Ambloplites rupestris
| Ambloplites rupestris | |||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
|
Sinonimia
| |||||||||||||||||||
|
Conservación
| |||||||||||||||||||
| Clasificación taxonómica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| Wikidata G:Commons C:Commons | |||||||||||||||||||
Ambloplites rupestris é unha especie de peixe de auga doce nativo da parte centro-oriental de América do Norte. Este peixe de ollos vermellos pertence á familia Centrarchidae da orde Centrarchiformes e pode distinguirse doutras especies similares polas seis espiñas da súa aleta anal (outras especies da familia teñen só tres).[1]
Distribución
[editar | editar a fonte]
Son peixes nativos do sistema do río San Lourenzo e os Grandes Lagos, a porción superior e media da cunca do río Mississippi en América do Norte desde Québec a Saskatchewan no norte e cara ao sur ata Missouri e Arcansas, ao sur ata o río Savannah, e cara ao leste ata o estado de Nova York a través de Kentucky e Tennessee á parte norte de Alabama e Xeorxia e a Florida no sur. Tamén se atopou no sistema do río Nueces en Texas.[2] Unha poboación introducida no río Loira de Francia entre 1904 e 1910 estase automantendo con éxito, pero non se espallou invasivamente, pasados xa máis de cen anos.[3]
Descrición
[editar | editar a fonte]
Teñen aspecto similar ao Micropterus dolomieu, pero adoitan ser bastante máis pequenos. Características identificativas son as seguintes: as súas dúas aletas dorsais teñen procións unidas por raios brandos e espiñas, boca grande, seis espiñas anais, ollos vermellos e filas de manchas escuras nos laterais do corpo.[1] Teñen a boca situada en posición terminal, baixo o morro, cun pequeno dente cónico para comer as presas. A súa lonxitude media é entre 15 e 25 cm, e raramente pesan máis de medio quilo. Viven xeralmente 10 anos e poucos chegan a vivir máis de 10 ou 12 anos. A. rupestris, é a especie máis grande e común do xénero Ambloplites, cuxa máxima lonxitude rexistrada foi de 43 cm, e o peso máximo rexistrado de 1,4 kg.[4] A coloración do corpo vai de marrón dourado a oliva cun ventre de cor de prateada a branca e teñen a capacidade de cambiar rápido de cor para camuflarse co medio que os rodea. Esta característica camaleónica permítelles prosperar na súa ampla área de distribución.[5]
Hábitat
[editar | editar a fonte]Prefiren lagoas de regatos e ribeiras de lagos claras, rochosas e con vexetación. As ribeiras rochosas dos lagos e encoros do noroeste son un hábitat común para eles. Os seus hábitats favoritos conteñen algo de vexetación con fondos rochosos e augas de frías a cálidas.[5] Están sorprendentemente tranquilos en zonas con actividades humanas, vivindo baixo os peiraos dos lagos e preto das augas de zonas de baño ou natación. Vense con frecuencia en grupos, especialmente preto doutros Centrarchidae.[Cómpre referencia]
Dieta e predadores
[editar | editar a fonte]Son carnívoros e a súa diea consiste en pequenos peixes, incluíndo ás veces as súas propias crías, Perca flavescens e Leuciscinae, así como insectos, e crustáceos. Ocasionalmente toman comida da superficie. Os adultos pode comer moito, especialmente ao serán e pola mañá. As crías desta especie son depredadas por grandes black bass, Esox lucius, Esox masquinongy e Sander vitreus. Compiten pola comida co Micropterus dolomieu.[5]
Conservación
[editar | editar a fonte]A especie sobrevive ben no seu ambiente e a IUCN considera que está en "preocupación menor". Baseándose na estabilidade da súa poboación, a especie non precisa ningunha monitorización especial nin plans de xestión. Como peixe de pesca deportiva está sometido a algunhas regulacións. Hai límites de tamaño para a súa pesca nalgúns corpos de auga. Poden usarse lagoas artificiais ou zonas limitadas con redes no seu hábitat para mellorar o estado das poboacións deste peixe.[6]
Reprodución
[editar | editar a fonte]
Están maduros sexualmente aos 2 ou 3 anos de idade. Son polixinandros, e os machos e as femias teñen múltiples parellas durante a estación reprodutora. A desova prodúcese de abril a inicios de xuño en augas cálidas entre 12-15 °C, e as femias poñen de 2.000 a 11.000 ovos.[5] Igual que outros Centrarchidae, o macho cava un niño nunha zona pouco profunda do lago, e gárdao de forma agresiva. Unha área de desova pode ser moi utilizada por varios exemplares que fan os niños a pouca distancia.[7] Como resultado, os machos poden facerse moi agresivos cando pretenden defender o seu territorio e atraer e conservar as femias. Non realizan cortexos, así que a femia entra no niño e únese ao macho no seu comportamento circular. Tanto a femia coma o macho liberan simultaneamente os gametos no niño.[6] O macho garda e abana os ovos, e posteriormente coida das crías durante un curto tempo.[1] Crecen con rapidez.[Cómpre referencia]
Mellores marcas da IGFA
[editar | editar a fonte]É un peixe de pesca deportiva en gran parte da súa distribución. A mellor marca para a IGFA en todas as modalidades de pesca desta especie é un exemplar de 1,36 kg capturado no río York, Ontario, Canadá en 1974 e outro de igual peso capturado no lago Erie, Pensilvania, Estados Unidos en 1998.[8]
Confusións
[editar | editar a fonte]Ambloplites constellatus e Ambloplites ariommus son parecidos a esta especie, pero considerados especies separadas. Rafinesque asignou orixinalmente este peixe ao xénero Bodianus, que é un xénero de lábridos mariños.[Cómpre referencia]
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 "DNR - Rock Bass Ambloplites rupestris". Arquivado dende o orixinal o 2011-09-16.
- ↑ Bergman, R. (1942). Fresh Water Bass. Nova York: Penn Publishing Corp. ISBN 9781447457725..
- ↑ Menno Soes; Steven Cooke; H. H. Van Kleef; P. B. Broeckx; Paul Veenvliet (21 de marzo de 2010). Bureau Waardenburg bv, ed. "A risk analysis of sunfishes (Centrarchidae) and pygmy sunfishes (Elassomatidae) in The Netherlands" (11-042): 15.
- ↑ Froese, Rainer; Pauly, Daniel, eds. (decembro de 2019). "Ambloplipes rupestris". FishBase (en inglés).
- 1 2 3 4 "Bass Fishing: Rock Bass".
- 1 2 Schnell, Brendan (2014). Powers, Karen; Martina, Leila Siciliano, eds. "Ambloplites rupestris (Goggle eye)". Animal Diversity Web. Consultado o 19 de febreiro de 2023.
- ↑ Gross, M.; W. Nowell (1980). "The reproductive biology of rock bass, Ambloplites rupestris (Centrarchidae), in Lake Opinicon, Ontario". Copeia (3): 482–494. JSTOR 1444526. doi:10.2307/1444526.
- ↑ "Bass, rock". igfa.org. IGFA. Consultado o 15 de xuño de 2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sistema Integrado de Información Taxonómica. "'Ambloplites rupestris' (TSN 168097)" (en inglés).
- Ellis, Jack (1993). The Sunfishes-A Fly Fishing Journey of Discovery. Bennington, VT: Abenaki Publishers, Inc. ISBN 0-936644-17-6.
- Rice, F. Philip (1964). America's Favorite Fishing-A Complete Guide to Angling for Panfish. Nova York: Harper Row.
- Rice, F. Philip (1984). Panfishing. Nova York: Stackpole Books. ISBN 0-943822-25-4.
