Antonio Gómez Carneiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Antonio Gómez Carneiro
Nacemento30 de decembro de 1899
 Lardeiros, O Pino
Falecemento23 de setembro de 1979
 Mesía
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico
editar datos en Wikidata ]

Antonio Gómez Carneiro, nado en Lardeiros (O Pino) o 30 de decembro de 1899 e finado na Berxa (Mesía) o 23 de setembro de 1979, foi un político galego. Foi nomeado alcalde do Concello de Mesía por dúas veces durante a Segunda República. Co inicio da guerra civil, foi perseguido e converteuse nun dos escapados, chegando a ser parte da importante agrupación coruñesa da Resistencia galega [1][2][3].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Emigrou novo a Buenos Aires (Arxentina), onde coñeceu e casou coa súa muller, Emilia Gómez Gómez, natural da Berxa (Mesía). Vendo que non eran quen de continuar na Arxentina, volveron á Berxa para dedicarse aos muíños de maquía, nas ribeiras do río Samo. Os pagamentos en fariña, por arrendamento do muíño para moer, permitíronlles comezar unha panadería, un serradoiro e unha granxa agrícola. Trouxeron tamén consigo a idea de crear unha biblioteca en Gonzar (O Pino), cousa que conseguiron [1][3][4][5].

No ano 1934 comezou a etapa de Antonio Carneiro na alcaldía do Concello, que rematou coa chegada da Guerra Civil de 1936. Fuxiu e agochouse nunha casa de Gonzar. Mentres estaba desaparecido, a súa muller Emilia era obrigada a declarar todas as semanas na Garda Civil de Curtis e forzada a dicir onde se atopaba o seu marido; mais ela sempre se negaba. Seis anos despois, no 1942, Antonio presentouse voluntariamente na Garda Civil. Arrestárono e levárono á prisión da Coruña, por orde do Tribunal de Responsabilidades Políticas [1][3].

Tras varios anos de cárcere foi liberado. Porén, no 1947 volveu a prisión por acusacións de encubrimento a Foucellas e a súa cuadrilla, xa que a Berxa foi lugar de agachada dos guerrilleiros. Prendérono primeiro no cárcere de El Dueso e máis tarde no de Santander, onde estivo ata o ano 1953 [1][3].

O seu republicanismo levouno a que trala súa liberación participase activamente en foros políticos e culturais, nos que estaban tamén algúns do seus ex-compañeiros de prisión e algúns do Partido Comunista [3].

Antonio Carneiro seguiu traballando no muíño, na talla de madeira e colaborou na concentración parcelaria de Mesía. Fixo que a carón do muíño se instalase unha turbina e central hidroeléctrica. A «Central Berxa» deu corrente eléctrica á bisbarra de Ordes e chegou a ser a máis importante na comarca [1][3].

Antonio Carneiro morreu no ano 1979 tras fortes dores [1].

Etapas de goberno no Concello de Mesía[editar | editar a fonte]

Presentándose polo Partido Radical, de esquerda moderada, chegou á alcaldía do concello no ano 1934, sendo ese momento o da chegada dos partidos de dereita á vitoria no estado. No ano 1936 repetiría polo partido de Unión Republicana, dentro da Fronte Popular.

O primeiro goberno de Antonio Carneiro estaría limitado polo caciquismo da secretaría do Concello, mais na súa segunda etapa abriría camiño a accións de asistencia social, educación e control veterinario do gando [3]. Como alcalde conseguiu que nos plenos municipais se aprobasen entre o 1933 e 1936 a construción da escola das Travesas, con acordos cos Concellos de Carral e de Abegondo, para que alí se escolarizasen os raparigos de Bruma; a escola de Lanzá e a escola da Casa do Concello de Mesía[6].

Como parte da Unión Galaico-Americana, facilitou a creación dunha escola e unha biblioteca en Gonzar.[6]


Predecesor:
?
 Mesía.svg
Alcalde de Mesía
 
1934 - 1935
Sucesor:
?
Predecesor:
?
 Mesía.svg
Alcalde de Mesía
 
1936
Sucesor:
?

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con Encarnación Gómez Gómez e foi pai de Manuel, Elena, María, Nieves, Jesús, Benigna e Antonio Gómez Gómez.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]