Antonio Baltar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Antón Baltar Domínguez»)
Infotaula de personaAntonio Baltar
Biografía
Nacemento13 de setembro de 1906 Editar o valor em Wikidata
Santiago de Compostela, España Editar o valor em Wikidata
Morte22 de setembro de 1970 Editar o valor em Wikidata (64 anos)
Buenos Aires, Arxentina Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmédico Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeMireia Dieste
PaiÁngel Baltar Cortés Editar o valor em Wikidata
IrmánsRamón Baltar Domínguez Editar o valor em Wikidata

Antonio Baltar Domínguez, nado en Santiago de Compostela o 13 de setembro de 1906 e finado en Buenos Aires o 22 de setembro de 1970, foi un médico galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo do padronés Ángel Baltar Cortés que foi director do Hospital de Santiago e pioneiro en técnicas cirúrxicas, e sobriño de Ramón Baltar, pai tamén de dous cirurxiáns, foi director do Sanatorio Baltar e do Gran Hospital de Santiago, Antonio Baltar estudou Medicina en Compostela, en París atraído pola escola de Histopatoloxía e na Universidade Complutense de Madrid, onde se licenciou. En 1933, especializado en Histoloxía patolóxica, ingresou no corpo de Médicos Inspectores Municipais de Santiago e pouco despois, bolseiro da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, viaxou a Berlín para estudar. Entre 1934 e 1936 desempeñou o cargo de profesor auxiliar de Histoloxía e Anatomía Patolóxica da Universidade de Santiago de Compostela, ao mesmo tempo que concentraba as súas inquedanzas na creación da "Agrupación al Servicio de la República" de Compostela e na elaboración dos seus escritos publicados da Revista PAN (Poetas Andantes e Navegantes) co pseudónimo de Antón Martín.

Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, foi suspendido de emprego e soldo na Facultade de Medicina e exiliouse en América, onde a súa muller, Mireia Dieste, filla de Eduardo Dieste, tiña casa familiar. Logo de dous meses en Montevideo, trasladáronse a Arxentina onde participou nas actividades dos intelectuais galeguistas exiliados. En 1937 revalidou o título de doutor en Medicina na Universidade da Plata e fundou un sanatorio en Avellaneda co tamén santiagués Gumersindo Sánchez Guisande. Abríronlle expediente de responsabilidades políticas en 1941.[1]

Entre 1939 a 1947, Baltar organizou o Laboratorio de Anatomía Patolóxica do Centro Galego de Bos Aires, fundou o Hogar Gallego para Ancianos en Domseelar, e publicou varios artigos sobre Ciencia e Cultura. Trasladouse á Patagonia para exercer como médico dos mineiros de Chos Malal, lugar illado do Neuquen, ao pé dos Andes.

Reunión dos participantes no 1º Congreso da Emigración Galega. Sentados de esquerda a dereita: Alberto Vilanova, Xerardo Álvarez Gallego, Vicente Gómez Paratcha, Alfonso Díaz Trigo, Xavier Bóveda, Rafael Dieste e Laxeiro. De pé: Francisco Comesaña Rendo, Ramón de Valenzuela, Lois Tobío Fernández, Eduardo Blanco Amor, Xosé Velo, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Luís Seoane, Marcial Fernández Vázquez, Xosé Núñez Búa, Emilio González López, María del Carmen Soler, Mariví Villaverde e Antonio Baltar. Buenos Aires. 1956.

Entre 1952 e 1953 exerceu de secretario na Dirección Xeral de sanidade do Sur (Baía Branca). Ao ano seguinte foi nomeado catedrático de Anatomía Patolóxica na Universidade de Cuyo (Mendoza), onde dirixiu o Laboratorio Anatomopatolóxico. En 1954 abandonou a cátedra para exercer como director xeral de Sanidade de Cuyo na rama de medicina sanitaria e a loita anticancerosa. Logo traballou como patólogo en Bos Aires e especializouse en Medicina Social na Organización Mundial da Saúde. Entre 1961 e 1964 coordinou un Plan Integral de Saúde de San Juan e estudou a organización da medicina social dos Andes Centrais e das serras pampánicas. Nos anos posteriores traballou na Coordinación Sanitaria Rexional en Córdoba.

Relacionouse cos intelectuais galegos exiliados na Arxentina, sobre todo co seu tío Rafael Dieste e en 1956 presidiu a Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas (AGUEA). Despois da celebración do Primeiro Congreso da Emigración Galega de 1956, organizado polo Consello de Galiza, no que presentou un relatorio titulado A Emigración Galega e a Cultura, viaxou a Galicia co encargo da AGUEA de poñer en marcha un proxecto que, continuador do Seminario de Estudos Galegos, se dedicase á investigación socio económica. As xestións de Baltar non foron ben acollidas polos intelectuais do interior e a policía aconselloulle que abandonase Galicia. Tamén colaborou estreitamente con Díaz Pardo e Luís Seoane no proxecto do Laboratorio de Formas de Galicia que incluía a restauración de Sargadelos e a creación dun Museo Galego de Arte Contemporánea. Baltar tratou de que o Museo promovido polo Laboratorio de Formas no Castro de Samoedo incorporase a maior parte da obra de Carlos Maside.

Antonio Baltar morreu dun paro cardíaco en setembro de 1970 no Hospital Ribadavia de Buenos Aires.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]