Antoloxía grega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A Antoloxía grega (en latín Anthologia Graeca e en grego Ἀνθολογία Ἑλληνική) é o nome dado actualmente ao compendio de epigramas grecolatinos e bizantinos, escritos en grego, e provenientes das dúas coleccións máis importantes destes actualmente conservadas: a Antoloxía Palatina, e a Antoloxía Planúdea.

Composición[editar | editar a fonte]

Desde, como mínimo, o século -VI, popularizouse a poesía epigramática grega, é dicir, a destinada a acompañar calquera obra pétrea (edificios, estatuas, lápidas funerarias, estelas...). A súa dispersión xeográfica fixo que, nun momento dado, alguén se propuxese recompilalas, se non todas, polo menos as de maior arte poética. Naceu así a Antoloxía, nome xenérico que, no século -II, se lle deu á primeira obra literaria compiladora de epigramas en grego da que temos coñecemento: A grilanda (ou coroa) de flores de Meleagro de Gádara.

Posteriormente a esta obra, foron varias as Antoloxías, que se seguiron escribindo até a Idade Media, cando se compuxeron as dúas únicas que hoxe día sobreviven (a Antoloxía Palatina e a Antoloxía Planúdea), receptoras dos epigramas compilados até a súa época. Ambas compartían gran cantidade de material, sendo a Palatina máis extensa que a Planúdea. Dese modo, utilizouse a primeira como base sobre a que engadir unicamente aqueles poemas da segunda que non figuraban, cuxo resultado é a que deu en chamarse actualmente Antoloxía grega.

Para a súa ordenación, dividiuse en dezaseis libros, os quince primeiros serían propiamente a Antoloxía Palatina, respectando mesmo os seus títulos, e o décimo sexto comporíano todos aqueles poemas que aparecían na Antoloxía Planúdea pero non na Palatina (esta forma de ordenación fai que exista unha enorme confusión entre Antoloxía Palatina e Antoloxía grega).

Historia[editar | editar a fonte]

A Coroa de Meleagro[editar | editar a fonte]

Aínda que se atoparon papiros en Exipto que conteñen fragmentos de coleccións de poesía, a antoloxía epigramática grega máis antiga coñecida foi compilada por Meleagro de Gádara no século -II, baixo o título Ἀνθολογία (literalmente, Flores seleccionadas), que se conveu titulala modernamente, A grilanda (ou coroa) de flores. Contiña, ademais dos poemas do propio compilador, poemas de corenta e seis autores máis, entre eles, Alceo de Mitilene, Éveno de Paros, Anacreonte ou Simónides de Ceos. No prefacio da colección, Meleagro compara, con moita delicadeza, a orde dos poemas ás flores dunha grilanda unidas polos seus talos, imaxe que pasou á posteridade coa palabra "Antoloxía" como sinónimo de colección de obras literarias destinadas a futuras xeracións.

As antoloxías posteriores[editar | editar a fonte]

A Ἀνθολογία de Meleagro tivo tanto éxito, que se incrementou con novos poemas desde a antigüidade. Os prefacios das edicións de Filipo de Tesalónica, Dioxeniano e Agatías o Escolástico, así o demostran (cada unha, aínda que eran obras independentes, ademais de conter varios dos poemas seleccionados por Meleagro, incorporaban os propios dos seus compiladores e outros máis dos seus gustos).

A Antoloxía Palatina[editar | editar a fonte]

A partir do material compilado nunha antoloxía que reunía todas as anteriores (ou a partir de cada unha delas), compúxose a edición de Constantino Céfalas no século X: a chamada Antoloxía Palatina. O seu compilador agregou novas coleccións ao compendio: versos homoeróticos recolleitos por Estratón de Sardes no século II, unha colección de epigramas cristiáns atopados en igrexas, unha colección de epigramas satíricos e de banquetes, debidos á pluma de Dioxeniano, a descrición de Cristodoro das estatuas do ximnasio bizantino de Zeuxipo e unha colección de inscricións albergadas no templo de Cícico.

A Antoloxía de Planudes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Antoloxía de Planudes.
Exemplar do museo Británico da edición clásica da Antoloxía grega en 5 tomos de Van Bosch e Van Lennep (comezada en 1795 por Bosch, terminada e publicada en 1822 por Lennep). Con abundantes ilustracións, consta da tradución en versos latinos levada a cabo por Grotius da edición de Maximus Planudes da Antoloxía. Recolle a edición grega defectuosa de Wechel (1600), que é en si mesma unha continuación da edición planúdea de 1566, escrita por Henri Estienne.

O erudito Maximus Planudes realizou a principios do século XIV unha edición da Antoloxía grega, á que, ademais engadiu algunhas obras, eliminou ou modificou varios poemas que non lle parecían auténticos. Esta versión foi a única coñecida no Occidente cristián,[1] Ata que en 1606 Claude Saumaise descubriu en Heidelberg unha colección máis completa baseada na anterior edición de Céfalas, o manuscrito Codex Palatinus 23. A copia que fixo Saumaise, non tería sido publicada antes de 1776, posto que Richard François Philippe Brunck a anexou aos seus Analecta. A primeira edición crítica débese a F. Jacobs (13 vol. 1794-1803; revisada en 1813-17). Foi difundida en toda Europa. Un crítico do Times Literary Supplement, ao comentar en 1971 a tradución parcial de Robin Skelton da Antoloxía, deixou escrito:

O tempo estivo detido, ata que me foi posíbel descubrir nela unha obra mestra que aínda non lera.

Pódese detectar a influencia desta colección sobre autores tan diferentes como Propercio, Ezra Pound e Edgar Lee Masters. A súa influencia acrecentouse coa publicación da súa tradución sen censuras no século XX.

Estilo[editar | editar a fonte]

Os poemas desta antoloxía proveñen de diversas épocas. Pódese distinguir catro períodos:

  1. O período grego propiamente dito, do cal Simónides de Ceos (-556 - -469) é un destacado representante, cun bo número de inscricións funerarias para os soldados caídos durante as Guerras médicas. Case todas as obras desta época son inscricións reais ou versos dedicados a persoas reais, vivas ou mortas.
  2. O epigrama desenvolveuse moito no período alexandrino. Nesta época, o seu sentido ampliouse para incluír anécdotas, sátiras e poemas amorosos. Calímaco de Cirene é unha figura representativa deste período.
  3. No imperio romano, nunha época tardía, desenvolveuse outro xénero: a sátira. Lucilio, que escribiu durante o reinado de Nerón, e Luciano de Samosata, que mostran gran talento para os epigramas mordaces e cáusticos. Palladas, un gramático de Alexandría do século IV é o último representante do epigrama clásico. Nos seus versos, preséntase cunha oposición desesperada fronte ao cristianismo.
  4. O cuarto período consiste en epigramas escritos durante o reinado do emperador Xustiniano. O estilo é preciso, como o manifesta a pluma de Agatías.

Lista alfabética de autores[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A versión autógrafa, datada en 1301, sobreviviu; a primeira edición impresa baseada no texto de Planudes data de 1494.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Edicións antigas dixitalizadas:

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]