Aliki Vougiouklaki

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aliki Vougiouklaki
Алики Вуюклаки даёт автограф.jpg
Nacemento20 de xullo de 1934
Lugar de nacementoMarousi
Falecemento23 de xullo de 1996
Lugar de falecementoAtenas
Causacancro de páncreas
SoterradaPrimeiro Cemitério de Atenas
NacionalidadeGrecia
EtniaGregos
Alma máterNational Theatre of Greece Drama School
Ocupacióncantante, actriz de cinema e actriz de teatro
CónxuxeDimitris Papamichael e Giorgos Iliadis
FillosGiannis Papamichael
IrmánsTakis Vougiouklakis e Antonis Vougiouklakis
Na rede
IMDB: nm0903818 Musicbrainz: d42b3792-9267-48a6-a756-3cac460796e1 Discogs: 1387435 Allmusic: mn0001974359 WikiTree: Βουγιουκλάκη-1 Find a Grave: 29042682 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Aliki Vougiouklaki, nada en Marousi o 20 de xullo de 1934 e finada en Atenas o 23 de xullo de 1996, foi unha actriz e cantante grega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu nunha localidade de Ática próxima á capital grega filla de Emmy Koumoundourou e Ioannis Vougiouklakis. Durante a ocupación alemá de Grecia seu pai foi prefecto de Arcadia (1941-1943), nomeado polo goberno de Georgios Tsolakoglou, e en xuño de 1943 membros da resistencia asasinárono por colaboracionista[1]. Aliki, cos seus irmáns Takis e Antonis quedou ao coidado da súa nai en difíciles circunstancias económicas[2].

En 1952 entrou na Escola Dramática do Teatro Nacional de Grecia e antes da súa graduación en 1955 debutou no teatro no papel de Louison da obra de Molière O enfermo imaxinario en 1953 e ao ano seguinte no cinema no papel protagonista de To pontikaki[3]de Nikos Tsiforos.

En 1959 protagonizou o filme To xylo vgike apo ton Paradeiso, unha comedia de Alekos Sakellarios que recibiu o premio retrospectivo ao mellor filme grego do período 1955-1960 na Semana do Cinema Grego de Tesalónica de 1960[2]e a Aliki tamén lle concederon, pola súa interpretación como protagonista en Mandalena de Dinos Dimopoulos, o premio á mellor actriz protagonista; o filme representou a Grecia no Festival de Cannes de 1961. Producido por Finos Film, con esta produtora protagonizou filmes que se converteron en grandes éxito de público en Grecia ao longo década de 1960 como I Aliki sto nautiko (1961), I Liza ke i Alli (1961), To doloma (1964) ou I arhontissa ke o alitis (1968). En 1963 coa intención de darse a coñecer internacionalmente protagonizou o filme británico en inglés Aliki My Love que non gozou do éxito esperado.

Ao tempo mantívose activa no teatro coa compañía de Kostas Mousouris ata 1961[4] cando estableceu a súa propia compañía teatral que montou ese inverno en Tesalónica a súa primeira peza, o musical Ωραία μου κυρία. Non obstante, a montaxe con grandes medios en 1962 de Καίσαρ και Κλεοπάτρα de Bernard Shaw en colaboración co compositor Manos Hatzidakis non foi do agrado do público e a obra cancelouse ás poucas representacións[4]. O éxito volveulle a fin de ano coa posta en escena da obra de Christos Giannakopoulos Chtipokardia sto thranio que tivo versión cinematográfica, que protagonizou o ano seguinte, e foi tamén un éxito.

Nos primeiros anos da década de 1970 continuou o seu éxito no cinema, protagonizando filmes como Ipolochagos Natassa en 1970 que se converteu no filme máis visto en Grecia ata 1999[5], I kori tou iliou (1971) ou I Maria tis siopis (1972) considerado o derradeiro filme do período de apoxeo do cinema grego [6]. O declive comercial do cinema grego levouna a centrarse no teatro musical a partir de 1975 e iniciou no país as grandes producións musicais [4] con Καμπίρια de Neil Simon. E nese ano de 1975 tamén protagonizou a primeira serie para a televisión, Vasilissa Amalia. Nos anos seguintes seguiu no teatro protagonizando grandes producións musicais e teatrais como Καμπαρέ (1978), Άννυ (1981), Εβίτα (1981/82), Βίκτωρ Βικτώρια (1983/84), Antígona (1990), Γλυκό Πουλί της Νιότης (1990/91) e na tempada 1993/94 puxo en escena por quinta volta Ωραία μου Κυρία.

Notas[editar | editar a fonte]