Ampsivarii

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Baixo Ems

Os Ampsivarii, nomeados por veces como Ampsivari por escritores modernos (unha simplificación non garantida polas fontes), foron unha tribo xermánica mencionada por uns poucos autores antigos.

Historia[editar | editar a fonte]

O seu territorio orixinal era o que agora é a Alemaña noroccidental arredor do río Ems, que desemboca no Mar do Norte. O seu nome é unha adaptación latina do xermánico "Ems-werer", que significa "homes do Ems". A reconstrución da localización doutras tribos na área sitúa os Ampsivarii no Baixo Ems. De feito polo menos dúas cidades modernas desta zona toman o seu nome do Ems: Emden (Alemaña) e Emmen (Países Baixos).

Tácito[editar | editar a fonte]

A primeira historia que se nos conta desta tribo xermánica é moi próxima ao seu final. Tácito en Annales, (Capítulo 13.54,56), cóntanos o triste destino dos homes do Ems, ao que chegaron porque rexeitaron aceptaren unha identidade maior que a de homes dunha tribo, isto é, volvérense parte dunha nación. O problema comezou co seu rexeitamento a axudaren a Arminio no seu ataque sorpresa contra tres lexións romanas na Batalla do bosque de Teutoburgo no ano 9. As tribos que o apoiaron formaron posteriormente a gran federación dos francos.

Despois os Chauci atacáronnos (o ano 58) e botáronnos das súas terras na ribeira do Ems. Convertéronse en refuxiados, hospedados por varias tribos no oeste de Xermania. Entrementres, o exército romano limpara o Baixo Rin, que estaban usando como terra de ninguén entre Xermania e Belgica. O principado decidira deter a expansión imperial no Rin.

Os frisios, con todo, interpretaron erroneamente a inactividade romana. Dando crédito a un rumor de que o exército romano recibira orde de non atacalos, ocuparon algúns territorios ao longo do Rin, e avisáronnos en termos que non admitían dúbida de que se fosen. Cando rexeitaron isto unha forza de cabalaría romana varreunos.

Os Ampsivarii intentaron conseguir o territorio, dirixíndose ao comandante romano na rexión. O seu xefe, Boiocalo, que refugara persoalmente a Arminio (tras pasar algún tempo en prisión por iso e logo servindo a Roma) recibira o status de amigo de Roma. A petición foi agre, pero Tácito non aclara a razón. Os romanos insistían na meliorum imperia, a "autoridade dos mellores", que parece implicar que os Ampsivarii estaban a ser invitados a compartir o seu territorio cos romanos.

En privado Boiocalo foi informado de que, como recordatorio da súa amizade de cincuenta anos, se lle habían entregar os campos. Boiocalo rexeitou a oferta baseándose en que iso faría del un traidor. Esta oferta ía ser a derradeira que os Ampsivarii había recibir.

Daquela formaron unha alianza defensiva cos Tencteri e Bructeri, dúas tribos máis das que habían conformar os futuros francos, pero estas relacións foron demasiado breves ou demasiado tardías. Os romanos invadiron os territorios dos Tencteri e ameazaron con aniquilárennos. Ambos aliados romperon a alianza, os romanos abandonaron o seu país e os Ampsivarii ficaron sós.

Subiron o Rin, acollidos por algunhas tribos, con resistencia por parte doutras, ata que morreron todos os guerreiros. Os sobreviventes foron distribuídos como praeda, botín, entre varias tribos e deste xeito a súa identidade non continuou como para apareceren en Tolomeo.

Sulpicio Alexandre[editar | editar a fonte]

Este nome pertence a un historiador das tribos xermánicos, cuxas obras están todas perdidas agás as citas na obra de Gregorio de Tours. Nunha cita aparecen outra vez os Ampsivarii varios centos de anos despois dos feitos relatados por Tácito, a non ser que se trate dun erro na cita de Gregorio ou que Sulpicio se equivocase. Na cita, un xeneral romano de familia franca, Arbogasto (morto en 394), ataca aos francos a través do Rin e provoca certa devastación entre os Bructeri e os Chamavi. De súpeto aparece sobre un outeiro unha tropa de Chatti e Ampsivarii ao mando de Marcomer e escorrenta aos romanos. As circunstancias implican que algúns Ampsivarii atoparan refuxio onda os Chatti e puideron manter a identidade da súa tribo.

Notitia Dignitatum[editar | editar a fonte]

Non moito despois da morte de Arbogasto, o emperador, Honorio, tivo pouco tempo para lles dedicar aos francos, pois Italia estaba sendo invadida polos godos. Honorio é o emperador que respondeu a unha embaixada británica que pedía axuda contra os invasores anglosaxóns que debían defenderse eles mesmos o mellor que puidesen. A Notitia Dignitatum, que enumera as unidades romanas e a súa heráldica, indica que os francos foron tomados como auxiliares no exército romano. Entre eles aparece unha unidade de Ampsivarii.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]