Antonio Noriega Varela

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Infotaula de personaAntonio Noriega Varela

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento19 de outubro de 1869 Editar o valor em Wikidata
Mondoñedo, España Editar o valor em Wikidata
Morte27 de marzo de 1947 Editar o valor em Wikidata (77 anos)
Viveiro, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónxornalista , escritor Editar o valor em Wikidata
Membro de
Xénero artísticoPoesía
LinguaLingua galega Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Outro
TítuloMestre Editar o valor em Wikidata
Sinatura
Editar o valor em Wikidata

Galiciana: 36134 Dialnet: 3653659

Antonio Noriega Varela, nado en Mondoñedo o 19 de outubro de 1869 e finado en Viveiro o 27 de marzo de 1947,[1] foi un mestre, xornalista e poeta galego de ideoloxía tradicional-católica. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 1969.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Seminario de Mondoñedo, onde estudou.

Estudou no seminario de Mondoñedo, onde trabou amizade con Manuel Leiras Pulpeiro. No seminario destacou, máis ca pola súa dedicación aos estudos, pola súa facilidade como versificador en composicións satíricas e humorísticas.[2] En 1895, cunha composición de carácter costumista, resultou vencedor dun certame poético realizado na súa cidade natal, onde estaban de xurado, entre outros, Manuel Murguía, Eduardo Pondal e Andrés Martínez Salazar.

En 1895 rematou a carreira sacerdotal mais non puido ordenarse porque Roma non lle concedeu a licenza necesaria por ser el fillo de solteira.[3]

En 1901 ocupou o posto de mestre de escola en Foz, onde coñeceu a Antón Villar Ponte e entrou en contacto co movemento agrario que abandeiraba Basilio Álvarez. Foi entón cando Noriega comezou a escribir poemas cívicos alentando á loita agraria e formou parte do periódico local ¡Guau... Guau!, no cal estaban Villar Ponte e Camilo Cela, pai de Camilo José Cela. Foi trasladado forzosamente en 1911 a Calvos de Randín, no extremo sur da provincia de Ourense, preto da fronteira portuguesa,

Tres anos despois logrou o seu traslado á escola de Trasalba, preto da cidade de Ourense, onde fixo amizade con Ramón Otero Pedrayo e os demais integrantes do Grupo Nós. Grazas ás lecturas na extensa biblioteca do pazo de Trasalba, propiedade de Otero Pedrayo, Noriega Varela coñeceu en profundidade a literatura portuguesa, que deixaría unha gran pegada na súa obra. Viaxou en varias ocasións a Portugal, entrando en contacto con poetas como Raul Brandão e João Verde. E sobre todo trata con Teixeira de Pascoaes, quen visita no seu pazo de Amarante. En 1921 foi nomeado correspondente do Instituto Histórico do Minho e tamén correspondente da Academia das Ciências de Lisboa.[4]

Aos 57 anos de idade volveu á montaña, a Santa María Madanela da Graña de Vilarente (Abadín) onde residiu seis anos e entrou en contacto con Aquilino Iglesia Alvariño. En 1931 trasladouse como mestre a Santa María de Chavín (cerca de Viveiro). En outubro de 1939 chegoulle a xubilación cando tamén impartía aulas de latín nun colexio privado.

Co tempo, Noriega foise afastando das directrices culturais e políticas do movemento agrario, chegando a apoiar o réxime franquista:

(...) gracias a Dios, eres hombre de Cristo, y llevas mi sangre, que no es sangre de judíos, ni de rojos, ni de perros moscovitas y masones. (...) sigue, te aconsejo, siempre, siempre, en Falanje. (...)
Carta de Antonio Noriega Varela a Antonio Noriega Almansa (24/4/1939).[5]

En 1945 creouse unha Comisión para el homenaje de Galicia a Noriega Varela. O acto tivo lugar no Gran Teatro de Lugo en abril de 1946.

Foi elixido por unanimidade membro da Real Academia Galega en febreiro de 1928 mais non ingresou ata o 22 de abril de 1939. Morreu en 1947 en Viveiro, onde pasou os derradeiros anos da súa vida.

Colaborou en El Baluarte de Galicia, Vida Gallega, O Gaiteiro de Lugo e Vallibria.

Obra[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Do ermo.

