. É catedrática do departamento de enxeñaría de sistemas e automática na Universidade do País Vasco. Desde abril de 2002 ata xullo de 2005 foi directora da Escola Universitaria Politécnica de San Sebastián, a cal tamén pertence á Universidade do País Vasco.[3] Na súa carreira de investigación participou en múltiples proxectos financiados por institucións públicas e empresas privadas como: Iberdrola, ICS, Rodisa, AHV ou Giroa.

En 2005 pasouse á política deixando parcialmente abandonados os seus labores docentes e universitarios, porén continuou como profesora asociada a tempo parcial na Escola Universitaria Politécnica. Máis adiante, coa vida política máis estabilizada, en 2011 entre xullo e novembro volveu á universidade para ser coordinadora de estudos universitarios do departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automatización.

Carreira política[editar | editar a fonte]

Arantxa Tapia apareceu na política en xullo de 2005 cando foi nomeada viceconselleira de Transportes e Obras Públicas do Goberno Vasco. Esta consellería estaba dirixida por Nuria López de Guereñu, do Partido Nacionalista Vasco (PNV).

Tras dous anos no cargo citado foi nomeada deputada de Mobilidade e Ordenación do Territorio no gabinete de Markel Olano da Deputación Foral de Guipúscoa en xullo de 2007. Foi deputada durante 4 anos, ata setembro de 2011, ano en que o PNV perdeu as eleccións forais. Porén, en devanditas eleccións foi elixida como xunteira nas Xuntas Xerais de Guipúscoa polo PNV.

En novembro de 2011 o PNV colocouna como cabeza de lista pola circunscrición electoral de Guipúscoa nas eleccións xerais. O partido obtivo o 22,40% dos votos e Tapia volveu ser elixida deputada.

O 17 de decembro de 2012 incorporouse ao Goberno Vasco dirixido polo Lehendakari Iñigo Urkullu, para o que dous días antes tivo que abandonar o seu escano nas Cortes Xerais. A continuación pasou a ocupar o cargo de Conselleira de Desenvolvemento Económico e Competitividade do Goberno Vasco, no que se mantivo ata novembro de 2016. O 28 de novembro de 2016 foi nomeada conselleira de Desenvolvemento Económico e Infraestruturas no executivo presidido por Iñigo Urkullu, cargo que ocupou ata setembro de 2020.

O 8 de setembro de 2020 asumiu a consellería de Desenvolvemento Económico, Sustentabilidade e Medio Ambiente do Goberno vasco presidido de novo polo Lehendakari Iñigo Urkullu durante a XII lexislatura autonómica.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Está casada con Julián Flórez, doutor enxeñeiro industrial, xuntos residen en Zumaia. Ambos destacan por impulsar e defender a presenza do éuscaro no ámbito da enxeñaría e a universidade.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. http://www.congreso.es/docinte/000243/000243_e_0000675.pdf Declaración de actividades Congreso [Ligazón morta]
  2. 2,0 2,1 "Arantxa Tapia Otaegi.CV". irekia.euskadi.eus. Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2022. Consultado o 5 de abril de 2022. 
  3. La Escuela de Ingeniería Técnica Industrial cambia de nombre y de sede en San Sebastián El País, 21 de octubre de 2003.
  4. [1]|[Ligazón morta]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]