Alonso de Castro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Alonso de Castro
Nome completoAlonso de Castro y Ponce de León
Nacementoséculo XIIIxuliano
Falecementoséculo XIVxuliano
PaiAlvar Peres de Castro
IrmánsBeatriz de Castro
editar datos en Wikidata ]

Alonso de Castro e Ponce de León, foi un nobre galego, señor de Castroverde. Foi fillo de Alvar Peres de Castro, primeiro conde de Arraiolos (vila portuguesa no Distrito de Évora), primeiro conde de Viana da Foz do Lima e primeiro condestábel de Portugal, e da súa dona María Ponce de León. Á súa vez, era neto, por liña paterna, de Pedro Fernández de Castro, "o da guerra", señor da Casa de Lemos (finado en 1343) e da dama portuguesa Aldonça Lorenço de Valadares (nada contra o 1270). Por liña materna os seus avós foron don Pedro Ponce de León, "o vello", señor de Marchena e Bailén, e da súa dona Beatriz de Jérica e Lauria (1305-1372). Polo tanto, Alonso de Castro descendía por vía paterna, da Casa Real de Castela, sendo bisneto de Sancho IV, "o Bravo", rei de Castela e León. Por vía materna, era descendente directo de Xaime I o conquistador, rei de Aragón. Foron irmáns de don Alonso de Castro: -Pedro de Castro "o Vesgo", señor de Cadaval, que casou con Leonor Tellez de Meneses, cuxa descendencia deu continuidade á casa de Cadaval; -Beatriz de Castro, casada con Pedro Núñez de Lara, conde de Mayorga, matrimonio que non tivo descendencia; -Sabela de Castro, casada con Pedro Enríquez, conde de Lemos, cuxa descendencia deu continuidade á casa de Lemos.

Nupcias[editar | editar a fonte]

Alonso de Castro, señor de Castroverde, contraeu matrimonio con María Ramírez de Guzmán, filla de García Fernández, primeiro señor de Vilagarcía, e da súa dona María Ramírez de Guzmán.

Descendencia[editar | editar a fonte]

Foron fillos de Alonso de Castro e María Ramírez de Guzmán: -García de Castro e Guzmán, que sucedeu a seu pai no señorío de Castroverde; casou con Mencía de Guzmán, de quen non tivo descendencia; -Fernando de Castro e Guzmán, que sucedeu ao seu irmán García no señorío de Castroverde en 1435, data da morte deste. Fernando casou con Xoana de Bazán e Bracamonte, matrimonio do que naceron Carlos, Alvaro, Alonso e Isabel de Castro e Guzmán, sucesivos herdeiros do señorío de Castroverde; -Leonor de Castro, casada con Pedro Bermúdez de Montaos "o vello", unión da que proceden os sucesores da casa de Montaos; -Inés de Castro e Guzmán, quen contraeu primeiras nupcias con Pedro de Bazán, señor de Valduerna, volvéndose a casar posteriormente con Lope Sánchez de Ulloa, señor de Ulloa, sendo pais do primeiro Condado de Monterrei, Sancho de Ulloa, e do polo menos outros tres fillos, Gonzalo, María e Mayor de Ulloa, todos eles con descendencia; -Xoana de Castro e Guzmán, casada con Rodrigo de Moscoso, señor de Altamira, de cuxa descendencia proceden os Casa de Altamira.