Saltar ao contido

Antonio del Rincón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaAntonio del Rincón
Biografía
Nacemento1566
Texcoco
Morte2 de marzo do 1601
País de nacionalidadeMexicana
Grupo étnicoNáhuatl
RelixiónCatolicismo
Actividade
OcupaciónLingüista
Orde relixiosaCompañía de Xesús Editar o valor en Wikidata

Antonio del Rincón, nado en Texcoco no 1566 e finado o 2 de marzo do 1601, foi un sacerdote xesuíta e lingüista novohispano, autor dunha das primeiras gramáticas da lingua náhuatl, a Arte mexicana (1595).

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Antonio del Rincón naceu en Texcoco, fillo dun tlatoani, a nobreza gobernante da cidade.[1][2] Como tal, foi falante nativo de náhuatl.[1] Non se sabe con certeza se os seus pais eran ambos náhuatl ou se foi un mestizo.[1] Con dezasete anos, ingresou na Compañía de Xesús, alcanzando con rapidez o dominio da teoloxía.[1]

Cara ao ano 1580, del Rincón fundou o Colexio Seminario do Espírito Santo de Puebla, a primeira escola xesuíta da cidade.[1] Alí, exerceu de profesor de seminario, ensinando a relixión católica aos nativos da rexión.[1] Destacou por predicar na lingua náhuatl.[1]

No 1583, trasládase á Cidade de México para continuar cos seus estudos de teoloxía, e desempeñar varios cargos docentes e administrativos.[1] Arredor do 1589, sufriu un derramo cerebral que o deixou parcialmente paralizado durante o resto da súa vida.[1] Foi durante esta última etapa que redactou a súa Arte mexicana (1595), unha gramática do náhuatl que serviría de manual para a orde xesuíta até, polo menos, o 1645.[1]

Del Rincón foi un dos primeiros intelectuais náhuatls posteriores á conquista, e o primeiro lingüista indíxena en documentar sistematicamente a lingua náhuatl.[1][2] A súa gramática, xunto coas de Andrés de Olmos e Alonso de Molina, constitúe unha das fontes primarias para o estudo do náhuatl clásico. Foi o primeiro en sinalar a existencia dunha oclusiva glotal no náhuatl, coñecida como saltillo, así como en notar a distinción de lonxitude vocálica.[1]

Del Rincón faleceu no 1601, aos 45 anos de idade.[1]

Del Rincón foi o primeiro en analizar a lingua náhuatl nos seus propios termos, no canto de impoñerlle o modelo do latín.[1] O autor foi consciente das limitacións das categorías gramaticais europeas para analizar as linguas indíxenas, polo que só tomou os esquemas e conceptos xerais que considerou apropiados, adaptandoos segundo as súas necesidades.[1] A súa Arte mexicana está redactada en cinco libros ou seccións, a imitación da Gramática castellana de Antonio de Nebrija, de grande influencia no mundo hispano.[1] A seguinte taboa recolle os contidos de cada un destes libros:[1][3]

Libro Contidos Títulos
Primeiro Declinación do náhuatl Das declinacións
Segundo Conxugación do náhuatl Das conxugacións
Terceiro Morfoloxía do náhuatl Das derivacións de nomes e verbos
Cuarto Das composicións
Quinto Pronunciación do náhuatl Da pronuncia e acento da sílaba
Apéndice Glosario Vocabulario breve...

Unha das súas aportacións máis orixinais respecto dos traballos de Andrés de Olmos e Alonso de Molina foi o capítulo quinto, que analiza a fonoloxía da lingua.[1] Ademais de describir o saltillo, foi pioneiro na acentuación das palabras do náhuatl, formulando regras precisas para os acentos, en especial no relativo á mudanza das palabras cos cambios morfolóxicos propios do náhuatl.[1] Por outra banda, del Rincón tivo unha certa noción do concepto de pares mínimos, que sería elaborado teoricamente ao longo do século XX, xa que no apéndice da súa Arte mexicana moitas das palabras están agrupadas pola variación dun só fonema.[1]

Os seus estudos influenciaron posteriores desenvolvementos, entre os que destacan os do seu compañeiro da orde xesuíta Horacio Carochi.[4]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 1,17 1,18 1,19 Guzmán Betancourt, Ignacio (2002). "Antonio del Rincón (1566-1601): primer gramático mexicano". Estudios de Cultura Náhuatl 33: 253–265. 
  2. 2,0 2,1 McDonough, Kelly S. (2011-08). "Indigenous Intellectuals in Early Colonial Mexico: The Case of Antonio del Rincón, Nahua Grammarian and Priest". Colonial Latin American Review (en inglés) 20 (2): 145–165. ISSN 1060-9164. doi:10.1080/10609164.2011.585769. 
  3. del Rincón, Antonio (1595). Arte mexicana (en castelán). 
  4. Stark, Thomas C. Smith (2000-01-01). Rincón y Carochi: La tradición jesuítica de descripción del náhuatl (en castelán). Brill. pp. 29–72. ISBN 978-90-04-48856-4. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]