Á parte da época de escritor na revista ¡Guau... Guau!, Noriega Varela é autor de Montañesas (1904), que a partir da 3ª edición cambia o seu título polo de Do ermo (1920), e que viu a súa edición definitiva en 1946 (Imprenta La Voz de la Verdad). En 1994 Xosé Ramón Freixeiro Mato publicou en dous volumes Antonio Noriega Varela. Estudo e edición da obra completa, editada pola Deputación de Lugo.[6]

Do ermo na edición da Biblioteca Básica da Cultura Galega.

Fernández del Riego e Carballo Calero[7] consideraron que Noriega Varela é autor dunha única obra, corrixida e aumentada varias veces. Pola contra, Otero Pedrayo e Freixeiro Mato diferencian entre Montañesas e Do ermo, tal e como era a intención do autor[8]. Dolores Vilavedra e Xosé Ramón Pena[9] tamén consideran que Montañesas e Do ermo son dous libros de seu, que responden a unha evolución da súa poesía.

Montañesas representa o realismo costumista do século XIX e Do Ermo unha liña poética máis depurada, lírica e persoal. Destaca a natureza humilde, contemplada con tenrura polo poeta, nunha actitude propia do franciscanismo poético: o eloxio da montaña como verdadeiro locus amoenus onde a alma do poeta busca refuxio, na liña do beatus ille de Horacio. Vese en moitos poemas a relixiosidade dos brañegos, presente tamén noutros poemas intimistas.[10]

Para Carballo Calero os máis de vinte sonetos representan a culminación da lírica de Noriega.[7] Segundo Dolores Vilavedra son o chanzo máis importante da súa produción, xa que se combinan moi ben os motivos de inspiración clásica cos da montaña e a súa xente [11].

Tendo en conta toda a súa obra pódense sinalar estas temáticas:[10]

  • Lirismo persoal: a morte de seres queridos (o fillo e a nai), o desterro que padeceu, deron orixe a sentidos poemas cheos de dor humana, como pon de manifesto o soneto "Fillo do corazón...", composto á morte do seu primoxénito.
  • Poesía de inspiración social: composicións que mostran a dor e o sufrimento dos humildes, nunha actitude de simpatía e solidariedade con eles e a poesía social-combativa, de carácter anticaciquil e agrarista , na liña de Ramón Cabanillas.
  • Composicións humorísticas: a vea satírica de Noriega que o fixo moi coñecido.
  • Sátira político-humorística da época da República: poemas en que o poeta se posiciona en contra da República e das forzas políticas progresistas, defendendo a súa ideoloxía tradicionalista.
  • Poesía política: a favor das forzas sublevadas contra a República.
  • Poesía de circunstancias: varias composicións debidas a compromisos do poeta contraídos en homenaxes públicas ou festas.

Tamén publicou unha recompilación de cantigas populares en honra da Virxe María: A Virxen y-a paisanaxe (1914), con prólogo de Basilio Álvarez, e unha colección de refráns e cantares populares: Como falan os brañegos (1928), libro do que se sentía especialmente orgulloso.

Placa dedicada a Antonio Noriega Varela no parque homónimo en Viveiro.

Antonio Noriega Varela comezou o vieiro dunha poesía, denominada franciscana, neovirxiliana ou humanista paisaxista, que ha de ter posteriores imitadores coma Xosé María Díaz Castro, Xosé Crecente Vega, Aquilino Iglesia Alvariño e, máis adiante, mesmo Uxío Novoneyra.

Pertenceu á xeración de antre dous séculos, xunto con Ramón Cabanillas, entre outros.[12]

Dedicóuselle o Día das Letras Galegas de 1969.[13]

As floriñas dos toxos

Nin rosiñas brancas, nin claveles roxos!
Eu venero as floriñas dos toxos.
Dos toxales as tenues floriñas,
que sorrín, a medo, entre espiñas.
Entre espiñas que o ceo agasalla
con diamantes as noites que orballa.
Oh, do ermo prezado tesouro:
as floriñas dos toxos son d'ouro!
De ouro vello son, mai, as floriñas
dos bravos toxales, das devocións miñas!

Antonio Noriega Varela: Do ermo

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou en Foz con Ramona Bello Mariña en 1902, con quen tivo seis fillos. Ramona faleceu en 1913, e en 1914 casou con Dorinda Almansa Vázquez, con quen tivo outros fillos.[14]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Gravacións de son externas
Ramón Otero Pedrayo dando unha conferencia sobre Noriega Varela

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]