Apócrino
Apócrino e apócrina[1] son termos que se usan para referirse a un tipo de secreción das glándulas exócrinas na cal as células secretoras acumulan material no seu extremo apical, xeralmente formando masas globulares, e este material seguidamente despréndese da célula, formando vesículas extracelulares. Polo tanto, neste tipo de secreción as células secretoras perden parte do seu citoplasma durante o proceso de secreción.
Un exemplo dunha verdadeira glándula apócrina é a glándula mamaria, secretora do leite.[2] Tamén se atopan glándulas apócrinas na rexión anoxenital e nas axilas.[3]
A secreción apócrina é menos daniña para a glándula que a secreción holócrina (que destrúe a célula) pero máis que a merócrina (exocitose).
-
Secreción apócrina.
-
Glándula apócrina.
-
Histoloxía de células apócrinas con tinguidura H-E (snout = masa globular apical acumulada).
Metaplasia apócrina
[editar | editar a fonte]
A metaplasia apócrina é unha transformación reversible (metaplasia) de células a un fenotipo apócrino. É común na glándula mamaria en casos de cambios fibroquísticos. Dáse en mulleres principalmente de máis de 50 anos. A metaplasia ocorre cando hai unha irritación na mama (quiste no peito). Fórmanse células similares ás apócrinas nun revestimento de microquistes en desenvolvemento, debido á acumulación de presión dentro do lume. A acumulación de presión é causada polas secrecións.[5] Este tipo de metaplasia representa unha excepción á regra común de que a metaplasia incrementa o risco de desenvolver cancro de mama, xa que nesta metaplasia iso non ocorre.[6] As células apócrinas metaplásicas pertencen á categoría dos oncocitos, que son células caracterizadas por teren abundante citoplasma granular acidófilo (da raíz grega onco-, que significa masa).
Carcinoma ductal apócrino in situ
[editar | editar a fonte]O carcinoma ductal apócrino in situ é un carcinoma de mama moi raro que se considera unha variante do carcinoma ductal in situ de tumores de mama. Os tumores de carcinoma ductal apócrino in situ teñen características histopatolóxicas microscópicas que son similares ás do carcinoma de mama apócrino puro, pero diferéncianse del en que están completamente localizados, é dicir, non invadiron os tecidos veciños nin se metatastatizaron a tecidos distantes.[7]
Carcinoma apócrino
[editar | editar a fonte]O carcinoma apócrino é unha forma moi rara de cancro de mama. A taxa de incidencia varía de 0,5 a 4 %.[8] Citoloxicamente, as célula do carcinoma apócrino son relativamene grandes, granulares, e teñen un prominente citoplasma eosinófilo.[9] Cando ao carcinoma apócrino se lle fai un test e dá “triplo negativo", iso significa que as células do paciente non poden expresar o receptor de estróxenos, o receptor de proxesterona, ou o receptor HER2.[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ BUSCatermos apócrina
- ↑ Mescher AL, "Chapter 4. Epithelial Tissue" (Chapter). Mescher AL: Junqueira's Basic Histology: Text & Atlas, 12e: http://www.accessmedicine.com/content.aspx?aID=6180489.
- ↑ Murphrey, Morgan B.; Safadi, Anthony O.; Vaidya, Tanvi (10 de agosto de 2020). Histology, Apocrine Gland. StatPearls Publishing. PMID 29489220.
- ↑ Imaxe do Dr. Mikael Häggström, Referencia: Carlos C. Diez Freire, M.D., Shahla Masood, M.D. "Apocrine metaplasia". Pathology Outlines. Última actualización do autor: 28 de maio de 2020.
- ↑ Dr Ayush Goel and Radswiki et al. Apocrine metaplasia of the breast.http://radiopaedia.org/articles/apocrine-metaplasia-of-the-breast
- ↑ Wells, C A; El-Ayat, G A (decembro de 2007). "Non-operative breast pathology: apocrine lesions". Journal of Clinical Pathology 60 (12): 1313–1320. ISSN 0021-9746. PMC 2095572. PMID 18042688. doi:10.1136/jcp.2006.040626.
- ↑ Quinn CM, D'Arcy C, Wells C (xaneiro de 2022). "Apocrine lesions of the breast". Virchows Archiv 480 (1): 177–189. PMC 8983539. PMID 34537861. doi:10.1007/s00428-021-03185-4.
- ↑ Khandeparkar, Siddhi Gaurish Sinai, Sanjay D. Deshmukh, and Pallavi D. Bhayekar. "A rare case of apocrine carcinoma of the breast: Cytopathological and immunohistopathological study." Journal of Cytology/Indian Academy of Cytologists 31.2 (2014): 96.
- ↑ "Final Diagnosis -- Case 209". Arquivado dende o orixinal o 2000-03-12. Consultado o 2014-11-03. (consultado o 3 de novembro de 2014)
- ↑ Potter, Michelle. "A[pcrome Breast Cancer - Johns Hopkins Kimmel Cancer Center". www.hopkinsmedicine.org.