Antonio Buján
Antonio Buján | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | 1892 |
Lugar de nacemento | Ribadavia |
Falecemento | século XX |
Lugar de falecemento | valor descoñecido |
Nacionalidade | España |
Alma máter | Universidade de Salamanca |
Ocupación | avogado, xornalista e político |
Pai | Gumersindo Buján Buján |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Antonio Buján Pérez, nado en Ribadavia en 1892,[1] foi un avogado, agrarista e xornalista galego.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Fillo de Gumersindo Buján Buján. Estudou Dereito na Universidade de Salamanca. Integrouse en Acción Gallega e participou nas súas campañas de mobilización contra o caciquismo e os foros entre 1910 e 1914. Presidiu o Centro Republicano de Ribadavia constituído en 1912.[2] Foi presidente da Sociedade de Agricultores de Ribadavia (1913-1916). Dirixiu o Comité Provincial Agrario de Ourense desde 1916. Proclamou a República en Francelos o 23 de agosto de 1917. Coa folga xeral de 1917 fuxiu a Portugal con José López Requejo. A súa amante Angelita Ero Ruvira foi detida en Arbo en agosto de 1917 cando intentaba pasar a Portugal.[3] Buján e López Requejo foron detidos en Ribadavia á súa volta en xaneiro de 1918.[4] Foi xerente de La Raza (1918). Nas eleccións a Cortes de 1918 presentouse como republicano polo partido xudicial de Ribadavia contra o conservador José Estévez Carrera e os liberais Adolfo Merelles Martel e José Millán Astray, non conseguiu ser elixido por escasos votos de diferenza sobre Estévez Carrera. Volveu presentarse nas eleccións de 1920 pero por irregularidades na mesa electoral de Ribadavia tampouco foi elixido. Foi concelleiro de Ribadavia (1919). Difundiu o abolicionismo dos foros desde 1919, apoiado pola esquerda obreira e socialista. Foi detido e encarcerado en Ribadavia con Manuel Suárez Castro en decembro de 1920 por participar nun mitin obreiro no Ribeiro.[5] Organizou e presidiu a Federación Provincial de Sociedades Agrarias en 1921, adheríndoa á UGT. Dirixiu La Zarpa.
Volveu ser concelleiro de Ribadavia en 1930, na última corporación municipal antes da proclamación da República. Foi elixido presidente do Comité Republicano de Ribadavia formado en abril de 1930.[6] O 14 de abril de 1931 encabezou a comisión republicana que destituíu ao alcalde monárquico de Ribadavia, Constantino Gómez Fernández. Durante a Segunda República foi un dos políticos máis importantes do Partido Radical en Ourense polo seu liderado entre as organizacións agrarias da provincia. Foi candidato radical pola provincia de Ourense nas eleccións de 1931. En 1931 dirixiu El Radical. Volveu ser candidato nas eleccións de 1933.[7] Tamén foi presidente do Avia FC (1914) e do Ribadavia FC (1925).
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Las plazas de la Villa ourensana de Ribadavia (Parte I)
- ↑ La Correspondencia Gallega, 23-10-1912, p. 2.
- ↑ El Correo de Galicia, 22-8-1917, p. 2.
- ↑ Diario de Pontevedra, 18-1-1918, p. 3.
- ↑ El Compostelano, 7-12-1920, p. 2.
- ↑ El Pueblo Gallego, 9-4-1930, p. 7.
- ↑ El Pueblo Gallego, 28-10-1933, p. 8.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Soutelo Vázquez, Raúl (1996). "Repensando la agencia social de la mesocracia urbana en la relativa modernización de la Galicia rural : Ourense, 1880-1936" (PDF). Espacio, tiempo y forma. Serie V, Historia contemporánea (en castelán) (9): 85–98. Consultado o 22/8/2013.
- Soutelo Vázquez, Raúl (2001). "Las uvas de la unión. Organización y movilización campesina en la vitivicultura gallega: El Ribeiro ourensano, 1880-1936". Historia agraria: Revista de agricultura e historia rural (en castelán) (25): 121–156. Consultado o 22/8/2013.