Ana Caro de Mallén

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ana Caro de Mallén
Nome completovalor descoñecido
Nacementopost. 1590
 Andalucía
Falecemento6 de novembro de 1646
 Sevilla
NacionalidadeEspaña
Etniamourisco
Ocupacióndramaturga, escritora e poeta
Irmánssen etiquetar
Coñecida porEl conde Partinuplés e Valor, agravio y mujer
editar datos en Wikidata ]

Ana Caro de Mallén, nada en Sevilla ou Granada en 1590 e finada en Sevilla o 6 de novembro 1646, foi unha poeta e dramaturga española do século XVII.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O seu nome completo era Ana María Caro de Mallén y Torres. Seus pais foron Gabriel Caro de Mallén e Ana María de Torres, aínda que non eran seus pais biolóxicos, senón adoptivos. Sábese que foi escrava porque xunto ao seu nome hai unha indicación: "Ana María, scrava de Gabriel Mallén". Dese feito dedúcese que os seus proxenitores deberon de ser mouriscos xa que o afillamento estaba apoiado pola Coroa, ante o problema social que xeraba este grupo. Con todo, non se sabe se era orfa dalgún rebelde mourisco ou filla dunha escrava desta orixe. Tamén figura na súa partida de bautismo, do 6 de outubro de 1601, a apostila "Era adulta". Pero naqueles tempos a maioiría de idade penal estaba ao redor dos 10 anos.[1]

Non está claro se naceu en Sevilla ou en Granada, xa que ao parecer foi irmá de Juan Caro Mallén de Soto, nado en Granada, que foi caballerizo maior de Elvira Ponce de León. Hai moi poucos datos sobre esta escritora, pero segundo as últimas investigacións cobra máis peso que naceu en Granada. Tense constancia da súa actividade poética dende 1628, cando participou cunha Relación nas festas ofrecidas por Sevilla aos mártires do Xapón. Xa en Madrid, en 1637, escribiu o poema laudatorio Contexto de las reales fiestas madrileñas del Buen Retiro.

Foi moi amiga da famosa novelista María de Zayas, coa que conviviu durante un tempo en Madrid. Tamén mantivo unha boa amizade coa condesa de Paredes, mecenas de mulleres literatas, como Sor Juana Inés da Cruz, e foi recoñecida polos colegas masculinos, como Juan de Matos Fragoso ou Luis Vélez de Guevara, quen a menciona no seu El diablo cojuelo co apelativo de "décima musa sevillana". Contou co favor e a protección do Conde Duque de Olivares e do cabido sevillano. Por documentos que se conservan, sábese que cobrou por algunhas das súas relacións poéticas e obras de teatro, polo que está considera unha das primeiras escritoras profesionais.[2] Rodrigo Caro escribiu en Varones insignes en letras naturales de la ilustrísima ciudad de Sevilla que esta escritora gañou numerosos certames poéticos ou xustas literarias e, dende logo, foi moi recoñecida no seu tempo.

Formou parte da Academia Literaria do Conde de la Torre e escribiu sobre todo poemas extensos sobre eventos, celebracións e festas públicas, por exemplo Romance por la victoria de Tetuán (1633). A pesar de que non se coñece con exactitude cando empezou a escribir, o certo é que dende 1628 -ano en que publica a súa primeira obra- ocupa unha posición consolidada no mundo literario da época, como mostran os sucesivos encargos que recibiu para escribir varias relacións sobre sucesos relevantes do momento. A xulgar por estes, ademais da súa capacidade creadora, debeu moverse con habilidade polos círculos da nobreza sevillana próxima ao Conde-Duque de Olivares, pois foron, sen dúbida, os seus excelentes contactos os que lle permitiron gañarse a vida coa escritura -sobre todo grazas aos encargos oficiais- mostrando que nesta época o mecenado compartía espazo co puxante mercado editorial. Os seus poemas encadráronse claramente no discurso dominante e os feitos relixiosos e políticos máis importantes do momento, que a autora enxalzou, aproveitando os prólogos, inicios e peches de poemas para deixar constancia da súa opinión e da súa mirada sobre os temas que trata.

