Anastomose

Unha anastomose[1] é unha conexión ou abertura entre dúas cousas (especialmente cavidades ou vías) que son normalmente diverxentes ou ramificadas, como entre vasos sanguíneos, veas de follas ou ríos. Tales conexións poden ser normais (como o forame oval no corazón dun feto) ou anormais (como o forame oval persistente no corazón adulto); ou poden ser adquiridas (como nunha fístula arteriovenosa) ou innatas (como a derivación arteriovenosa dunha metaarteríola); e poden ser naturais (como os exemplos antes mencionados) ou artificiais (como nunha anastomose cirúrxica). O restablecemento dunha anastomose que fora antes bloqueada chámase reanastomose. As anastomoses que son anormais, sexan conxénitas ou adquiridas, adoitan chamarse fístulas.
O termo utilízase en medicina,[2] bioloxía, zooloxía, micoloxía, botánica, cibernética, xeoloxía e xeografía.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Anastomose: do latín moderno ou médico anastomosis, do grego Greek ἀναστόμωσις, anastomosis, 'saída, abertura', do grego ana-, 'arriba, encima', e stoma, 'boca'.[3] A sílaba -stom- está relacionada con estoma en botánica ou estoma en medicina.
Anatomía médica
[editar | editar a fonte]
Unha anastomose é a conexión de dúas estruturas normalmente diverxentes.[4] Fai referencia a conexións entre vasos sanguíneos ou estruturas tubulares, como as asas do intestino.
Circulatoria
[editar | editar a fonte]Nas anastomoses circulatorias moitas arterias anastomósanse naturalmente; por exemplo, a arteria epigástrica inferior e a arteria epigástrica superior, ou as arterias comunicantes anterior e posterior no círculo de Willis do cerebro. As anastomoses arteriais poden ser reais ou potenciais; exemplos destas últimas son as das arterias coronarias e a rama cortical das arterias cerebrais). Tamén existen anastomoses venosas. As anastomoses tamén forman rutas alternativas arredor das redes de capilares en áreas que non necesitan unha gran subministración de sangue, axudando así a regular o fluxo sanguíneo sistémico.[Cómpre referencia]
Ciúrxica
[editar | editar a fonte]As anastomoses cirúrxicas ocorren cando segmentos do intestino, vasos sanguíneos ou calquera outra estrutura son conectados cirúrxicamente (anastomosados). Exemplos son as anastomoses arteriais en cirurxías de bypass, as anastomoses intestinais despois da resección dunha parte do intestino, a anastomose en Y de Roux e a ureteroureterostomía. As técnicas de anastomoses cirúrxicas inclúen a anastomose grampada lineal,[5] as anastomoses cosidas a man,[5] ou as anastomoses extremo con extremo.[6] As anastomoses poden realizarse a man ou asistidas cun aparato de anastomoses.[7] Realizáronse estudos comparando varias estratexias de facer anastomoses que teñen en conta o "tempo e custo, hemorraxias anastomóticas postoperativas, filtracións e estrutura" cirúrxicos.[8]
Filtracións nas anastomoses de cirurxía de cancro colorrectal
O fracaso dunha anastomose intestinal (unir o intestino que foi seccionado) na que se producen filtracións do contido intestinal na cavidade abdominal é unha das complicacións máis graves despois dunha cirurxía intestinal. A gravidade do filtrado anastomótico varía desde leve e cun efecto mínimo no paciente a grave e potencialmente mortal, con efectos negativos a curto e longo prazo. A incidencia non cambiou nas últimas décadas, malia as melloras nas técnicas cirúrxicas, prehabilitación e coidados perioperativos. A filtración anastomótica despois dunha operación de cancro rectal é maior e ocorre no 9-11 % dos casos; despois da resección do colon a incidencia de filtracións é menor, e só chega a un 6 %.[9][10] Os factores sistémicos que contribúen ao fracaso das anastomoses son sepses, anemia, diabetes mellitus, irradiación previa, malnutrición, uso de esteroides, fumar, forte consumo de alcohol, obesidade e certas doenzas como a enfermidade de Chron.[11][12]
