Saltar ao contido

Apolo e Dafne

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escultura realizada polo escultor Gian Lorenzo Bernini

Apolo e Dafne é un relato pertencente á mitoloxía grega que a través do tempo foi narrado por autores helenísticos e romanos en forma de viñeta literaria. Ovidio, poeta romano, relata o mito no poema As metamorfoses (Libro I, 416-517).

Apolo, deus das ciencias, as artes e a música, foi maldecido por Eros, deus do amor, por burlarse del cando estaba a xogar co seu arco e frechas.[1] Para vingarse, o irado Eros colleu dúas frechas, unha de ouro (coa que sementaba o amor tanto entre mortais coma en deuses) e outra de chumbo (coa que provocaba o desamor); a primeira lanzouna ao corazón de Apolo no que prendeu a paixón e a segunda, mandouna ao corazón da ninfa Dafne na que sementou o aborrecemento.[2]

"Da súa alxaba sacou dous dardos de efectos diferentes: un fai fuxir o amor, o outro prodúceo. O que o produce é de ouro e brilla na súa afiada punta; o que o fai fuxir é romo e ten chumbo baixo a cana"
Ovidio I, 468-471

En tempos pasados, Dafne rexeitara moitos amantes potenciais pois prefería a exploración dos bosques e a caza. Seu pai, un deus-río, que segundo unhas tradicións era Ladón[3] e segundo outras era Peneo,[4][5] pediulle que casara para darlle netos, mais Dafne pediulle que a deixase solteira como a irmá xemelga de Apolo, Artemisa, a quen estaba consagrada e quería permanecer virxe[6]. Porén, o pai advertíraa que era demasiado fermosa como para manter afastados tódolos seus pretendentes.

Mentres, Apolo, cheo de amor, insistía constantemente para seducila. Mais ela escapou ao bosque, polo que Apolo pediu axuda aos deuses, que permitiron que a puidese alcanzar. Cando estaba a piques de collela, preto do río Peneo, Dafne invocou a axuda de seu pai,[7] quen, para salvala do deus,[8] fixo un esconxuro para convertela en árbore antes de que a collese Apolo. De súpeto, cando a ía tocar, o corpo comezou a se transformar no tronco dun loureiro, o seu cabelo nas follas e os brazos nas pólas; os pés deixaron de correr pois quedaron enraizados na terra.

Ao non poder tomala como esposa, prometeu que a amaría eternamente e sería o seu símbolo, empregaría os seus poderes da eterna xuventude e inmortalidade para que estivese sempre verde[9] e que de loureiro se farían as coroas para recompensar aos poetas[3] e aos vencedores dos Xogos Píticos.[10]

Virtude fronte a luxuria

[editar | editar a fonte]

O mito de Apolo e Dafne foi interpretado como un enfrontamento entre a virtude —Dafne— e os desexos carnais —Apolo—. Mentres Apolo persegue a Dafne luxuriosamente, ela sálvase mediante unha metamorfose, que pode ser considerada como un acto de castidade eterna. Dafne vese forzada a sacrificar o seu corpo e converterse nun loureiro como única escapatoria ás presións e constantes apetitos sexuais de Apolo.[11]

Apolo e Dafne na arte

[editar | editar a fonte]

Hai múltiples representacións da fábula ao longo da historia da arte.

Escultura

[editar | editar a fonte]

Bernini realizou entre os anos 1622 e 1625 unha escultura en mármore a tamaño case natural. Bernini intenta capturar a emoción de Dafne e as fases do seu cambio. A escultura, vista dende as costas de Apolo, oculta a figura de Dafne e amosa só a árbore na que se transforma despois de pedir axuda ao seu pai. Isto fai que ao dar a volta á estatua se contemple a transformación da ninfa. A expresión de horror no rostro de Dafne e a de sorpresa no de Apolo mostran un contraste de actitudes. Dafne parece descoñecer a súa transformación segundo mira cara a atrás por enriba do seu ombreiro, cos beizos entreabertos polo medo. Mentres, Apolo non pode disimular un aceno de sorpresa nin pode crer o que ven os seus ollos. Esta escultura inspirouse no Apolo Belvedere de Leocares. Pertence ao estilo barroco e está exposta na Galería Borghese de Roma.

  1. Grimal (2009), px. 36.
  2. Trujillo, Francisco (1994). Mitología fantástica para niños. México: Selector. pp. 67–68. ISBN 968-403-763-5. 
  3. 3,0 3,1 de Paula Mellado, Francisco (1846). Diccionario universal de historia y de geografía. Vol. II. Madrid: Editor: Francisco de Paula Mellado. p. 352. 
  4. Echeverría, Rafael (2007). Raices de sentido sobre Egipcios, Griegos, Judíos y Cristianos. Santiago de Chile: J.C.Saez editor. p. 108. ISBN 956-306-016-4. 
  5. Cardona (1996), p. 102
  6. "Apollo and Daphne". artble.com. Arquivado dende o orixinal o 10-02-2018. Consultado o 09-02-2018. 
  7. Inkiow (2003); p. 91.
  8. 8,0 8,1 Impelluso (2003); p. 78.
  9. Inkiow (2003); p. 93.
  10. López Pérez, Juan Antonio (2001). "Algunos dioses de la mitología clásica en Cervantes". En Bistarini, Bernat. Volver a Cervantes: Actas del IV Congreso Internacional de la Asociación de Cervantistas. Palma de Mallorca: Universitat de les Illes Baleares. p. 367. ISBN 84-7632-645-9. 
  11. Paulson (2007); pp. 40-41.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Cardona, Francesc L. (1996). Mitología griega. Col. Olimpo. Barcelona: Edicomunicación. ISBN 84-7672-745-3.
  • Grimal, Pierre (2009). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós Ibérica Ediciones. ISBN 9788449322112
  • Impelluso, Lucia (2003). Gods and heroes in art. Los Ángeles: Getty Publications. ISBN 0892367024
  • Inkiow, Dimiter (2003). Orfeo, Sísifo & cía. Barcelona: Grupo Editorial Norma. ISBN 9580470707
  • Paulson, Ronald (2007). Sin and evil: moral values in literature. New Haven: Yale University Press. ISBN 9780300120141

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]