A súa morte parece que foi por mor dunha epidemia de peste en Sevilla o 6 de novembro de 1646. O seu enterro foi un dos máis custosos da época, segundo a inscrición atopada na Real Parroquia de Santa María Magdalena. Isto tamén pon de manifesto a súa fama. O feito de morrer pola peste explicaría por que chegou até nós tan pouca obra súa, pois probablemente foi destruída polo lume.[1]

Obra[editar | editar a fonte]

Obra poética[editar | editar a fonte]

En canto a súa obra poética, o que se coñece son 4 relacións impresas (1628, 1633, 1635, 1637; as tres primeiras en Sevilla e a última en Madrid):

  • Relación na que se dá conta das grandiosas festas que se celebran no Convento de N. P. S. Francisco, da Cidade de Sevilla, en honor dos Santos Mártires do Xapón. Sevilla, Pedro Gómez, 1628;
  • Grandísima vitoria que alcanzó de los moros de Tetuán Iorge de Mendoça y Piçaña, general de Ceuta, quitándoles gran suma de ganados cerca de las mismas puertas de Tetuán. Sevilla, Simón Fajardo, 1633;
  • Relación de la grandiosa fiesta y octava que en la Iglesia parroquial del glorioso arcángel san Miguel de la ciudad de Sevilla hizo don García Sarmiento de Sotomayor, conde de Salvatierra, marqués de Sobroso, Gentilhombre de la Cámara del rey, nuestro señor y del serenísimo Infante, caballero de la orden de Santiago, asistente y maese de campo general de la gente de guerra de Sevilla y su partido por su majestad. Sevilla, Andrés Grande, 1635;
  • Contexto de las reales fiestas que se hicieron en el Palacio del Buen Retiro. Madrid, Imprenta do Reino, 1637.

As relacións son encargos feitos polo poder, que necesita unha literatura de masas e imprímense en pregos soltos. O Conde Duque interesarase persoalmente pola súa publicación. Isto fixo que no seu tempo a profesión de poeta fóra moi competitiva e, por iso, é máis admirable que estes encargos se lle fixeran a ela[3]

Ademais consérvanse: unhas Décimas a Doña María de Zayas y Sotomayor, 1638; unhas Décimas en elogio de D. Francisco Salado Garcés y Ribera, 1640; e un soneto dedicado a Inés Jacinta Manrique de Lara, do que se descoñece a data.[3]

Teatro[editar | editar a fonte]

En canto a súa obra teatral, escribiu dúas comedias: El conde Partinuplés, publicada en 1653, e Valor, agravio y mujer. Tamén unha Loa sacramental na que xoga coas distintas xergas que se podían escoitar na cidade. Parece ser que asumiu ser a encargada de escribir os autos sacramentales para as festas do Corpus de Sevilla entre 1641 e 1645, pero só se conservaron os títulos: La cuesta de la Castilleja, La puerta de la Macarena e Coloquio entre dos.

El conde Partinuplés[editar | editar a fonte]

Segundo o que se conserva do seu teatro, é unha hábil construtora de enredos e crea personaxes femininos moi potentes. El conde Partinuplés é unha comedia cabaleiresca sobre as lendas artúricas e carolinxias, entreverada de historias mitolóxicas. Destaca o papel da maquinaria escénica para unha comedia chea de encantamentos, lances e torneos, guerras, etcétera. O importante desta obra non é o conflito, nin os personaxes nin a coherencia da acción, o importante e sorprendente son os efectos especiais, a escenografía, é dicir, como se puña en escena.[4]

Os seus personaxes, - xunto aos da obra dramática de María Zayas- son damas "combativas e racionais", nada que ver coas protagonistas das outras dramaturgas do Século de Ouro -Ángela de Acevedo e Leonor da Cova e Silva- que as presentan como "Vítimas das paixóns masculinas". Tamén é, das catro dramaturgas, a que ofrece máis detalles escénicos. Aínda que en El conde Partinuplés é o esixido polo xénero da comedia, en Valor, agravio y mujer especifica claramente como debe construírse o decorado.[5]

Análise de Valor, agravio y mujer[editar | editar a fonte]