Signos dunha filtración anastomótica son a febre, a dor abdominal ou peritonite, a leucocitose e taquicardias ou arritmias de nova aparición. A filtración anastomótica adoita diagnosticarse de 5 a 8 días despois da operación cirúrxica.[12] Un escaneamento de tomografía computadorizada con pneumoperitoneo e presenza significativa de fluído libre ou cambios inflamatorios arredor das anastomoses suxiren un fallo da anastomose. Dependendo da magnitude do defecto e da filtración están indicados diferentes tratamentos. Unha filtración anastomótica localizada sen sepse sistémica ou peritonite pode tratarse con antibióticos e se é posible drenaxe do absceso. As filtracións anatomóticas asociadas con peritonite ou sepse sistémica requiren unha operación con revisión da anastomose se é factible, ou desviación fecal proximal ou no sitio da anastomose cun estoma.[11]
Patolóxica
[editar | editar a fonte]As anastomoses patolóxicas orixínanse por traumas ou doenzas e poden afectar veas, arterias ou intestinos. Estas adoitan denominarse fístulas. No caso das veas e arterias, as fístulas traumáticas adoitan producirse entre arterias e veas. As fístulas intestinais traumáticas ocorren normalmente entre dúas asas do intestino (fístula entero-entérica) ou entre intestino e pel (fístula enterocutánea). Ao contrario, a anastomose portacaval é unha anatomose entre unha vea da circulación portal e unha vea da circulación sistémica, que permite que o sangue evite pasar polo fígado en pacientes con hipertensión portal, resultando a miúdo en hemorroides, varices esofáxicas ou cabeza de Medusa (caput medusae).[Cómpre referencia]
Bioloxía
[editar | editar a fonte]Evolución
[editar | editar a fonte]En evolución, as anastomoses son unha recombinación da liñaxe evolutiva. Nas representacións convencionais das liñaxes evolutivas estas preséntanse como ramificacións de especies que dan novas formas. Se se producen anastomoses nas liñaxes, as especies poderían recombinarse despois da súa inicial ramificación, como no caso de investigacións recentes que mostraron que poboacións ancestrais ao longo das liñaxes que darían lugar a humanos e chimpancés puideron cruzarse despois do evento inicial de ramificación.[13] O concepto de anastomoses tamén se aplica á teoría da simbioxénese, na cal emerxen novas especies da formación de novas relacións simbióticas.[Cómpre referencia]
Micoloxía
[editar | editar a fonte]
En micoloxía, as anastomoses son fusións entre ramas dunha mesma ou de diferentes hifas.[14] Por tanto, as hifas fúnxicas bifurcantes poden formar verdadeiras redes reticulantes. Ao compartir materiais en forma de ións disoltas, hormonas e nucleótidos, o fungo mantén comunicación bidireccional entre as súas partes. A rede fúnxica pode empezar por varias orixes; varias esporas (é dicir, por medio de tubos de anastomose conidial), varios puntos de penetración, cada un espallando unha circunferencia de absorción e asimilación. Unha vez que encontran outro extremo que se está expandindo e explorando, os extremos fan presión un contra o outro ao recoñeceren feromonas ou por un sistema de recoñecemento descoñecido, fusionándose para formar unha colonia clonal singular xenética que pode cubrir extensións de varias hectáreas, chamadas xenets (genets) ou só unha área microscópica.[15]
Para os fungos a anastomose é tamén un compoñente da reprodución. Nalgúns fungos, dous tipos de apareamento haploides diferentes –se son compatibles– poden fusionarse. Somaticamente, forman un fronte de onda micelial morfoloxicamente similar que continúa crecendo e explorando. A diferenza significativa é que cada unidade septada é binucleada, contendo dous núcleos non fusionados, é dicir, un de cada fungo parental que finalmente sofre cariogamia e meiose para completar o ciclo sexual.[Cómpre referencia]
Ademais, o termo "anastomosante" úsase para as láminas formadoras de esporas de fungos que se interconectan e separan para formar unha rede.[16]
Botánica
[editar | editar a fonte]O crecemento dunha figueira estranguladora arredor da árbore hóspede, con gabiáns que se fusionan para formar unha rede, chámase anastomose.[17] Os vasos dos tecidos condutores das plantas tamén se poden anastomosar.
