Saltar ao contido

Almeida Júnior

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaAlmeida Júnior

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento8 de maio de 1850 Editar o valor en Wikidata
Itu, Brasil Editar o valor en Wikidata
Morte13 de novembro de 1899 Editar o valor en Wikidata (49 anos)
Piracicaba, Brasil Editar o valor en Wikidata
Causa da mortehomicidio, ferida de arma branca Editar o valor en Wikidata
EducaciónAcademia Imperial de Belas Artes (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpintor Editar o valor en Wikidata
Xénero artísticoRetrato Editar o valor en Wikidata
MovementoRealismo Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Premios

Musicbrainz: f79930e6-0faa-43d4-bacc-d2fb4d7de64a Discogs: 2385477 Editar o valor en Wikidata

José Ferraz de Almeida Júnior, nado en Itu o 8 de maio de 1850 e finado en Piracicaba o 13 de novembro de 1899, foi un pintor e debuxante brasileiro da segunda metade do século XIX. Está considerado un precursor da temática rexionalista, introducindo temas inéditos até entón na produción académica do Brasil. A súa atención a personaxes simples e anónimas, así como a súa fidelidade no retrato da cultura caipira, renegaban da monumentalidade en voga no ensino artístico oficial, promovendo no seu lugar o naturalismo.

O Día do Artista Plástico celébrase no Brasil o 8 de maio, data de nacemento do pintor.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]
Apóstolo San Pablo (1869)
Apóstolo São Paulo (1869)

Almeida Júnior naceu e criouse en Itu, sendo un artista precoz. A súa primeira influencia foi o padre Miguel Correa Pacheco, que traballaba na Catedral da Nosa Señora da Candelaria, para a que produciu algunhas obras de temática sacra. Unha colecta organizada polo sacerdote permitiu ao artista, de 19 anos, embarcar cara a Río de Xaneiro para completar os seus estudos.

En 1869, Almeida Júnior matriculouse na Academia Imperial de Belas Artes. Alí, foi alumno de Jules Le Chevrel, Victor Meirelles e, posiblemente, Pedro Américo. Diversas crónicas relatan as súas formas simples e o seu xeito de falar causaron espanto aos seus compañeiros da Academia. En palabras de Gastão Pereira da Silva:

Era o máis auténtico e xenuíno representante do tradicional tipo paulista. Mais sen a experiencia dun home de cidade. Falaba como os primitivos provincianos e tal como eles vestía, andaba e se retraía. Mais iso non impediu que fixese un curso brillantísimo, durante o cal recibiu diversos premios en deseño, pintura histórica e modelo vivo; inclusive, en 1874, a gran medalla de ouro co seu cadro Ressurreição do Senhor.

Tras rematar o curso, optou por non concorrer ao premio de viaxe por Europa. Almeida Júnior regresou a Itu e abriu un estudio na localidade, pasando a traballar como retratista e profesor de deseño.

Viaxe a París

[editar | editar a fonte]
O Derrubador Brasileiro (1879)
O Derrubador Brasileiro (1879)

En 1876, durante unha viaxe ao interior paulista, o emperador Pedro II, impresionado polo seu traballo, ofreceuse persoalmente a sufragar o custo dunha viaxe a Europa, para que o artista puidese perfeccionar a súa habilidade. Ao ano seguinte, un decreto do 23 de marzo da Casa Imperial abriu un crédito de 300 francos mensuais para que o pintor fose a Roma ou París.

O 4 de novembro de 1876, Almeida Júnior embarca no navío Panamá rumbo a Francia, fixando a súa residencia no barrio de Montmartre. Ao mes seguinte, matriculouse na Escola Nacional Superior de Belas Artes. Nesta institución, foi alumno de Alexandre Cabanel e Lequien Fils, destacando en deseño anatómico e de ornamentos.

Almeida Júnior participou en catro edicións do Salón de París, entre 1879 e 1882. Deste período data algunhas das súas obras mestras, como O Derrubador Brasileiro, Remorso de Judas (Salón de 1880), A Fuga para o Egito (Salón de 1881) ou O Descanso do Modelo (Salón de 1882). Outras obras emblemáticas da súa etapa parisiense son Arredores de Paris e Arredores do Louvre, para alén dun conxunto de dezaseis teas retratando o barrio de Montmartre, actualmente perdidas.

O pintor permaneceu na capital francesa até 1882. Nese ano, fixo unha breve viaxe a Italia, onde entrou en contacto cos irmáns Rodolfo e Henrique Bernardelli.

Consagración no Brasil

[editar | editar a fonte]

De volta ao Brasil en 1882, Almeida Júnior realizou a súa primeira mostra individual na Academia Imperial de Belas Artes, exhibindo a súa produción parisiense. Ao ano seguinte, abre un estudio na rúa da Gloria, en São Paulo, no que formará novas xeracións de pintores, entre os que destaca Pedro Alexandrino. En São Paulo, o artista promoveu vernissages exclusivas para a prensa e potenciais compradores. Tamén realizou retratos de baróns, de profesores da Facultade de Dereito e de partidarios do movemento republicano, para alén de paisaxes e pinturas de xénero. As súas achegas contribuíron decisivamente á maduración artística da cidade.

En 1884, expón novamente as súas telas do período parisiense na 26.ª Exposición Xeral de Belas Artes da Academia Imperial de Belas Artes, que foi a derradeira e máis importante das realizadas durante o período imperial.

O Violeiro (1899)
O Violeiro (1899)

Nese mesmo ano, recibiu o título de Cabaleiro da Orde da Rosa, concedido polo goberno imperial. En 1885, rexeita o convite de Victor Meirellas para ocupar a súa praza de profesor de pintura histórica na Academia, permanecendo en São Paulo. Entre 1887 e 1896, realizou outras tres viaxes a Europa, a última delas en compañía do seu discípulo Pedro Alexandrino.

No seu derradeiro período, Almeida Júnior irá substituíndo progresivamente os temas bíblicos e históricos por obras rexionalistas, que o situaron como precursor do realismo na historia da arte brasileira. En pezas como Caipira Picando Fumo (1893), Amolação Interrompida (1894) ou O Violeiro (1899) revela o seu desexo de aproximarse ao cotián dos habitantes do interior, distanciándose das fórmulas xeneralistas da pintura académica e achegándose á pintura naturalista. Non obstante a súa nova orientación estilística, o seu prestixio permaneceu incontestado na Academia, que expuxo obras como Leitura (1892) e Piquenique no Rio das Pedras (1892) e lle concedeu a medalla de ouro por A Partida da Monção (1894).

Falecemento

[editar | editar a fonte]

Almeida Júnior finou o 13 de novembro de 1899, aos 49 anos. Foi acoitelado fronte ao Hotel Central de Piracicaba por José de Almeida Sampaio, o seu curmán e marido de Maria Laura do Amaral Gurgel, con quen o pintor mantivo un amorío por varios anos.[1]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]