Existen dous manuscritos na Biblioteca Nacional, ambos do século XVIII. Esta obra é interesante porque nela a autora ironiza sobre a sociedade na que vive e ridiculiza algúns valores tipicamente masculinos. É unha comedia de enredo, de ambiente palatino, que desenvolve, dándolle a volta, o mito de Don Juan, con alusións ao burlador de Sevilla. Está construída sobre o tópico da muller vestida de home e manexa os convencionalismos con habilidade. Nela, Leonor é cortexada e seducida por don Juan ao que se entrega. Pero el esquécese da palabra dada e vai a Flandes, onde se namora da Duquesa Ronsel de quen está tamén namorado o irmán de Leonor. Leonor, para vingarse de don Juan disfrázase de home converténdose en Leonardo. A duquesa acabará namorada dela, sen saber que é unha muller. É unha comedia que xoga cos equívocos e os enredos. Tamén aparecen personaxes prototipos como o gracioso, Ribete, o criado de Leonor, por medio de quen, en ocasións, ouviremos á autora.

"... aínda queren poetizar

as mulleres, e atrévense

a facer comedias xa"[3]

A muller disfrazada de home é un tema recorrente no teatro do Século de Ouro, usado tanto por Lope de Vega, 113 veces, e por Tirso de Molina, 21 veces.[6] No caso desta comedia, o disfrace masculino sérvelle a Leonor como ferramenta para iniciar accións que a conducen a recuperar a súa honra. Estes extremos da honra a levarán a situacións absurdas nas que parece que a única solución é que morran todos.[3]

O tema da sororidade ou solidariedade feminina tamén está presente na obra. Así Ronsel reprocha a don Juan o seu comportamento con Leonor mentres que perdoa a Leonor os seus enganos.[3]

Apréciase a vontade da autora de poñer de manifesto a súa opinión sobre temas que afectaban especialmente ás mulleres, como a castidade, a honra, o matrimonio ou a amizade feminina.[4] Varios críticos quixeron facer unha lectura feminista ou proto-feminista da obra.[7][8]

A traxectoria literaria de Caro, o seu lugar preeminente entre os escritores favorecidos polo poder, o cultivo tanto da poesía como do teatro, e o beneficio económico que recibiu polo seu labor creador, mostran o perfil profesional de escritor (escritora) que se empeza a forxar no século XVII, axuntando o éxito profesional co económico, e poñendo de manifesto o papel que ocupa a muller na cultura do barroco.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Escabias, Juana. "Ana María Caro Mallén de Torres: una esclava en los corrales de comedias del siglo XVII". Consultado o 19 de febreiro de 2018. 
  2. Luna, Lola. "“Ana Caro, una escritora ‘de oficio’ del Siglo de Oro"". 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Riesco Suárez, Nerea. "Ana Caro de Mallén, la musa sevillana: una periodista feminista en el Siglo de Oro". Consultado o 19 de febreiro de 2018. 
  4. 4,0 4,1 Ferrer Valls, Teresa. "La ruptura del silencio: mujeres dramaturgas en el siglo XVII" (PDF). Consultado o 20 de febreiro de 2018. 
  5. Urban Baños, Alba. "Dramaturgas seglares en la España del Siglo de Oro". Consultado o 20 de febreiro de 2018. 
  6. McKendrick (1974). Women and Society in the Spanish Drama of the Golden Age: A Study of the "Mujer Varonil" (en inglés). Cambridge: Cambridge UP.  Parámetro descoñecido |url-access= ignorado (Axuda)
  7. Rhodes, Elizabeth. "Redressing Ana caro's valor agravio y mujer". 
  8. Soufas, Teresa. "A Feminist Approach to a Golden Age Dramaturga's Play". 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Base de datos Bieses
  • Caro Mallén, Ana María (2015). El conde Partinuplés (Edición, introducción y biografía inédita de Juana Escabias). Madrid: Esperpento Ediciones Teatrales. ISBN 978-84-944-0291-3. 
  • Juana Escabias (2013). Dramaturgas del siglo de oro. Madrid: Huerga y Fierro. ISBN 978-84-941-7315-8. 
  • Javier Huerta, Emilio Peral, Héctor Urzaiz, Teatro español de la A a la Z. Madrid: Espasa, 2005.
  • Novela basada en su amistad con María Zayas: Luque, Herminia (2015) Amar tanta belleza. Fundación José Manuel Lara. ISBN 978-8415673132

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]