Aranjuez, Madrid

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aranjuez é un concello madrileño, co título de "Real Sitio y Villa de Aranjuez". Está situado no extremo sur da provincia de Madrid, a 47 km da capital. É cabeceira de partido xudicial, e ten o seu territorio atravesado polos ríos Texo e Jarama. É un dos Reais Sitios da monarquía española desde que Filipe II o nomeou en 1560, e posúe ademais o título de vila desde 1899.

Pola súa relación coa corte española, ten aplicado o seu nome a diversos feitos históricos, coma o Tratado de Aranjuez (1779, polo que España intervén na Guerra de Independencia dos Estados Unidos), o Convenio de Aranjuez (1801, polo que España colaborou coa súa flota naval con Francia para atacar a Inglaterra) e o Motín de Aranjuez (de 1808, que tivo como consecuencia a abdicación do rei Carlos IV no seu fillo Fernando VII).

Asemade, leva o seu nome o Concierto de Aranjuez, composto en 1939 por Joaquín Rodrigo en honra ó concello.