Andoa escura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A andoa escura[1] Boletus badius, ou Xerocomus badius é un fungo basidiomiceto (tipo boleto) da familia Boletaceae, que medra en bosques de coníferas, e menos frecuentemente en bosques de follosas, das rexións temperadas de Europa e América do Norte, preferentemente en solos acedos. O corpo frutífero abrolla dende finais do verán até finais do outono. É comestíbel, aínda que menos apreciado ca outras especies do xénero, pola súa carne menos firme e compacta. O epíteto específico "badius" significa "marrón bonito".

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

O cogomelo do Boletus badius ten un chapeu de entre 6 e 10 centímetros de diámetro, puidiendo chegar a acadar os 15 centímetros, carnoso, regular e hemisférico ou convexo ao principio e case achatado en exemplares máis maduros. A súa cutícula é algo viscosa en lugares con alta humidade relativa, glabro e de cor parda acastañada, ás veces case negra. Os tubos son regulares, amarelentos ou averdados e collen unha cor azulada ao tocalos. O pé do corpo frutífero mide de 5 a 12 cm de longo e de 1 a 5 cm de largo, é robusto fibroso e máis claro ca o chapeu, aínda que toma unha cor un chisco máis escura na base. A carne é branca ou amarelenta, de cor parda xusto por baixo da cutícula e toma unha cor lixeiramente azul ao cortala. O seu sabor é doce e ten un recendo moi feble. A esporada é marrón oliva.

Posibilidades de confusión[editar | editar a fonte]

É posíbel confundilo coa andoa moura (Boletus aereus), cuxa carne é inmutábel, ou co Gyroporus castaneus, tamén comestíbel, cuxo pé é cavernoso (característico dos fungos do xénero Gyroporus, ten poros brancos e non toma cor azulada a o cortar.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome vulgar galego en Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (A-C) A Coruña, Deputación da Coruña, 2000

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]