Antoaneta Stefanova
Antoaneta Stefanova (en búlgaro: Антоанета Стефанова), nada en Sofía (Bulgaria) o 19 de abril de 1979, é unha xogadora de xadrez búlgara.
Posúe o grao de Gran Mestra Feminina de xadrez e foi campioa mundial feminina. Foi a duodécima muller en conseguir a coroa mundial, nun torneo por eliminatorias disputado en 2004 por 64 xogadoras en Elistá (Kalmukia, Rusia) e recoñecido pola FIDE.
En xaneiro de 2003 logrou unha puntuación ELO de 2.560, só superada por catro mulleres na historia (Judit Polgár, Zsuzsa Polgár, Xie Jun e Konery Humpy) e igualada por Maia Chiburdanidze e Alisa Galliamova. En novembro de 2022 a súa puntuación é de 2442.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Stefanova empezou a xogar ao xadrez con 4 anos e recibiu as primeiras leccións do seu pai, Andon Stefanov. Coa súa irmá máis vella, Liana, foi perfeccionando a técnica e con sete anos logrou o título de campioa de Sofía.
En 1992, con 13 anos, participou na súa primeira olimpíada co equipo de Bulgaria en Manila (Filipinas). Gañou dúas partidas, perdeu outras dúas e en dúas obtivo táboas. En 1997 Stefanova situouse entre as 10 mellores mulleres do mundo por primeira vez. Logrou o título de Gran Mestra en 2002.[1]
Xogou co equipo de Bulgaria en cinco ocasións. En 2000 participou na olimpíada de Istambul (Turquía) co equipo masculino de Bulgaria. En 2002 logrou en Varna (Bulgaria) o Campionato de Europa feminino. Na edición de 2007, en Dresden (Alemaña) finalizou en segundo lugar tras Tatiana Kosintseva. En 2012 venceu no Mundial Feminino de Xadrez Rápido, con 8,5 puntos en 11 roldas.[2]
Dende 2015 é FIDE Senior Trainer.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "The chess games of Antoaneta Stefanova". Chessgames.com. Consultado o 7 de novembro de 2022.
- ↑ Danilenkov, Roman; Karlovich, Anastasiya (4 de xuño de 2012). "Antoaneta Stefanova es Campeona del Mundo de Ajedrez Rápido". ChessBase (en castelán). Consultado o 7 de novembro de 2022.