Antonio Vidal Vilas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Antonio Vidal Vilas
Nacemento1896
 Vilaboa
Falecemento1954
 Chile
NacionalidadeEspaña
editar datos en Wikidata ]

Antonio Vidal Vilas, coñecido como Antonio de Rogelio, nado en Vilaboa cara a 1896 e finado en Chile en 1954, foi un político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Socialista, foi elixido concelleiro de Vigo nas eleccións do 12 de abril de 1931. Foi segundo tenente alcalde. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu viaxando nun tonel ata Paredes. Estivo agochado case tres anos nun recanto escuro e húmido, debaixo da cociña, separado por un muro da taberna familiar. Coa publicación do Bando do gobernador civil Manuel Gómez Cantos para que os fuxidos que non tivesen as mans manchadas de sangue se presentase para regular a súa situación, presentouse xunto con Manuel García Amoedo. Grazas as súas amizades librouse do cárcere a cambio dun expediente de responsabilidades políticas[1] que non se chegou a resolver e un desterro a Coruña.

En 1940 traballaba na Coruña como xerente da fábrica de dominós e dados ALGALIT. Na Coruña participou na reorganización do PSOE, aproveitando as redes comerciais da fábrica como tapadeira. Foi propietario dunha fábrica de peites e botóns. En agosto de 1945 foi detido pola Brigada Político Social de Madrid, acusado de “actividades clandestinas de tipo socialista”. Foi condenado a seis meses de cárcere. Ao saír da prisión seguiu participando na loita clandestina contra o franquismo. En 1946 entrou en contacto con Alejandro Gama Casalderrey, e colaborou na reorganización do PCE. A comezos de 1947 foi novamente detido con Alejandro Gama e outros 13 compañeiros. Estivo preso do cárcere da Coruña entre febreiro e agosto de 1947. Ao saír da cadea marchou ao exilio. En 1948 embarcou en Lisboa rumbo a Chile, onde vivía a súa filla Maruja e outros membros da familia. Morreu en 1954 con 58 anos.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con María Araujo Pérez, filla do construtor José Araujo Pérez, e foi pai de Maruja (que casou con Faustino García Puga), Antonio e Óscar Vidal Araujo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El Pueblo Gallego,15-11-1939, p. 5.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]