Cibernética
[editar | editar a fonte]Retículo anastomótico
[editar | editar a fonte]En cibernética de xestión, Stafford Beer usou o termo "retículo anastomótico" para referirse a un determinado tipo de rede de conexións enguedelladas entre entradas (inputs) e saídas (outputs), de tal maneira que é difícil trazar o fluxo de mensaxes a través da rede.[18]:30–33 Debido á súa complexidade, as operacións internas de dita estrutura son difíciles de analizar e describir, e a rede completa debería mellor ser considerada como unha caixa negra (sábese o que entra e sae pero non o que ocorre no seu interior). Segundo Beer, os sistemas viables revelan moitas desas redes, e por tanto, compréndense mellor nestes termos.[18]:66–67
Xeociencias
[editar | editar a fonte]Xeoloxía
[editar | editar a fonte]En xeoloxía, os filóns de cuarzo (ou outros) minerais poden presentar anastomoses.[19]
Unha zona de cizalla dúctil é frecuente que mostre xeometrías anastomóticas de rochas moi tensadas arredor de porcións de material menos deformado.[20]
As coadas de lava ás veces flúen en canles de lava[21] ou tubos de lava anastomosados.[22]
En sistemas de cavernas, a anastomose é a división dos corredores das cavernas que despois se volven conectar.[23]
Xeografía e hidroloxía
[editar | editar a fonte]Os ríos anastomosados constan de moitas canles que se dividen e volven xuntarse e están separadas por bancos semipermanentes formados por material cohesivo, de tal maneira que é improbable que migren da posición dunha canle a outra. Poden confundirse cos ríos trenzados se nos baseamos só na súa feitura ou plan xeral, pero, sendo precisos, os ríos trenzados son moito menos profundos e máis dinámicos que os anastomosados. Algunhas definicións esixen que os ríos anastomosados estean feitos de canles interconectadas que encerran cuncas de inundación,[24] de novo en contraste cos ríos trenzados. Os ríos trenzados mostran canles anatomosadas arredor de barras de aluvións.[25]
Son exemplos de ríos con tramos anastomosados o río Magdalena de Colombia,[26] o tramo superior do río Columbia na Columbia Británica, Canadá,[27] as Drumheller Channels dos Channeled Scablands do estado de Washington, Estados Unidos, e o tramo superior do río Narew en Polonia.[28]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para anastomose.
- ↑ "Online ICD9/ICD9CM codes". icd9cm.chrisendres.com. Consultado o 2022-01-24.
- ↑ Online Etymology Dictionary Douglas Harper
- ↑ Gylys, Barbara A.; Mary Ellen Wedding (2005). "Medical Terminology Systems". F.A. Davis Company. Falta a
|url=(Axuda) - 1 2 "Laparoscopic Anastomotic Techniques - A SAGES Wiki Article". SAGES (en inglés). Consultado o 2018-06-28.
- ↑ Akelina, Yelena (2014-03-31). "Microsurgical Technique for 1mm Vessel End to End Anastomosis". Journal of Medical Insight (en inglés) 2014 (3). ISSN 2373-6003. doi:10.24296/jomi/2.
- ↑ Kikuchi, Keita; Tambara, Keiichi; Yamamoto, Taira; Yamasaki, Motoshige; Hirose, Hitoshi; Amano, Atsushi (2010). "The Use of Enclose®II Anastomosis Assist Device for the Proximal Coronary Branch Anastomosis to Vascular Graft". Annals of Vascular Diseases 3 (1): 84–86. ISSN 1881-641X. PMC 3595814. PMID 23555395. doi:10.3400/avd.hdi08023.
- ↑ Yao, Libin; Li, Chao; Zhu, Xiaocheng; Shao, Yong; Meng, Song; Shi, Linsen; Wang, Hui (2016-11-26). "An Effective New Intestinal Anastomosis Method". Medical Science Monitor 22: 4570–4576. ISSN 1234-1010. PMC 5138069. PMID 27888280. doi:10.12659/MSM.902000.
- ↑ Snijders HS, Wouters MWJM, Van Leersum NJ, Kolfschoten NE, Henneman D, De Vries AC, et al. Meta-analysis of the risk for anastomotic leakage, the postoperative mortality caused by leakage in relation to the overall postoperative mortality. Eur J Surg Oncol EJSO. 2012 Nov;38(11):1013–9
- ↑ Meyer J, Naiken S, Christou N, Liot E, Toso C, Buchs NC, et al. Reducing anastomotic leak in colorectal surgery: The old dogmas and the new challenges. World J Gastroenterol. 2019 Sep 14;25(34):5017–25
- 1 2 Chen C. The Art of Bowel Anastomosis. Scand J Surg. 2012 Dec;101(4):238–40
- 1 2 Chiarello MM, Fransvea P, Cariati M, Adams NJ, Bianchi V, Brisinda G. Anastomotic leakage in colorectal cancer surgery. Surg Oncol. 2022 Mar;40:101708
- ↑ Patterson, Nick; et al. (maio de 2006). "Genetic evidence for complex speciation of humans and chimpanzees". Nature 441 (7097): 1103–1108. Bibcode:2006Natur.441.1103P. PMID 16710306. doi:10.1038/nature04789.
