Saltar ao contido

Alykul Osmonov

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaAlykul Osmonov
Biografía
Nacemento21 de marzo de 1915 Editar o valor en Wikidata
Aulietinsky Uyezd Editar o valor en Wikidata
Morte12 de decembro de 1950 Editar o valor en Wikidata (35 anos)
Bixkek Editar o valor en Wikidata
Causa da mortetuberculose Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaАла-Арчинское кладбище Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióntradutor, poeta, escritor Editar o valor en Wikidata
Premios

Alykul Osmonov (en kirguiz, Алыкул Осмонов); nado o 21 de marzo de 1915 en Kaptal-Aryk e finado o 12 de decembro de 1950 en Frunze, foi un poeta, tradutor e dramaturgo kirguiz, considerado unha das figuras fundamentais da poesía kirguiz do século XX.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Alykul Osmonov naceu nunha aldea do actual distrito de Panfilov, no norte de Kirguiztán, nunha chaira arrodeada ao lonxe pola cordal de Tian Shan. Quedou orfo antes de cumprir os tres anos e educouse dende 1925 no orfanato n.º 2 de Tokmok. En 1929 trasladouse a Frunze para estudar no Instituto Pedagóxico Central, e alí comezou a escribir poesía.[1]. En 1932, por mor do agravamento dunha enfermidade pulmonar, tivo que abandonar os estudos e grazas a axuda do escritor Aaly Tokombaev comezou a traballar na revista Чабуул. En 1933 traballou durante seis meses na redacción do xornal Ленинчил жаш[2]. Entre 1934 e 1936 traballou como redactor para Kyrgyzmambas, a principal editorial da república.

O seu desenvolvemento como escritor estivo estreitamente relacionado coa lectura e tradución de autores de diferentes tradicións literarias. Entre os autores que traduciu figuran Nizami Ganjavi, Shota Rustaveli, William Shakespeare e Aleksandr Pushkin[1]. As súas viaxes ao longo do país tamén contribuíron á súa formación como escritor, ao escoitar composicións da tradición oral tomaba notas e analizaba o material, que posteriormente incorporaba á súa propia creación literaria[3]. En agosto de 1941 casou con Zeynep Sooronbaeva[2]e nese ano presentouse voluntariamente no comisariado militar para solicitar o envío á fronte, pero a súa saúde impediulle incorporarse ao exército.[2] A súa vida familiar estivo marcada pola perda da súa filla, que morreu en febreiro de 1942, pouco despois do seu nacemento[2]. En agosto de 1943 divorciouse da súa muller e entre 1945 e 1950 viviu en Cholpon-Ata, nas proximidades do lago Issyk-Kul[2]. Delicado de saúde, entre 1948 e 1949 a súa enfermidade de tuberculose pulmonar agravouse considerablemente. O 12 de decembro de 1950 morreu aos 35 anos como consecuencia da súa enfermidade [3].

A obra de Osmonov combina a tradición da literatura oral kirguiz con formas da literatura escrita moderna. A relación entre tradición e innovación constitúe un dos temas recorrentes da crítica dedicada ao poeta.[4][5] O primeiro poema de Osmonov, Kьzьl jyk («Carga vermella»), celebra o traballo da terra e o envío do gran como unha honra e unha riqueza do rural, publicouse en setembro de 1930 no xornal Сабаттуу бол e no ano seguinte Ленинчил жаш, o órgano do Comité Central do Partido Comunista de Kirguizistán, dedicoulle unha páxina especial aos seus poemas. En 1935 converteuse en candidato a membro da Unión de Escritores da Unión Soviética e saíu ao prelo o seu primeiro libro de poemas, Taꞑdaƣь Ьrlar («Poemas do amencer»)[2]. En 1937 publicáronse as coleccións de poemas Cьldьzduu caştьk («Mocidade estrelada») e Colponstan («Da estrela da mañá»).

En 1945 apareceu a colección Махабат («Amor») e a súa peza Экинчи бригада («A segunda brigada») tivo estrea no Teatro Dramático Rexional de Przhevalsk. En 1946 publicou a colección Жаңы ырлар («Novos poemas») e ao ano seguinte Балдар үчүн («Para os nenos») e Менин жерим – ырдын жери («A miña terra é terra de poesía»). A poesía de Osmonov deste último período está estreitamente relacionada coa patria, coa paisaxe e en especial co lago Issyk-Kul[6].

