António Manuel Couto Viana
António Manuel Couto Viana, nado en Viana do Castelo o 24 de xaneiro de 1923 e finado en Lisboa o 8 de xuño de 2010, foi un director, tradutor, poeta, dramaturgo e ensaísta portugués.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]António Manuel Couto Viana naceu en Viana do Castelo[1] o 24 de xaneiro de 1923. Era irmán de María Manuela Couto Viana e súa nai era asturiana.[2]
Debutou a través de David Mourão-Ferreira como actor e deseñador de vestiario en 1946 no Teatro Estúdio do Salitre, en Lisboa. [1] Tamén foi empresario e director de Teatro do Gerifalto, compañía na que debutaron nomes como Rui Mendes ou Morais e Castro. Sempre estivo involucrado en compañías de teatro infantil. De moi novo herdara do seu avó o teatro Sá de Miranda de Viana do Castelo.
Couto Viana pertenceu á Dirección do Teatro da Mocidade, Teatro de Ensaio (Teatro Monumental),[1] foi director e empresario da Compañía Nacional de Teatro (Teatro da Trindade) e asesor artístico do Obradoiro de Teatro da Universidade de Coimbra. [1] Tamén dirixiu e e fixo a escenografía das compañías de ópera, como mestre de escena, do Teatro Nacional de São Carlos, do Círculo Portuense de Ópera e da Companhia Portuguesa de Ópera.
En 1948 publicou o seu primeiro poemario , O Avestruz Lírico. [1] Entre 1949 e 1951 dirixiu a revista infanto-xuvenil Camarada.
Entre 1950 e 1960 dirixiu a publicación de varias revistas literarias e culturais, como os cadernos de poesía Graal e Távola Redonda e formou parte do consello de redacción da revista Tempo Presente (1959-1961).[1]
Foi profesor no Liceu D. Leonor, en Lisboa, así como cando viviu dous anos en Macao, entre 1986 e 1988, foi profesor no Instituto Cultural de Macao.
Viviu os seus últimos anos na Casa do Artista[1] e continuou escribindo e publicando. Alí foi convidado pola Orde dos Frades Menores para colaborar na dramaturxia sacra.
Publicou máis de cen libros e a súa poesía foi traducida ao francés, inglés, español e chinés e realizou programas de poesía para RTP.
Foi membro da Academia das Ciencias de Lisboa.
Como asesor do Consello de Lectura da Fundación Gulbenkian, cando morreu Couto Viana escribía a historia da Compañía Nacional de Teatro.
António Manuel Couto Viana morreu o 8 de xuño de 2010 en Lisboa.[1]
Homenaxes
[editar | editar a fonte]O 9 de xuño de 1995, foi nomeado Gran Oficial da Orde do Príncipe Henrique.[3]
Moi ligado a Ponte de Lima, foi agraciado coa Medalha de Mérito Municipal Cultural atribuída pola Câmara Municipal de Ponte de Lima en 2009.[4]
António Viana recibiu varios premios literarios como o Premio de Poesía Luso-Galaica Valle-Inclán, o Premio Antero de Quental, o Premio Nacional de Poesía, o Premio Fundación Oriente e o Premio da Academia das Ciencias de Lisboa.
Foi condecorado coa Banda da Cruz de Mérito, Gran Cruz da Falanxe Galega e a Medalla ao Mérito Cultural do Concello de Viana do Castelo.
Obras
[editar | editar a fonte]|
Entre outras obras publicou:
|
|
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Agência Lusa (2010-06-08). "Literatura: Morreu António Manuel Couto Viana, o "Avestruz Lírico"". Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2017. Consultado o 2017-03-13.
- ↑ "António Manuel Couto Viana". Porto Editora. Consultado o 2025-04-27.
- ↑ "Cidadãos Nacionais Agraciados com Ordens Portuguesas". Resultado da busca de "António Manuel Couto Viana". Consultado o 2017-03-13.
- ↑ "António Manuel Couto Viana". António Manuel Couto Viana (en portugués). Consultado o 2025-04-27.