Aqueloo (mitoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Heracles loitando con Aqueloo pola man de Deianira (crátera de figuras vermellas, c. 450 a,C., Louvre)

Na mitoloxía grega, Aqueloo era o nome do máis importante río de Grecia, en terras de Etolia, hoxe coñecido como río Aspropótamos, e do principal deus do río, en palabras de Homero ou Pausanias[1].

Considérase fillo dos Titáns Océano e Tetis, o fillo primoxénito dos tres mil deuses fluviais ou oceánidas. Outras fontes fano fillo de Helios e Xea (a Terra), ou ben de Poseidón, deus dos mares.

"Tetis, co Océano, deu a luz ós impetuosos ríos: o Nilo, o Alfeo... ó Aqueloo, de prateados remuíños...".
(Hesíodo: Teogonía 338-341)

Tivo varias esposas, como Melpómene, unha das musas, coa que enxendrou ás sereas[2]. Tamén tivo relacións con outras musas, coas que enxendrou os mananciais de Pirene, de Castalia ou de Dirce. Tamén se lle considera pai da fonte Calíorre.

O oráculo de Dodona engadía a cada resposta que daba a orde de ofrecer sacrificios a Aqueloo.

Aqueloo e Heracles[editar | editar a fonte]

En primeiro plano, Heracles loita con Aquelooo; no fondo á esquerda, Aqueloo levándose a Deianira (1531-1576, Museo Metropolitano de Arte, Nova York)

Heracles, no cumprimento do seu undécimo traballo que lle encomendara Euristeo para expiar o asasinato dos seus fillos, tivo que descender ó Hades para capturar ó can Cérbero. No camiño nos Infernos atopouse con Meleagro, quen lle pediu que casara coa irmá, Deianira, pois ó morrer el non tiña quen coidara dela. Deste xeito, cando rematou o traballo e regresou á terra, foi ata Calidón a cumprir a súa promesa[3].

Chegado a Calidón, Heracles pediulle a Eneo a man de Deianira, pero este contestoulle que se vira obrigado a darlla a Aqueloo, que acababa de pedirlla en matrimonio. Deianira non desexaba esta unión, asustada polas continuas metamorfoses que podía experimentar Aqueloo, en serpe, touro ou, por veces, home con cabeza de touro, con auga fluíndo en abundancia entre as súas barbas; e por iso aceptou sen problemas a solicitude de Heracles.

Pero Aqueloo seguía insistindo en que Eneo cumplise a súa promesa, vangloriándose de ser veciño de Eneo, da súa sona e de ser o pai de tódalas augas gregas e non un estranxeiro errante como Heracles, negando mesmo que este fose fillo de Zeus salvo que a súa nai fose unha adúltera[4].

Heracles tivo que enfrontarse con el para conseguir o dereito a casar con Deianira. Aqueloo transformouse sucesivamente primeiro en serpe, que escapou reptando cando Heracles xa o tiña no chan, e logo en touro, e foi nesta aparencia cando Heracles puido vencelo, colléndoo polos cornos e derribándoo no chan, á vez que lle arrincaba un corno. Aqueloo rendiuse e renunciou a Deianira, e pediulle a Heracles que lle devolvera o corno, cousa que este fixo[5] a cambio do corno da cabra Amaltea, capaz de producir tódolos bens que se desexen.

"Cando Heracles arribou a Calidón, pretendeu á filla de Eneo, Deianira, e loitando pola súa man con Aqueloo, que tomara a aparencia dun touro, rompeulle un dos cornos. Desposou a Deianira e Aqueloo recuperou o seu corno a cambio do de Amaltea".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 7, 5)
Heracles loita contra Aqueloo (Thomas Hart Benton, 1947, Museo Smithsoniano de Arte Americana)

Noutra versión do mito, Eneo rexeita a Aqueloo e négase a darlle a súa filla. Anoxado por esa actitude, Aqueloo transformouse en touro e dedicouse a sementar a destrución na rexión de Etolia, ata que foi xometido por Heracles[6].

Illas Equínades[editar | editar a fonte]

Había catro ninfas na beira do río facendo sacrificios ós deuses pero esqueceron citar a Aqueloo. Este, anoxado, levantou as augas e arrastrou ás catro ninfas ata o mar, onde quedaron convertidas en illas, as illas Equínades, na foz do río.

Hai unha quinta illa, que sería Perimede (ou Perimela), á que Aqueloo seducira e desvirgara. O pai da moza, Hipodamante, cando o soubo, botouna ó río no momento en que ía dar a luz. Aqueloo rogou a Poseidón que a transformara en illa, e o deus así o fixo. Tamén se conta que Aqueloo logrou salvala e a converteu na súa esposa. Cómpre advertir que Pseudo-Apolodoro afirma que "De Perimede e Aqueloo nacen Hipodamante e Orestes (I, 7, 3), que nada ten que ver co Orestes fillo de Agamenón.

Auga e viño[editar | editar a fonte]

Cóntase que un tal Ceraso mesturou viño con auga do río Aqueloo, e por iso 'mesturar' se di en grego cerasae[7]. Cómpre advertir que esta só é unha etimoloxía popular.

Iconografía e interpretacióon[editar | editar a fonte]

Os deuses fluviais adoitaban representarse deitados no chan, sen atributos característicos, espidos ou lixeiramente cubertos por un manto. Non obstante, Aqueloo aparece xa no século V a.C. como un touro enorme, con cabeza humana e cornos. Por veces represéntase correndo polo campo, trucando na xente, ou só a cabeza, como un ancián con dous cuernos, pelo gris e barba hirsuta da que mana auga.

Nalgunhas moedas de Acarnania (ó oeste de Ecalia), represéntase como un touro con cabeza de home ancián.

A loita de Heracles e Aqueloo pode interpretarse como parte do ritual dunha voda real. O corno do touro considerábase como sede da fertilidade.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Aqueloo, Príncipe dos ríos, o Grande" (Pausanias: Descripción de Grecia, VIII, 38, 10).
  2. Aínda que outras fontes din que son fillas de Forcis (o pai das Gorgonas) e Melpómene. Pseudo-Apolodoro di que eran fillas de Aqueloo e Estérope, filla de Hipodamante (I, 7, 10).
  3. Deianira era filla de Eneo, rei de Calidón.
  4. "Pois Xúpiter é falso que sea o teu pai e, de ser verdade, foino con crime. Buscas pai con adulterio da túa nai" (Ovidio: Metamorfosis IX, 23-25).
  5. Segundo Hixino, non llelo devolveu, senón que lle deu o corno ás Hespérides ou ás ninfas, que o chamaron "cornucopia" ou corno da abundancia (Hixino 31.7); normalmente considérase o corno da abundancia ó da cabra Amaltea. Segundo Graves, regaloullo a Eneo como regalo de voda (Graves, px. 601).
  6. Franco Llopis, px. 207.
  7. Hixino 274.1.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017, 301.
  • Franco Llopis e outros, Borja (2018). Imágenes de la tradición clásica y cristiana. Centro de Estudios Ramón Areces S. A. ISBN 9788499612720.  (en castelán)
  • GRAVES, Robert: Los mitos griegos, Ed. Gredos, 1ª ed. 2019, 600-604.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HESÍODO: Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • OVIDIO: Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial 3ª ed. 2015, 2ª reimp. 2017, IX. 4-100 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].