O lago Issyk-Kul

O poema Ата-Журт (en galego, «Patria» ou «Terra dos pais») é unha das composicións máis coñecidas da súa obra lírica e unha das expresións máis significativas da súa poesía dedicada á patria[6]. Escribiuna en 1948, cando a súa saúde sufriu unha fonda deterioración e sabía que o seu final estaba cerca. O poema, lonxe de utilizar un ton retórico, presenta a patria mediante unha linguaxe próxima á da relación entre nai e fillo ao que o poeta se dirixe directamente. A relación entre o poeta e a patria adquire así unha dimensión familiar: o territorio natal non aparece simplemente como unha abstracción política ou xeográfica, senón como unha realidade á que se debe protección, coidado e fidelidade e precisamente esta sinxeleza da expresión intensifica a forza do sentimento patriótico. A composición está construída arredor dunha situación de adversidade, e así o frío, a neve, o vento e a escuridade funcionan como imaxes do sufrimento e do perigo. Ante esas circunstancias, o poeta ofrece o seu propio corpo como protección e declara a súa disposición a asumir como algo propio a súa dor e as súas dificultades. A obra conclúe cunha imaxe de forza, liberdade e esperanza, e así a superación do inverno e da escuridade afirma a fortaleza da patria e da disposición do poeta para entregar a vida na súa defensa. Publicouse postumamente en 1958.

Actividade tradutora

[editar | editar a fonte]
Primeira páxina da versión orixinal en inglés de Noite de reis. Mais Osmanov non traduciu dende o inglés. Na Unión Soviética as traducións facíanse a partir de versións rusas, fose cal fose a lingua orixinal

En 1929, antes de publicar a súa primeira composición orixinal, traduciu ao kirguiz «Kьşkь kec» («Noite de inverno»), de Aleksandr Pushkin. A actividade tradutora tivo unha importancia fundamental na súa formación e contribuíu decisivamente á súa maduración artística[3]

Desde maio de 1938 traballou na tradución libre ao kirguiz do poema épico de Shota Rustaveli, ვეფხისტყაოსანი («O cabaleiro da pel de tigre»), tradución que se publicou en 1940 en Kazán. En 1941 comezou coa tradución ao kirguiz de Хосров менен Ширин (Khusraw o Shīrīn) do poeta persa Nizami Ganjavi e continuou a revisala ao longo da década, pero non chegou a rematala. Publicouse postumamente, sen as primeiras vinte páxinas que permanecen desaparecidas, na escolma Сборник сочинений (1964)

Entre 1942 e 1943 traballou na tradución de Noite de reis, de William Shakespeare, que se representou no Teatro Dramático de Kirguizistán en marzo de 1943 e en 1945 e 1946 traduciu Otelo, tamén de Shakespeare, que se publicou en 1949 e que viu a estrea no Teatro Dramático de Kirguizistán en 1950.

En 1948 rematou a tradución de Yevgueni Oneguin de Aleksandr Pushkin que se publicou nese ano pero que non tivo estrea, no Teatro Dramático de Kirguizistán, ata 1950.

  1. 1 2 Umetalieva, Sharipa (1958). Алыкул Осмонов. Frunze: Кыргызмамбас. p. 184.
  2. 1 2 3 4 5 6 Аkmataliev, A., ed. (2015). Энциклопедия Алыкула Осмонова. Бийиктик плюс. pp. 15–16.
  3. 1 2 3 Мurzaev, Н. Т. (2025). "Алыкул Осмонов — народный герой или великие уроки великого человека (к 110-летию со дня рождения А. Осмонова)". Бюллетень науки и практик 11 (8): 506–510. doi:10.33619/2414-2948/117/71.
  4. ↑ Sadykov, A. (1959). "А.Осмоновдун чыгармачылыгында элдик жанрлардын пайдаланылышы". Мугалимдерге жардам (9): 49–56.
  5. ↑ Sadykov, A. (1962). Алыкул Осмоновдун поэзиясындагы традиция жана новатордук. Frunze.
  6. 1 2 Моldalieva, Н. А. (2015). "Алыкул Осмонов — кыргыз поэзиясынын классиги".

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Kydyrbayeva, R. Z. (1957). Лирика Алыкул Осмонова. Frunze: Издательство АН Киргизской ССР. p. 113. 
  • Umetalieva, Sharipa (1958). Алыкул Осмонов: (өмүрү жана чыгармалары). Frunze: Кыргызмамбас. p. 184. 
  • Sadykov, A. (1962). Алыкул Осмоновдун поэзиясындагы традиция жана новатордук. Frunze. 
  • Sadykova, Sh. (1967). Алыкул Осмонов: Библиография произведений А. Осмонова и литературы о нём на киргизском и русском языках. Frunze: Кыргызстан. p. 46. 
  • Kydyrbayeva, R. (1970). "Алыкул Осмонов". История киргизской советской литературы. Moscova: Наука. pp. 447–465. 
  • Murzaev, N. T. (2025). "Алыкул Осмонов — народный герой или великие уроки великого человека". Бюллетень науки и практики 11 (8): 506–509. doi:10.33619/2414-2948/117/71. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]