- ↑ Kendrick, Bryce (2001). The Fifth Kingdom. Mycologue Publications.
- ↑ Glass L.; Rasmussen C.; Roca M.G.; Read N. (2004). "Hyphal homing, fusion and mycelial interconnectedness". Trends in Microbiology 12 (3): 135–141. Bibcode:2004TrMic..12..135G. PMID 15001190. doi:10.1016/j.tim.2004.01.007.
- ↑ Marcel Bon (1987). The Mushrooms and Toadstools of Britain and North-Western Europe. Hodder & Stoughton. p. 14. ISBN 978-0-340-39935-4.
- ↑ Kricher, John C. (2017). The New Neotropical Companion (Revised ed.). Princeton, New Jersey: Princeton University Press. p. 52. ISBN 978-1400885589. OCLC 964359395.
- 1 2 Beer, Stafford (1981). Brain of the Firm (en inglés) (2ª ed.). John Wiley & Sons Ltd. ISBN 0-471-27687-1.
- ↑ C.E. Dorado J.C. Molano (2018). "Microthermometry and Raman spectroscopy of fluid inclusions from El Vapor gold mineralizations, Colombia". Earth Sciences Research Journal 22 (3): 151–158. Bibcode:2018ESRJ...22..151D. doi:10.15446/esrj.v22n3.63442.
- ↑ Burg, J.-P.; Arbaret, L.; Chaudhry, N. M.; Dawood, H.; Hussain, S.; Zeilinger, G. (xaneiro de 2005). "Shear strain localization from the upper mantle to the middle crust of the Kohistan Arc (Pakistan)". Geological Society, London, Special Publications (en inglés) 245 (1): 25–38. Bibcode:2005GSLSP.245...25B. ISSN 0305-8719. doi:10.1144/GSL.SP.2005.245.01.02.
- ↑ Dietterich, H.R.; Cashman, K.V. The creation and influence of bifurcations and confluences in Hawaiian lava flows on conditions of flow emplacement. American Geophysical Union, Fall Meeting 2011. Bibcode:2011AGUFM.V41A2484D. V41A-2484. Consultado o 17 de outubro de 2023.
- ↑ Peterson, D.W.; Holcomb, R.T.; Tilling, R.I.; Christiansen, R.L. (1994). "Development of lava tubes in the light of observations at Mauna Ulu, Kilauea Volcano, Hawaii". Bulletin of Volcanology 56 (5): 343–360. Bibcode:1994BVol...56..343P. doi:10.1007/BF00326461.
- ↑ "Glossary of Karst and Cave Terms: anastomosis". www.speleogenesis.info. Arquivado dende o orixinal o 5 de outubro de 2022. Consultado o 8 de xullo de 2022.
- ↑ Makaske, Bart (2001). "Anastomosing rivers: a review of their classification, origin and sedimentary products" (PDF). Earth-Science Reviews 53 (3–4): 149–196. Bibcode:2001ESRv...53..149M. doi:10.1016/s0012-8252(00)00038-6. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2016-10-11. Consultado o 2016-08-21.
- ↑ Whitcomb, Lawrence (1947). "Anastomosing Vs. Braided Streams". Proceedings of the Pennsylvania Academy of Science 21: 64–68. ISSN 0096-9222. JSTOR 44112178.
- ↑ Smith, D (1986). "Anastomosing river deposits, sedimentation rates and basin subsidence, Magdalena River, northwestern Colombia, South America". Sedimentary Geology 46 (3–4): 177–196. Bibcode:1986SedG...46..177S. doi:10.1016/0037-0738(86)90058-8.
- ↑ Abbado, D., Slingerland, R.L., and Smith, N.D., 2005, The origin of anastomosis in the upper Columbia River, British Columbia, Canada: In Blum, M.D., Marriott, S., and Leclair. S. (eds.), Fluvial Sedimentology VII, Internat. Assoc. Sedim. Special Publ. 35.
- ↑ Gradzinski, R (2003). "Vegetation-controlled modern anastomosing system of the upper Narew River (NE Poland) and its sediments". Sedimentary Geology 157 (3–4): 253–276. Bibcode:2003SedG..157..253G. doi:10.1016/S0037-0738(02)00236-1.